Dani Roca, máximo goleador da Segunda Futgal

Dani Roca golea e ninguén queda atrás na zona baixa do sur

  • Dani Roca marcou tres goles no triunfo do Friol en Antas. O cadro friolés segue sendo despois do Lemos B o equipo máis en forma do curso. Supera a barreira dos 30 puntos e está a piques de selar unha permamencia que se complicou na primeira volta.
  • Xornada con triunfos moi importantes na parte baixa. A igualdade é máxima. O gran axitador é o San Lázaro con catro triunfos seguidos. Chantada B e Sober conseguiron vitorias cruciais. O Monterroso B cambia de adestrador coa saída de Óscar Pampín.
  • O Folgueiro é terceiro, pero é o único equipo que depende de si mesmo para subir. Tras gañarlle ao Guitiriz, que se mantén líder provisonalmemte, o club do Vicedo, o ter un partido pendente podería asaltar o liderado.

A 22ª xornada da Segunda Futgal mantén ao Guitiriz e ao Becerreá coma líderes, aínda que o Folgueiro e o Lemos B pasan a depender de si mesmos para quitarlles o posto.

As opcións de salvación seguen condicionadas polos arrastres. Non obstante, sobresae a igualdade da zona sur. Dende o 8º ata o último posto hai nove puntos, con algún club pendente de recuperar un encontro.

Lembrade que cando falamos dos arrastres poñémonos no peor caso. Os tres descensos directos da Primeira Futgal arrastran nos grupos da Segunda. Incluso podería haber unha baixada a maiores polo arrastre da Sarriana dende a Segunda RFEF. Agora mesmo ese hipotético descenso non lle afectaría a ningún lucense da Primeira Futgal. Un ascenso na promoción dun equipo da Segunda libera un arrastre no grupo do que proceda. Se rematase así a liga no sur e o Lemos B lograse subir, tras superar dúas eliminatorias na promoción ante equipos da provincia da Coruña, a posición actual de arrastre do Páramo quedaría anulada. 

De acabar agora a liga:

Ascenso directo: Guitiriz e Becerreá

Promoción de ascenso: Riotorto e Lemos B

Descenso por arrastre (un ascenso no play off, elimina un arrastre ata un máximo de un en cada grupo): Castroverde, Monterroso B e O Páramo

Descenso directo: San Ciprián, Matela, Chantada B e Sober

Partidos pendentes de xogarse:

Sanci – Celta Barreiros (19/03)

Meira – Folgueiro (19/03)

Goiriz – Sp. Pontenova (02/04)

Chantada B – San Roque (02/04)

Portomarín – Santa Comba (02/04)

Becerreá – Lemos B (02/04)

Monterroso B – Ferreira (01/05)

O Folgueiro depende de si para subir

Era un dos grandes partidos da xornada, tal e como destacamos na axenda da pasada fin de semana. O Folgueiro derrotou pola mínima ao Guitiriz (1-0). Segue de terceiro, pero os tres puntos permítenlle ser a día de hoxe o único equipo da zona norte que depende de si para subir. 

Suma 43 puntos, a un do Riotorto e a dous do Guitiriz, que se mantén lider a pesar de perder. Con todo, o club do Vicedo ten un partido menos. O 19 de marzo, festivo de San Xosé, recuperará o partido aprazado co Meira na Lomba. 

Ambos os dous equipos amosaron a súa solidez. Os locais trataron de dominar o balón e os visitantes de recuperar rápido o balón e transitar ofensivamente. A lesión de Labrada no primeiro tempo mermou as prestacións do Guitiriz. 

As ocasións estiveron equilibradas e un gol marcou a diferenza. A dez minutos do 90, Ángel intercedeu de xeito acertado nun lanzamento de Oki para modificar a traxectoria e que a pelota entre na portería. Aurelio puido ampliar vantaxe no tramo final e Antón estivo moi preto do empate.

O Folgueiro, o mellor dos duelos directos

A falta de oito xornadas para o final, os equipos que ocupan actualmente os tres primeiros postos da clasificación xa xogaron entre si. O balance nos partidos directos é moi positivo o Folgueiro, que logrou dez puntos de doce posibles. Só cedeu un empate nesta segunda volta co Riotorto. Ten o gol average gañado cos dous rivais. 

Pola súa parte, o Guitiriz ten vantaxe no diferencial co Riotorto. Empatou na primeira volta e gañoulle na segunda. Catro puntos de doce posibles. A bagaxe máis negativa é do Riotorto con só dous puntos. Empatou co Guitiriz na primeira metade do campionato e co Folgueiro na segunda. 

Carlos dálle un punto ao Sp. Pontenova 

O encontro de proximidade da Mina rematou en empate, aínda que os equipos chegaban en situacións diferentes. O empate o Riotorto (2-2) manteno en zona de promoción de ascenso, pero a mercé do Folgueiro que ten un partido menos. O cadro riotortense acumula catro xornadas sen gañar. 

Pola súa parte, o punto tampouco lle cambia de todo a xeira negativa aos locais, pero si lle dá ás tras tres derrotas seguidas. Seguen na 13 posición, pendentes dos arrastres e a tres máis gol average do Casás. 

Iván López, actualmente gardamallas do Vilalba FS B, botoulle unha man ao Riotorto neste encontro ante a ausencia de Marcos. Foi un partido equilibrado no que os locais competiron de ti a ti. 

Numha segunda metade de máis ida e volta chegaron os goles. Ao pouco de volver dos vestiarios, Osky marcou para o Riotorto. Reaccionaron rápido os locais, que uns minutos máis tarde igualaron por medio de Cuzco. 

O segundo do Riotorto foi da autoría de Xabi Tubío, ao aproveitarse dun rexeite tras unha acción a balón parado. Tratou de defender o resultado o cadro visitante, pero nos últimos intres Carlos atinou para anotar o empate. 

Nova oportunidade perdida do Alfoz

O conxunto alfocense volveu desaproveitar os duelos directos dos equipos que ten por riba para achegarse na clasificación. Igualou no Cascabeiro no duelo de proximidade co Celta Barreiros (2-2). O Alfoz mantense 4°, a cinco puntos do Folgueiro (cun partido menos), a seis do Riotorto e a sete do Guitiriz. 

O Celta Barreiros continúa en zona tranquila. Milita na novena posición con 32 puntos. 

O Casás desperdiciu un 0-3 a favor

Cabreiros e Casás igualaron (3-3), despois de que o club da Acea lograra equilibrar unha desvantaxe de tres goles. É 5°, con 36 puntos e non chega no mellor momento en canto a resultados para afrontar o seu particular Xistral. Acumula catro partidos sen gañar e nos próximos catro encontros enfrontarase aos catro equipos que o anteceden na clasificación: Alfoz, Riotorto, Guitiriz e Folgueiro. 

O punto sérvelle o Casás para continuar puntuando. Terceiro encontro sen perder e 24 unidades na táboa. Segue 12°, con tres de marxe máis gol average sobre o Sporting Pontenova e pendente dos arrastres. 

O Xermade derrotou o Sanci

Novena vitoria da temporada do club xermadés, que lle gañou ao Sanci (1-3). Os pupilos de Borja Bouza permanecen na zona media con 34 puntos, a dez do posto de fase de ascenso. 

Pola súa banda, o Sanci volve ao último posto logo do empate do Matela. Ambos equipos están igualados a dez puntos no descenso directo. Nun hipotético escenario sen arrastres, a salvación non estaría lonxe, a catro puntos (Castroverde). 

Terceira vitoria do Meira que imita a primeira volta

O Meira superou 3-4 a Candelaria, ambos equipos da zona media. O club meirego encadea tres triunfos consecutivos. Empezou a súa xeira ante os mesmos rivais que o fixera na primeira volta. Daquela unira cinco vitorias. Tras vencer ao Cabreiros e ao Matela, tamén derrotou a Candelaria. Os vindeiros rivais serán os veciños do Pastoricense e o Sanci.

O Meira é 8º con 34 puntos, igualado na zona media co Xermade. A Candelaria queda con dous menos. Ambos os dous conxuntos viven nunha zona tranquila da táboa. 

Tres triunfos seguidos para afastar o perigo dos arrastres

O Pastoricense volveu gañar. Superou pola mínima ao Goiriz (1-0). Leva tres partidos sumando de tres de xeito consecutivo o que lle permite alcanzar os 31 puntos. Está xa equilibrado coa zona media en puntos. A zona perigosa dos hipotéticos arrastres queda a sete puntos. 

O Goiriz fica con catro puntos máis. Iso si, cun partido aínda pendente de xogar. É 6º, nunha zona media moi igualada. 

Un empate que sabe a pouco

O Matela e o Castroverde xogaron na Fonte o encontro de máis necesidade de puntuación da xornada. O resultado final foi de 1-1. A quen menos lle serve o punto é o Matela, que, aínda que sae da última posición, continúa en descenso directo. Queda a catro puntos precisamente do Castroverde, co gol average a favor dos da Veiga do Olmo. 

Aínda que o punto benefícialle máis ao Castroverde, os pupilos preparados por Iago Núñez seguen a espera dos arrastres, xa que continúan a sete puntos da 13ª posición. 

O Palas gáñalle ao líder cun porteiro improvisado

Cuarta derrota da temporada do Becerreá, ante o Palas (1-2). O club da Ulloa é a súa besta negra, xa que lle gañou os dous partidos deste curso. Os pupilos adestrados por Javi Gómez mantéñense no máis alto con 47 puntos, tres máis ca un Lemos B co que aínda teñen un encontro pendente. 

Mentras tanto, o Palas rompeu a mala xeira de catro encontros sen gañar. Acumula 27 puntos e dá pasos cara unha permanencia que promete estar moi cara na categoría. 

O conxunto palense afrontou o encontro no Municipal con numerosas baixas. Ante a ausencia dos porteiros, Adrián López vestiu as luvas e colocouse baixo paus. Os seus plantearon un partido en bloque baixo para arroupar ao seu novo gardamallas. No primeiro tempo, non houbo moitas ocasións, agás un lanzamento de falta local que despexou ben o propio Adrián. 

No segundo acto, funcionou ben a táctica visitante. Nun contragolpe, Tene deulle un pase a Javi que marcou o primeiro. Nun balón parado, Buján anotou o segundo. A partir de aí, tarefa defensiva do Palas ante os numerosos ataques locais. Xa ao redor do minuto 90, o Becerreá logrou o seu único tanto por medio de Álex. 

O Lemos B chega no mellor momento ao tramo decisivo da tempada

O filial lemista sumou o seu décimo segundo encontro sen perder coa sexta vitoria seguida ante o Portomarín (3-0). Amplía a súa diferenza no segundo posto porque foi o único conxunto da parte alta que sumou de tres. Ten 44 puntos e conta con cinco de marxe co Santa Comba. Nas dúas próximas semanas visitará ao San Roque e recibirá ao Santa Comba. O Xoves Santo recuperará o encontro co Becerreá, do que está a tres puntos. Na primeira volta o resultado entre ambos equipos fora de empate, polo que o Lemos B agora mesmo depende de si para colocarse líder. 

O Ferreira impídelle ao San Roque mirar máis para arriba

O cadro de Ferreira sumou o décimo triunfo do curso, 2-1 ao San Roque. O cadro capitalino queda na 4ª posición con 37 puntos (a sete do play off) e o Ferreira é 5º con tres puntos menos. Os cinco primeiros teñen un partido pendente de xogar. O duelo directo entre o Becerreá e o Lemos B podería achegar ao resto de rivais a esas posicións de privilexio. 

Noveno encontro invicto do Friol

Xornada a xornada, o Friol demostra que é outro con respecto á primeira volta. Sumou o noveno encontro sen perder na liga ao gañarlle ao Antas (2-3). Ambos os dous equipos quedan próximos na táboa. O Antas é 6° con 34 puntos, a dez do Lemos B (cun partido menos). O Friol é 7° con tres puntos menos e deixando a varios equipos por baixo na pelexa por non pasar apuros nas últimas xornadas. 

A Sarriana B venceu no derbi co Paradela

Noveno triunfo da Sarriana B ao superar ao Paradela (0-4). O filial acumula 29 puntos e continúa na zona media da clasificación. A permanencia está preto, pero o ritmo de puntuación da zona baixa está sendo alto. Serán necesarios máis puntos para non pasar apuros. 

Pola súa parte, o Paradela queda con catro puntos menos. Conta cunha marxe de cinco puntos con respecto ao descenso directo, aínda que o perigo dos arrastres tamén está presente. O que máis preocupa aínda é a mala xeira: seis partidos sen gañar. 

O Gandarón non lle deixou ao filial facer o seu bo fútbol con balón. Chegaron a área rival, pero tamén concederon ocasións nas que os locais se puideron poñer por diante. Unha vez máis, as baixas fixeron mella no Paradela, que tivo que botar man de xogadores con falta de rodaxe. Aínda así, aguantaron o 0-0 ao descanso. 

Pola contra, a Sarriana B recuperou futbolistas que lle deron un plus na segunda metade. Xusto ao comezar o segundo tempo, Manu puido adiantar aos seus. Despois, en apenas dez minutos, marcaron os catro goles. Adri entrou e anotou. Rubén asinou un dobrete tras aproveitar no segundo un rexeite dun penalti lanzado por Yonier. Dani Vázquez marcou o cuarto de cabeza. 

O San Lázaro prolonga a súa reacción

Sexto partido sen perder e cuarto triunfo seguido do San Lázaro, 3-1 ao Páramo nun duelo directo. Tras varias semanas en descenso directo, agora mesmo estaría salvado. Non obstante, continúa na pelexa cos seus 23 puntos no 12° posto. Por debaixo séguelle Monterroso B (22 puntos), O Páramo (21 puntos) e en descenso directo Chantada B e  Sober (20 puntos). 

Ao gañar, o San Lázaro tamén quedou co gol average ao seu favor ante O Páramo. 

Vitoria na previa da Feira 

O Chantada B presentouse con tres puntos máis na Feira do Viño de Chantada. O venres á noite derrotou ao Monterroso B (1-4). Os tres puntos permítenlle sumar 20, continúan en zona de descenso directo pero cos seus rivais moi preto. 

Un deles é o filial do Monterroso, que ten só dous puntos máis. Unha vitoria nos últimos once encontros levou a Óscar Pampín a deixar o cargo de adestrador. Outro home da casa será o que o releve no banco: Iago Varela ‘Guaje’, actual xogador do primeiro equipo. Será a primeira experiencia de Guaje como primeiro técnico dun conxunto sénior. Xa fora segundo do propio filial na etapa de Omar como preparador. 

O Sober non queda atrás

O club soberés levaba cinco derrotas consecutivas. Venceu ao Santa Comba (3-2) e, a pesar de seguir no último posto, está a só un punto de saír do descenso directo. A posible zona de arrastres tamén está moi igualada, polo que ningún equipo está descolgado. 

Pola súa parte, o Santa Comba mantense na terceira praza, pero a máis distancia da promoción (5 puntos). Os pupilos preparados por Yeray levan cinco xornadas sen gañar e precisan sumar de tres para seguir preto dos postos cabeceiros.

Dani Roca golea e ninguén queda atrás na zona baixa do sur

O Antas corta a súa boa xeira