O Outeiro de Rei viviu na última tempada un curso complicado dentro da Primeira Futgal, xa que non acadaron un bon lugar en liga e loitaron pola permanencia que acabaron conseguindo. Para voltar aos postos que acostumaban a ter nos últimos anos, a directiva aposta por Fernando Corredoira para dirixir aos seus xogadores. O técnico viu unha gran oportunidade na oferta recibida e baseará a súa idea no traballo diario.
Futbolinlugo: Como se deu a oportunidade de adestrar ao Outeiro de Rei?
Fernando Corredoira: «A verdade é que cando acabamos a tempada e tendo un tempo para pensar, non tiña moi claro adestrar este ano. Pero cando chega a oportunidade dun equipo así a carón da casa e que xa leva unha traxectoria importante pois penso que é algo que non poido rexeitar».
FIL: Había a opción de continuar en Chantada ou xa a rexeitaras?


FC: «Eu, sinceramente, xa che digo que a miña idea era parar. Compaxinar Chantada co traballo era moi complicado polas horas de viaxe e os desprazamentos. Eu tiña falado que non ía continuar e xurdiu esta opción que era moi difícil rexeitar».
FIL: Que obxectivo vos poñedes no Outeiro de Rei?
FC: «Chego coa miña idea que é a do traballo. Non hai máis obxectivos que o día a día. Intentar coñecer ao equipo e a partir de aí o que veña. Non podemos ter un obxectivo diferente que o de todo o mundo que é salvar a categoría e intentar traballar co que temos para facer o mellor posible».

«No Outeiro de Rei temos que pensar no día a día»
FIL: Este ano o Outeiro de Rei e?stivo na parte baixa tras estar acostumados a situacións máis cómodas. Cambiou a realidade do equipo
FC: «Creo que a realidade en si cambiou. Agora cada ano tes que ser máis competitivo se queres estar na loita polos postos altos da clasificación. Penso que temos que centrarnos en traballar sen ir a tempos anteriores nos que por ter a dous xogadores diferenciais xa tiñas moito gañado. Hai que pensar en ter un bon grupo e a partir de aí ir día a día».
FIL: A que vai xogar o Outeiro de Rei de Fernando Corredoira?
FC: «Todos temos unha idea, pero imos ver que é o que temos no cadro de xogadores e no que poidamos traer no mercado para amoldarnos».
FIL: Esta será unha das Primeiras máis duras dos últimos anos
FC: «Quizais si. Está presente o tema de que se poidan meter equipos doutras zonas, o que lle vai engadir dificultade a un grupo que xa de por si é moi difícil. Pode ser un plus a entrada de novos equipos para os xogadores debido a que son máis descoñecidos e que así poidan maximizar o seu rendemento».