#Fútbol afeccionado #Entrevistas #Preferente Futgal

Dani Moirón: «A fichaxe polo Ribadeo foi sorprendente ata para min»

Xullo comezou intenso nos equipos da provincia. O coñecido como mes da sega está sendo un auténtico mes de cambios nas estruturas balompédicas lucenses. Unha boa mostra é o noso habitual #DiarioDunMercado. Un dos movementos máis sorprendentes das últimas horas situámolo en Ribadeo. Rafa Casanova non vai continuar como adestrador no Pepe Barrera. Decisión inesperada nun auténtico xiro dos acontecementos. O seu posto vai ser ocupado por Dani Moirón. Precisamente estabamos analizando co técnico pontenovés a súa estadía no Santaballés, cando a chamada do Ribadeo cambiou os puntos de actualidade da entrevista. Moirón asume o cargo avalado polos seus proxectos no Sporting Pontenova e no cadro de Santaballa. E co precedente de ser el quen puxo fin a ambos ciclos deportivos.

Futbolinlugo: Como se produce a túa fichaxe polo Ribadeo?

Dani Moirón: Foi sorprendente para todo o mundo, incluso para min, xa que se daba por feita a continuidade de Rafa. Recibo unha chamada dende o Ribadeo, logo póñome en contacto con Rafa para confirmar que el non segue e, a partir de aí, reúnome coa directiva. Foi todo bastante rápido.



Fil: Cales son as pretensións que saen desa primeira reunión?

DM: Queren darlle un xiro ao proxecto. Queren empezar unha nova etapa baseada en máis xente de Ribadeo e da zona. Os obxectivos deportivos son os de intentar conseguir a salvación, ir facendo grupo, establecer rutinas e hábitos de traballo e, a partir de aí, ir medrando. Sempre cos pés na terra e coa limitación que todo o mundo sabe do Ribadeo no aspecto económico.

«Como afeccionado ao fútbol únome ao agradecemento ao que fixo Rafa en Ribadeo»



Fil: Recoñeces a sorpresa do movemento e dis que puideches falar con Rafa Casanova…

DM: Con Rafa sempre me levei ben. Antes de dar ningún paso quixen falar con el. Como afeccionado ao fútbol únome ao agradecemento e ao recoñecemendo do traballo brutal que fixo Rafa en Ribadeo. Un comportamento e un compromiso exquisito. Son situacións que se dán no fútbol que non gustan pero son así. A Rafa só teño que agradecerlle. Entre nós non hai ningún malentendido.

Fil: En que punto se atopa a planificación deportiva?

DM: Polo momento está todo verde. Falaremos cos xogadores que había e tomaremos decisións para tentar incorporar xente e dende xa poñerse a traballar. Ribadeo está nun lugar complicado xeograficamente para incorporar futbolistas. O tempo apremia e a un mes da pretemporada temos que movernos porque o mercado non espera por ninguén.



Fil: Aposta Dani Moirón pola continuidade do grupo?

DM: Si, falarase con todo o mundo. Logo veremos onde precisamos reforzar para intentar facer o equipo máis competitivo posible. E tamén construír un grupo forte e san.

Fil: Como afrontas o reto?

DM: É ilusionante e complicado. Chego a un club con cento oito anos de historia. Conta con moito empaque e referencia na provincia. Leva dous tres anos en horas baixas e será un reto intentar reflotalo e unir á vila de Ribadeo. Con ese termo que usa esta directiva de ribadensismo, intentaremos subir a todo o mundo ao mesmo barco. Remando xuntos pode ser máis fácil.

«En Santaballa creo que chegara o final dun ciclo exitoso»

Na temporada 19/20 e co parón da pandemia, o Santaballés ascendeu á Preferente

Fil: A chamada de Ribadeo prodúcese nun momento no que ti estabas libre logo de poñer fin a túa estadía en Santaballa. Por que decides deixalo Santaballés?

DM: En novembro farianse tres anos dende que collín ao equipo logo da marcha de Simón Lamas. A decisión produciuse polo habitual desgaste que ten o adestrador neste tipo de proxectos. Son partidario de ciclos un pouco máis curtos. En Santaballa estiven como na casa. Pero si que creo que chegou o final dun ciclo exitoso. Era o momento de marchar.

Fil: Como lembras esa transición no momento no que chegas a Santaballa?

DM: Foi un momento entre difícil e ilusionante. Sabía que era un reto substituír neste caso a Simón. Collín o equipo na xornada once. Foi un reto pero tiven unha boa acollida. Empezamos a traballar e comezaron a saír as cousas. O equipo respondeu xenial ao cambio. Eu estiven cómodo. Na transición continuamos con Freire e cambiaron poucas cousas.

Atopei unha directiva moi traballadora e seria, un grupo de xogadores moi comprometidos aos que quizais lles faltaba crer que podían conseguir certas metas. Finalmente alcanzáronse e fixeron do Santaballés un equipo a ter moi en conta.

Fil: Esta foi unha temporada complicada na que o equipo apostou por xogar nunha Preferente reformulada. Como o vivistes dende dentro?

DM: Ao principio con dúbidas. Logo das reunións pertinentes, en Santaballa apostouse por xogar. Creo que foi un acerto. Saíu todo ben, non houbo ningún caso e, aínda por riba, deportivamente saíron as cousas.

Fil: Esparabades estar pelexando ata o final polo play off de ascenso?

DM: En absoluto. Planificamos a campaña como unha pretemporada. Eramos un recén ascendido. Os obxectivos pasaban por coller o ritmo da categoría e ir creando base para os próximos anos que seguramente serán máis duros. Non había nada que perder e saímos con moita gana de desfrutar.

«Na Liga pasa algo máxico; é a clave do equipo»

Páxina da II Guía ‘Fútbol en Lugo’ do CD Santaballés en setembro de 2019

Fil: A liga xógase na Liga. Por que é tan difícil gañarlle ao Santaballés no seu campo?

DM: Non sei explicalo. Na Liga pasa algo máxico. Dicíallelo aos xogadores na última charla que practicamente non deixamos escapar puntos alí nestes tres anos. É a clave do equipo. Entre as medidas do terreo de xogo, a afección e que hai xente que leva xogando moito tempo alí, convérteno nun campo temible por calquera visitante.

Fil: A Preferente é a categoría do Santaballés?

DM: Creo que ten que desfrutar da categoría ata que se poda. Non sei se é Primeira zona alta ou Preferente, pero si creo que agora ten que desfrutar. Alargar o máximo posible este periodo e seguir coa filosofía que hai alí.

Fil: O Santaballés é un equipo cun bloque feito e non adoita sufrir grandes remodelacións a diferenza doutros conxuntos da Preferente. A permanencia dun bloque velo un punto a favor ou en contra?

DM: Véxoo como un punto a favor. O ano pasado, cando ascendemos, nas miñas declaracións sempre dixen que fora un proxecto a longo prazo dende hai seis anos. Moitos adestradores traballaran para ese obxectivo. E agora creo que ese bloque é un equipo relativamente novo, que levan moito tempo traballando xuntos e con catro cinco matices van competir onde eles queiran.

«Non acabo os ciclos porque teña outros proxectos»

Fil: Tanto en Santaballa como na Pontenova fuches ti quen decidiu poñer fin aos proxectos…

DM: Téñoo claro. Cando chega o momento de que se acabou o ciclo, hai desgaste e non podes mellorar aquilo que fixeches, gústame marchar cando as cousas están ben e de forma correcta. Non acabo os ciclos porque teña outros proxectos, senón que vexo que é o momento de deixalos.

No Sporting Pontenova foi un pouco máis longo do que quixera porque estiven oito anos. Acabámolo co ascenso a Primeira vinte anos despois e unha temporada máis mantiven ao equipo na categoría. Aí tamén considerei que era o momento de deixalo.

Fil: Ti como profesor na Escola de Adestradores e tamén formando parte do Comité de Adestradores representando aos técnicos da provincia, como ves o futuro a curto prazo do fútbol lucense?

DM: Teño unha incerteza total. A ver como respiran os equipos agora que se comeza a mover todo. Houbo xogadores que probaron outros deportes como o ciclismo, o running e o pádel que ao mellor non lles requiren tanto compromiso como si o fai o fútbol. Non sei se van volver ao balompé. Ao que realmente lle guste vai volver. E logo tamén están as dificultades a nivel económico que sofren todos os sectores.

Non obstante, detrás de cada equipo hai alguén traballador que intentará sacar o proxecto adiante. Veremos a ver nesa Segunda e Terceira que equipos se inscriben e que decisións toma a Federación que serán as mellores para o fútbol da provincia.

Dani Moirón: «A fichaxe polo Ribadeo foi sorprendente ata para min»

Diario dun mercado. Episodio 206.

Dani Moirón: «A fichaxe polo Ribadeo foi sorprendente ata para min»

Diario dun mercado. Episodio 207

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *