A segunda volta de competición deixou resultados agardados na provincia. O Brollón continúa co seu bo ritmo, mentres que o Grupo 3 cada semana está máis apretado.
O Brollón desfai a igualdade inicial e supera ao Meliás (4-0). Despois de media hora de tanteo nos Medos, os lucenses colleron paseniño o pulso do partido e comezaron a chegar as ocasións. Castañer fixo o 1-0 antes do descanso, e o rápido gol de Nico tras a reanudación puxo terra de por medio para afrontar a segunda parte con tranquilidade. Isma e Pirés pecharon o choque na recta final para deixar tres puntazos no feudo da Pobra.
O Foz vence no duelo dos equipos rebelación (4-1). Un bo balón de Carlos ao espazo para Diego supuxo o primeiro tanto local —axudado por un rexeite da defensa visitante— e, pouco despois, o propio dianteiro rematou un centro por banda esquerda para facer o 2-0. Na recta final da primeira metade, o visitante Quintá superou a Hugo no man a man e fixo o 2-1.
Porén, os mariñáns foron dominadores nas áreas. Logo de dous erros claros do Monterroso, os focenses aproveitaron as transicións para pechar o choque. O 3-1 nunha boa definición do protagonista da tarde, Diego Fernández. Pouco despois, este asistiu a Aarón para poñer o definitivo 4-1.


Outeiro e Milagrosa asinan un duelo igualado e con poucas alternativas (0-0). O estado do céspede condicionou o xogo de ambos conxuntos, con moito fútbol directo e paróns. A Milagrosa puido adiantarse ao comezo cunha boa ocasión de David, pero errou na definición. O Outeiro tratou de adaptarse á superficie, limitou os seus erros e neutralizou as diagonais dos albivermellos. Os chairegos ameazaron con balóns largos á defensa rival, pero a sobriedade defensiva foi protagonista e ningún foi quen de anotar no Municipal.
4 partidos remataron con victoria dos visitantes no comezo da segunda volta
O Oural dá unha nova campanada no Arturo Pereiro (1-3). Os erros iniciais do Castro, que errou dos man a man, custáronlles caro máis tarde. Unha perda en saída de balón foi aproveitada polo Oural para facer o 0-1 en transición cun disparo desde fóra e, desde ese momento, os sarriáns aguantaron o resultado. Unha nova contra ao pouco de comezar o segundo tempo supuxo o 0-2. O Castro percutiu con insistencia, pero a muralla visitante mantivo o resultado ata o tempo engadido, cando Pedro puxo o 1-2. Cos chairegos envorcados, Yago sentenciou en torno ao 97′ co 1-3 final.
O Ribadeo gaña na casa do Xove para recuperar os postos de promoción (1-3). O gol inicial de Santi deu tranquilidade aos de Moirón, por diante no electrónico desde o 5′. Xusto antes do descanso, Simón fixo un golazo para poñer o 0-2. O Xove deu un paso adiante na reanudación e conseguiu recurtar diferenzas por medio de Diego, pero unha solvente versión do Ribadeo supuxo o 1-3 definitivo, obra de Meitín, para levar os tres puntos cara o Pepe Barrera.
Un penalti no engadido dá a victoria ao Guntín diante do Chantada Atlético (2-1). A igualdade foi a tónica dunha primeira parte na que o Chantada Atlético tivo algo máis de presenza en campo rival. Porén, Fran Pastor perforou as redes rivais cun golazo de falta directa no 43′.
Co 1-0 chegou o tempo de lecer, pero os visitantes souberon competir na reanudación e empataron cun remate de César logo dun balón parado. Ambos conxuntos estiveron sólidos desde ese momento ata o 90′, pero unha pena máxima co tempo cumprido deu ao Guntín a oportunidade de levarse os tres puntos. Pablo non errou e a victoria quedou no Ladairo, 2-1.
O Santaballés remonta nas Valgas (1-2). O Iberia castigou un erro defensivo do Santaballés para poñer o 1-0. Porén, o cambio de sistema dos chairegos tivo efecto e, logo dun roubo en campo rival, Vérez puxo o empate co que se chegou ao descanso. Na segunda metade, o estado do campo favoreceu o fútbol do Santaballés. As combinacións entre Novás e Vérez tornáronse decisivas: aínda que Iker detivo o primeiro man a man logo dunha xogada trenzada, non puido evitar o dobrete de Vérez que supuxo o 1-2 e levou os puntos cara a Liga logo dun partido moi igualado.
O Escairón cae na casa ante o Racing Villalbés ‘B’ (1-3). Gegun errou dúas claras ocasións, pero os chairegos mantiveron a iniciativa e fixeron o 0-1 nun centro lateral que Félix introduxo na súa propia portería. Tras o descanso, o Escairón deu un paso adiante e empatou desde os once metros logo dun choque na área, pero a boa dinámica do Racing Villalbés fíxose notar e os de Iván Lamas anotaron dous tantos case consecutivos (un ao sacar rápido unha falta, outro nunha boa xogada combinativa) para deixar o choque visto para sentenza, 1-3 no Municipal.
A Residencia non deixa opción ao Lourenzá (3-0). Os locais fixeron valer a súa posición na táboa e conseguiron o 1-0 cun gol en propia porta do Lourenzá. Ata o descanso apenas houbo máis opcións para ningún e, na reanudación, unha boa presión e posterior roubo visitante puido ser o empate, pero a defensa local sacou baixo paus e, na acción posterior, chegou o 2-0 de Artai. Os mariñáns erraron dous mans a mans pouco despois e sufriron a expulsión de Hermida. Logo doutro erro na definición dos visitantes, Mauro sentenciou co definitivo 3-0.
A SD Chantada suma e segue diante do Taboada (2-0). Logo de quince minutos de tanteo, os locais impuxeron o seu dominio e Pablo puxo o 1-0 cun gran remate de cabeza. O Taboada tivo as súas opcións máis tarde pero non puido anotar e, especialmente a partires da reanudación, a SD impuxo o seu ritmo ofensivo e o seu dominio no duelo. Pedro puxo o 2-0 e, desde ese momento, os de Traste mantiveron a renda ante un Taboada combativo, pero sen mordente.


