A honra do Cospeito e as dotes de porteiro de Méndez

O Cospeito logrou a primeira vitoria do curso no derbi. Este sábado, o Cospeito pode vivir o seu último partido. Méndez asumiu a función de gardamallas no Antas e parou un penalti.

Son algúns dos aspectos máis destacados da 29ª xornada da Segunda Futgal, que esta fin de semana chega a súa fin. Os partidos importantes xóganse en horario unificado o domingo ás 17:00 h. No concello de Barreiros e na Pobra do Brollón todo o mundo ten excusa para non prestarlle atención ao Clásico da Primeira División. Comentámolo en ‘O Noso 11 A Chaira‘.

Condicionantes nunca vistos no derbi de Barreiros

Tras a contundente vitoria do Iberia (1-7 en Cabreiros) e o sufrido triunfo do Celta Barreiros (1-0 ao Alfoz), cúmprese o que viñamos anunciando nas últimas semanas. O derbi Iberia – Celta Barreiros (dom. ás 17:00 h nas Valgas) será unha final polo ascenso á Primeira Futgal, feito inédito no concello barreirense.

O Iberia ten as opcións máis de cara para regresar dez anos despois á 1ª. Para ascender sérvelle calquera resultado que non sexa perder por máis dun gol (na primeira volta gañou 0-1). Lidera o grupo norte con 66 puntos, tres máis ca o seu rival. Tan só unha derrota na tempada e doce encontros seguidos sen perder.



A pesar do marcador, a cita na Acea resolveuna avanzado o segundo tempo. Iván García adiantou aos seus, pero aos poucos minutos Totti igualou para os locais. Barrera fixo o segundo á hora de xogo e aí o encontro rompeuse máis. Iván García anotou un hat-trick e o Iberia aproveitou para golear.

Cando rematou a primeira volta, o Celta Barreiros ocupaba a sexta posición, a doce puntos do líder, o Iberia. Dende aquela non volveron perder. Non coñecen a derrota na liga en 2025 e as vitorias alcanzáronas 12 veces.

O último triunfo non foi o máis tranquilo do curso. Toni marcou rápido o único tanto do partido a saída dun córner. O Alfoz mellorou no segundo tempo e dispuxo de ocasións que non logrou transformar.



Os pupilos preparados por Rubén Acebedo ascenden se gañan por máis dun gol (sérvelles un 0-2, 1-3, 2-4, etc.). Pola contra, teñen a opción de quedar sen o premio da promoción. Manteñen o segundo posto se gañan, pero un empate ou derrota ábrella a porta ao Riotorto e incluso ao Folgueiro para situarse na 2ª praza.

O Riotorto a espera, o Folgueiro a espera da espera

Sete vitorias seguidas leva o cadro riotortense neste final de liga. É, con 62 puntos, a un da segunda praza. Se lle gaña ao Alfoz e o Celta Barreiros empata ou perde, o Riotorto xoga o play off.

O último triunfo produciuse na Veiga ante o Sanci (5-1). A calidade do Riotorto, unha vez máis, foi definitiva. O Sanci aguantou a primeira media hora cun 2-1. Racha puido igualar o encontro, pero foron os locais os que anotaron o terceiro antes do descanso. Óscar López ‘Osky’ marcou un novo hat-trick e alcanza os 27 goles.

O Folgueiro ve a clasificación dende a 4ª posición con 60 puntos. Ten unha mínima opción de entrar na fase de ascenso. Tería que gañarlle ao Sporting Pontenova, que perdese o Celta Barreiros e que empatase ou perdese o Riotorto.

O cadro do Vicedo sufriu tres derrotas entre febreiro e marzo que lle impediron chegar con máis posibilidades aínda o tramo final. O último encontro resolveuno ben ante o Guitiriz (5-1). Erni e Oki adiantaron cedo aos locais. Labrada recurtou diferenzas, pero antes do descanso Isma anotou o terceiro. Na segunda parte, o Folgueiro sentenciou co tanto de Ángel e o segundo de Erni.

O Casás pode rematar con 11 vitorias seguidas

O conxunto capitalino vai ser seguro 5º e aínda ten algunha remota opción de ser 4º ou incluso 3º. Se o novo formato non entrase en xogo este ano, serían equipo de play off. Acumulan dez vitorias seguidas neste tramo final e lograron gañarlle algún partido a todos os equipos de arriba, agás ao Iberia (co que si empataron).

Na última xornada, o cadro dirixido por Diego Barreiro e Álex Cortón superaron a Candelaria (2-1). O equipo da Rúa adiantouse no primeiro tempo. Luis empatou para os locais no segundo acto. Nos últimos intres un penalti que cabreou aos visitantes, decantou o triunfo local. Román definiu dende os once metros.

O Xermade, o mellor ‘da outra liga’

O cadro xermadino está a un punto de lograr a mesma puntuación que o curso pasado. A mesma posición xa a ten conseguida porque vai ser 6º. As últimas tres vitorias consecutivas permítenlle acadar ese estatus.

Na última xornada derrotou ao Sporting Pontenova (3-1), que aínda así se puxo por diante no Municipal. O capitán Esteban igualou o resultado no primeiro tempo cun disparo dende fóra da área. Na segunda metade, os tantos de Hugo e Álex deixaron a vitoria na casa.

O club pontenovés tentará manter a 7ª praza. Conta cun punto sobre o Sanci (8º) e dous con respecto ao Alfoz (9º).

Pola súa parte, o Guitiriz procura finalizar na 10ª posición, na que se atopa con 37 puntos. Conta con dous de marxe sobre a Candelaria (11ª) e tres de marxe co Cabreiros (12º). Precisamente Guitiriz e Cabreiros xogarán xuntos na última xornada (na primeira volta 4-4), pero coa tranquiladade da salvación.

A Piringalla ve algo de luz a costa do Mondoñedo

O conxunto capitalino é 13º con 26 puntos, logo de enlazar dous triunfos consecutivos. O último no duelo directo co cadro mindoniense (1-2). A Piringalla ten que gañar ou empatar co Xermade ou que o Mondoñedo non gañe para manter esa posición. Agora mesmo descendería polo arrastre do Pastoricense. Non obstante, falta aínda confirmar ese descenso. No caso de que así se produza, o hipotético ascenso do equipo que xogue o play off salvaría a Piringalla.

O Mondoñedo reduciu practicamente todas as opcións de salvación que tiña. Ao perder co seu rival directo, agora só podería superalo se supera ao Muimenta e a Piringalla perde. De quedar na antepenúltima praza, o Mondoñedo podería salvarse se se dá o seguinte caso: non descenden Pastoricense nin Outeiro e o equipo que xogue play off deste grupo ascende.

No partido, o Mondoñedo dispuxo das mellores ocasións de gol, pero non foi capaz de atinar máis que o rival. No segundo tempo decidiu a calidade de Román para o tanto da vitoria nos últimos intres. Anteriormente, Cristóbal adiantara aos seus e Jacobo marcara o tanto do empate.

O Cospeito pasou en dous anos de poder ascender á Primeira a case desaparecer

O derbi do drama trouxo a primeira vitoria da tempada para o Cospeito

Contrastes noutro dos concellos que contaba con dous equipos na 2ª Futgal. Se os de Barreiros viven un momento positivo e histórico, os de Cospeito rematan un curso para esquecer. O Muimenta será penúltimo e o Cospeito último. O cadro celeste confía en rearmar un bo proxecto en Terceira co empuxe da súa directiva, mentres que o Cospeito podería despedirse do fútbol afeccionado como entidade.

O encontro deste sábado ás 11 da mañá na Rúa coa Candelaria podería ser o último partido oficial do conxunto sénior do CD Cospeito. Jose Carlos Rábade ‘Tito’ foi a alma máter do proxecto este curso e xa nos comentara hai unhas semanas a posibilidade deste triste final. A súa intención é non continuar á fronte do proxecto ante a dificultade que supón, agás que entre unha nova directiva cun número suficiente de persoas para garantir a viabilidade e o reparto de tarefas.

No derbi, os goles chegaron no segundo tempo, nun encontro igualado e sen moitas ocasións. Fran Regueiro marcou un bo gol de falta directa para adiantar ao Cospeito. Fer empatou para os visitantes, pero os locais gañaron co tanto de Roni.

O Brollón vólveo intentar

Os pupilos preparados por Chura volven estar preto de conseguir o ascenso á Primeira Futgal. Logo dos intentos das últimas tempadas, pode ser o momento no que sexa máis factible. Suporía o regreso a categoría catorce anos despois.

O Brollón ten 64 puntos e acumula nove triunfos seguidos e trece encontros sen perder. Conta con dous puntos de marxe co seu único perseguidor, o San Roque. Un punto do Brollón ante o Quiroga (xa descendido, aínda que acumula tres vitorias seguidas) chégalle para subir. O domingo ás 17:00 h Os Medos volverá vivir un gran ambiente.

Na pasada finde venceu ao Páramo (1-7). Un encontro sen excesivos atrancos para o líder, aínda que comezou perdendo. Borjita anotou un gran gol de falta directa. Con todo, os visitantes ao descanso xa gañaban por 1-3 cos tantos de Damián, César e Isma. No segundo tempo, Maza, Miguel e Isma, que completou un hat-trick, completaron a goleada.

O San Roque atento

Os xogadores adestrados por Piru venceron ao Rubián (4-1), precisamente o último equipo que lles gañou. O San Roque acumula quince partidos sen perder e é o único que lle segue o camiño ao Brollón na recta final da liga.

Ten unha mínima opción de ascender directo. Tería que perder o Brollón e o San Roque gañar o seu encontro co Chantada B, que se pode estar xogando a salvación. O que si ten seguro é a súa participación na promoción de ascenso.

A contundencia na área contraria decidiu o partido a favor do San Roque. No ir e vir aportou máis olfacto goleador co dobrete de Jul, o tanto de Yelko e o de Dorado.

V All-Star Futbolinlugo arturo

O trío que perdeu forza ao final

O Becerreá, o Paradela e o Santa Comba realizaron unha tempada de moito mérito. Tan só un par de partidos lles privaron de chegar a última xornada metidos na pelexa polo ascenso. O Becerreá empatou co Antas a pasada finde (3-3).

Os da Ulloa marcaron ao comezo cun gran gol olímpico do xuvenil Portu. Santín igualou ao pouco, pero de novo Portu permitiu que os seus foran gañando ao descanso. No segundo acto, Portu completou o seu hat-trick cun penalti.

A partir de aí, o Becerreá comezou a xerar ocasións. Dispuxo dun penalti que tirou Kevin e parou José Ángel Méndez Miguélez, porteiro ocasional nesta xornada. O xogador de Feás xa tiña cumprido ese papel noutros momentos, aínda que a súa posición habitual lle permita máis marcar goles que paralos. Aos seus 41 anos segue dando que falar.

Finalmente, Rubén e Riomao si superaron a Méndez cos seus goles e igualaron o partido.

O Becerreá xa disputou a última xornada este venres co Paradela. O resultado foi sorprendende: 8-5. Co triundo os pupilos preparados por Javi Gómez son 3º, con 58 puntos, a espera do que faga o Santa Comba.

Coa derrota, o Paradela queda con 57 puntos (4º), tamén a espera do resultado do Santa Comba. Na anterior xornada despedíranse do Gandarón precisamente cun triunfo ante o Santa Comba (3-2). Foi un partido competido entre dous equipos que completaron un gran campionato.

Friol, Palas e Ferreira a pola 6ª praza

Logo do quinteto cabeceiro, o Friol defende a 6ª praza con 44 puntos, igualado co Palas e dous por riba do Ferreira. O cadro friolés non puido cun Chantada B (0-2) que se xogaba máis a nivel clasificatorio.

O Palas precisamente superou a pasada finde na clasificación ao Ferreira porque lle gañou (0-1). Resultou decisivo o gol de Javi Ouro, logo de que ambos equipos enviase un balón ao pau.

O Palas rematará a liga con derbi ante o Antas. Será a despedida de Brais Vázquez como adestrador do conxunto dos Chacotes. Logo de catro anos, con ascenso á Segunda e dúas permanencias colleitadas con moita marxe, o adestrador decidiu poñer o punto e final a esta etapa.

Pola súa banda, o Portomarín defende a 9ª praza con 37 puntos, tras perder co Lemos B (3-0). O conxunto miñoto conta con dous puntos máis que O Páramo, que a súa vez trata de manter a 10ª posición, que quere o Antas cun punto menos.

O Lemos B e o Chantada B «xogan» o domingo pola mañá

A Segunda Futgal finaliza a competición regular este domingo ás 17:00 h. Con todo, hai dous equipos na zona sur que estarán moi pendentes do que aconteza na xornada matinal. O Lemos B e o Chantada B poderían verse afectados polos arrastres da Primeira Futgal (cuxa xornada unificada é as 12:00 h). A continuidade de ambos na categoría depende da salvación do Oural e da Milagrosa.

O filial lemista é 12º con 28 puntos, tras gañarlle ao Portomarín (3-0). Antes de xogar co Santa Comba, saberá máis das súas posibilidades de salvación. Se o Oural e a Mila permanecen en Primeira o Lemos B xa estará salvado antes de xogar. No caso de que descenda un, tería que gañarlle ao Santa Comba ou que o Chantada B perdera. Se baixaran os dous, hai dúas posibilidades. No caso de que o descenso do Oural tamén fora por arrastre, tería que agardar que un equipo da 3ª RFEF que xogue play off suba. A outra opción é que o equipo que xogue play off da 2ª sur suba.

O filial chantadés é 13º con 27 puntos. Xoga na última xornada cun San Roque que aínda ten mínimas opcións de ascenso. Os pupilos preparados por Jorge saberán antes de comezar o seu partido que é o que necesitan, caso similar ao comentado anteriormente sobre o Lemos B.

O Chantada B levou os tres puntos da Reigosa superando nos duelos ao Friol. Mandou o filial e adiantouse nun erro na liña defensiva dos locais. O cadro friolés subiu o nivel, pero non tivo opcións de gol ata o segundo tempo. Nunha contra final, sentenciaron.

O Incio precisa favores

O conxunto amarelo acumula cinco derrotas seguidas no tramo final de liga, que o deixaron sen poder facer nada por si mesmo na última xornada. É antepenúltimo e nesa posición quedará. Agora mesmo descende polo arrastre do San Lázaro. Para salvarse precisa que Oural e Milagrosa se manteñan en Primeira e que o equipo da Segunda sur que xogue play off suba.

O Incio veuse superado a pasada finde por un Quiroga na súa mellor xeira da tempada. O cadro verde leva tres vitorias seguidas desde que xa sabe que non ten opcións de permanencia. Con todo, permitíronlle saír do último posto e está igualado a puntos co Rubián (20).

O cadro quirogués non notou as repercusións do casamento o día anterior de David García ‘Mavilo’. Sergio ‘Pacho’ puxo en vantaxe aos seus na primeira metade. O Quiroga logrou o terceiro no segundo tempo. Urdi marcou o gol da honra no tramo final.

A honra do Cospeito e as dotes de porteiro de Méndez

Drama asegurado no Arturo Pereiro

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *