Este xoves sorteouse o almanaque da primeira fase da nova Terceira Galega. A sede da Real Federación Galega de Fútbol en Compostela foi o lugar onde se desenvolveu o sorteo. A competición comeza a finde das San Lucas cun formato renovado. Os tres representantes lucenses están encadrados no subgrupo 1A. A primeira fase do campionato consta de 22 xornadas. A data prevista de finalización é do 21 de marzo, cadrando co inicio da primavera.
Nun mes chega o primeiro derbi lucense oficial da temporada:
Polvorín – SD Fisterra
Arzúa – Racing Vilalbés
Viveiro – Agrupación Estudiantil
Na primeira xornada vai debutar na casa o Polvorín. Farao ante a SD Fisterra que estrea categoría logo do seu ascenso. Pola súa banda, o Racing Vilalbés visitará o campo do equipo revelación do que se xogou no curso pasado. Xogará no Viso ante o Arzúa. O Viveiro retorna á Terceira debutando en Cantarrana. Enfrontarase ao Agrupación Estudiantil. O equipo aparece con este nome designado da Federación, aínda que chegou a un acordo co Vista Alegre de Santiago e xogará os seus partidos nesta parroquia urbana da capital de Galicia. Un proxecto tamén novo que se porá a proba en terras viveirenses. A segunda volta comezará co ano. Xogarase a fin de semana do dez de xaneiro.



Na segunda xornada vai chegar xa un prato forte na provincia. Na Magdalena xogarase un dos derbis. O Racing Vilalbés recibe ao Polvorín, unha das súas materias pendentes nas últimas dúas tempadas. Dende que o filial albivermello ascendeu á Terceira División, os dous equipos xogaron tres encontros. O cadro capitalino conta os tres como vitorias. Na segunda volta esta xornada xogarase a fin de semana do 17 de xaneiro.
Na terceira xornada compensamos que o festivo do 1 de novembro cae a domingo. O motivo é que haberá dous derbis. Será a quenda do Polvorín e do Viveiro na capital da provincia. E tamén o haberá na Magdalena. O Racing Vilalbés xogará dous partidos consecutivos na casa. Enfrontarase ao CD As Pontes. Na segunda volta esta xornada xogarase a fin de semana do 24 de xaneiro. Para o derbi entre o Viveiro e o Racing Vilalbés haberá que agardar a primeira finde de decembro. Na segunda volta xogarán o 28 de febreiro.
Non obstante, os desprazamentos próximos repetiranse ao longo desta primeira fase ao dividir o tradicional grupo da Terceira División en dous. Outro dos encontros salientables desenvolverase na fin de semana do 15 de novembro. O Fabril do capitán Diego Villares xogará na Madalena. Para a primeira fin de semana de decembro (xusto pegada á Ponte da Constitución) queda o duelo de filiais da categoría. Fabril e Polvorín xogarán primeiro en Abegondo. A segunda volta queda para a última finde de febreiro.


O plan é que as 11 xornadas da 1ª volta se xoguen xa neste 2020. A última está enmarcada para a fin de semana do 20 de decembro. Só habería unha xornada pola semana. Cadra co 8 de decembro, festivo. O 10 de xaneiro comezará a segunda volta e xogarase todas as findes de semana ata o 21 de marzo. A partir de aí comeza a segunda fase na que resultarán claves os puntos conseguidos no primeiro tramo da temporada.
Última xornada:
Silva – Racing Vilalbés
Polvorín – Arzúa
Viveiro – Fabril
Os tres primeiros clasificados da primeira fase entrarán nunha liga polo ascenso (6 xornadas a dobre volta só contra os rivais do outro sub-grupo) da que sairán dous ascensos directos á nova Segunda División RFEF (cuarta categoría despois da Primeira, Segunda e Primeira RFEF). Do cuarto ao sexto de cada sub-grupo inicial sairán (tamén nunha mini liga de seis xornadas) dúas prazas para a promoción de ascenso (terceira fase). En ambos casos os conxuntos conservarán os puntos da primeira fase. Entre o sétimo e o último clasificado de cada sub-grupo sairán dous grupos máis -de seis equipos cada un- nos que se que pelexará por manter a categoría a dobre volta e enfrontándose tan só aos rivais do outro subgrupo. En cada un destes grupos de 6 descenderán 4 equipos.
Sen dúbida, o primeiro obxectivo dos equipos lucenses será quedar entre os seis primeiros. Destes xeito evitarían xa de primeiras calquera posibilidade de descenso.
Consulta o calendario completo da 1ª fase da Terceira: Calendario_GRUPO_1A