O filial do CD Lugo, comandado por Dani Galán, afronta o inicio da súa 2ª tempada seguida na Terceira Federación, logo de xogar en 2ª RFEF no curso 22/23. O conxunto albivermello estrearase con diversos cambios. David Paéz chegou á coordinación deportiva da base do club e ficharon polo momento doce futbolistas.
O adestrador é un lucense. Dani Galán continúa no equipo tras chegar en febreiro para o último tramo de competición. Logrou a salvación con 43 puntos; un de marxe sobre a posición de arrastre. Aos seus 41 anos, o técnico inicia dende o comezo a súa primeira campaña na Terceira. Despois de combinar a base do CD Lugo co sénior da Residencia as últimas tempadas, quere medrar na categoría á par que os seus pupilos.
Futbolinlugo: Como chega o equipo o inicio de liga?
Dani Galán: Foi unha pretemporada típica dun filial. Moitos dos nosos rapaces adestraron, e algún aínda adestra, co primeiro equipo. Iso condiciona, pero o que importa é acumular a carga de traballo que nos vai dar os vimios necesarios para afrontar ben a temporada. Tiramos de xuvenís e tivemos varias incorporacións. Agora tratamos de unificalos a todos.


Fil: Dás o cadro de xogadores por pechado?
DG: Aínda non, haberá xogadores nosos que poidan estar máis en dinámica do primeiro equipo. En función diso existe a posibilidade de que nos reforcemos nós.
Dani Galán: «O cadro de xogadores é moi completo»
Fil: Cantos futbolistas che gustaría ter?

DG: Se tes a posibilidade de ter sempre 22 para ter xogo real é perfecto. Loxicamente iso non vai ser posible. Non obstante, temos a sorte de que imos poder contar con algún xuvenil na nosa dinámica. O importante é xuntar entre 18 e 20 xogadores en cada sesión de traballo para que o futbolista non se relaxe.
Fil: Que opinión che merece o cadro de xogadores conformado ata o momento?
DG: É moi completo, con distintas variantes; diferente ao que tiñamos o ano pasado. No curso anterior o perfil de futbolistas limitábase máis ao fútbol combinativo. Agora creo que temos posibilidades de facer un fútbol máis vertical. Isto ten que enriquecernos.
Fil: Como se conxuga a chegada de moitos xogadores con fame de medrar na súa carreira coa de outros da casa?
DG: O principal é que os rapaces se coñezan. Hai xogadores que veñen xa cunha experiencia en Terceira, pero igual de non ter eses mecanismos do fútbol combinativo tan asmilados e si dominan moi ben outras facetas. Agora é cuestión do corpo técnico que collan eses automatismos.
Dani Galán: «Non dubidei en continuar»
Fil: Continúas no club tras un verán con cambios e a chegada de David Páez á dirección da canteira. Por que decides seguir?
DG: Cando chega unha persoa nova sempre hai incerteza polos posibles cambios. Reunínme con David e a predisposición era que eu seguira. Non dubidei en continuar. O mesmo día din o si. Para min os tres meses do ano pasado foron unha experiencia moi grata. En Terceira vese outro fútbol diferente ao da Preferente. Estou con todo o ánimo do mundo para facer unha gran campaña.

Dani Galán: «Adaptaremos o modelo de xogo a cada rival»
Fil: Como tratará de xogar o equipo?
DG: A idea é sacar o máximo proveito dos xogadores. Trataremos de levar o control do partido a través do balón. Na categoría hai poucos conxuntos que propoñan esa idea. Pero non imos renunciar a outras cousas. Nos partidos que nos toque repregarnos preto da área e saír á contra, ímolo facer. Temos pernas para iso. Outros días tocará ser máis directos, xogar coa última liña e facernos fortes en campo contrario. Buscaremos o equilibrio entre os distintos modelos e adaptarémolo a cada rival.
Fil: Que agardas da primeira cita nos Carrís co Barbadás (domingo ás 18:00h)?
DG: Estivemos vendo un par de encontros seus da Copa Federación. Espérome un partido no que nos dean a iniciativa. Alternarán fases nas que nos veñan apertar e outras onde van esperar en campo propio. Temos que ter moito coidado co seu xogo directo e tamén co balón parado. Unha vez que te despistas, pódeseche ir o partido. Temos que estar moi seguros con balón. Trataremos de facer un partido longo porque practicamente aínda estamos en pretempada e os equipos non están fisicamente a tope.
Dani Galán: «O Arousa e a UD Ourense son os favoritos»
Fil: A que equipos colocas como favoritos nesta Terceira?
DG: Vendo o cadro de xogadores hai dous claros: o Arousa e a UD Ourense. Despois hai variosque pelexarán por ocupar a parte alta. O Alondras, que fichou varios xogadores do Gran Peña e do Rápido de Bouzas, o Racing Villabés, que é un recén descendido e Alberto López vaille sacar moito rendemento aos xogadores que fichou, o Somozas, a Sarriana, que ten un once titular moi interesante… e despois tamén haberá algunha sorpresa.
Fil: Cal é o obxectivo do club para este curso?
DG: Temos dous. Un que saian a maior cantidade de rapaces posibles para riba. Esta campaña Lizancos xa ten ficha do primeiro equipo. Se o ano que vén podemos ter outros dous ou tres sería perfecto. Logo, a nivel clasificatorio tamén hai que conseguir as nosas metas. Vimos dunha tempada rara. Temos que intentar empezar como motos para sumar puntos, sen ter que estar coa auga o pescozo xa as primeiras xornadas. Despois, intentaremos estar o máis arriba posible.

CD Lugo B / Polvorín 24-25:
- Corpo técnico: Dani Galán (1º adestrador), Yoni Iglesias (2º adestrador), Juan Aguiar (adestrador de porteiros), Antonio López ‘Tochy’ (delegado), Fran Fernández (analista), David Morilla (preparador físico) e Nico López (fisioterapeuta).
- 12 Altas: Manu Buide (do Celta xuvenil, pero da canteira do CD Lugo), Álvaro Herrero (da Sarriana, pero da canteira do CD Lugo), Nacho Puente (do Viveiro), Víctor Casais e Hugo Padín (do Pontevedra), Carlos Alonso (do Rápido de Bouzas), José Sobrido e Raúl Paz (do Estradense), Gabriel Martínez ‘Mini Bugy’ (Diocesano), Héctor González (Leganés xuvenil), Ivaldine da Silva ‘Ju’ (Gran Peña) e Ivan Vidrih (FK Teleoptik).
- 12 Continuidades: Damián Noya, Julio Lansade, Jorge Maceira, Pablo Martínez, Alejandro Arranz ‘Alesito’, Hugo Díaz, Pablo Fdz. Rubal, Alberto Freire, Jorge González, Antón Núñez, Noah Rodríguez, Jorge Candal (aínda xuvenil de último ano) e Mateo Muñoz (aínda xuvenil de 2º ano).
- 14 Baixas (sen contar máis saídas do xuvenil): Fernando Embadje, Lizancos (1º equipo), David Guitián (Sarriana), David Rosón (CD Don Benito), Cristian Osca, Brais Vázquez, Xavier Cidre, Ismael Escobar (Unión Sur Yaiza), Hugo García (Rayo Majadahonda), Valentino Pereira, Mario Álvarez, Usama, Anwar (UD Ourense) ou Eldar (Tudelano).
Imaxe de portada: CD Lugo