- Vitorias claras para o PM Friol, Antas, San Lázaro, Monte Forte e as propias chantadesas
- Tamén gañou, mais con sufrimento, o Carballedo na súa visita ao Lalín
- Comercial e San Roque non puideron sumar esta xornada
O PM Friol non dá opción a un Tomiño metido atrás
Gran partido das friolesas na casa ante un Tomiño que nada puido facer máis que agardar en bloque baixo e tentar saír á contra. Adiantáronse axiña as amarelas grazas a un gol de Diva no minuto 3. Malia ter numerosas ocasións e centros á área, a boa actuación da porteira do Tomiño evitou que o PM Friol marchara ao descanso cunha vantaxe maior.

Nunha acción desafortunada nada máis comezar o segundo tempo, Noa puxo o empate para un Tomiño que non o merecía. Lonxe de virse abaixo, as friolesas seguiron teimando na procura dos goles e estes chegaron tal e como era de xustiza. Yoleidis puxo o 2-1, Mery fixo o terceiro, Keisy anotou o cuarto e firmou o derradeiro a propia Yoleidis cun tanto magnífico de cabeza tras un salto no que quedou suspendida no aire, como se a gravidade non fora con ela.
Partido no que ademais o PM Friol deu minutos á súa fichaxe de inverno, Paola, chegada dende a UD Logroñés para reforzar o mediocampo e que deixou ver a súa calidade no tempo sobre o verde do que desfrutou na segunda metade.
O Antas firma o mellor partido da tempada
Así o calificou o propio adestrador, Óscar Méndez, que malia ter gañado xa oito encontros, considera que esta foi a vitoria máis clara das súas.

Xa nos primeiros intres do partido o Antas tivo ata catro ocasións moi claras de gol que, porén, non foi quen de materializar e a frustración xerou certos nervios e precipitacións nas filas ulloás.

Sería Yanire quen, cun gol olímpico, abriría a lata dos goles. Dende ese intre o Antas fíxose claramente co control do partido e chegou o tanto de Goico só tres minutos despois, no 18. Porén, nun despiste defensivo, o Antas concedeu ao Sporting Burgo un tanto para recurtar distancias. Goico, antes de chegar ao tempo de lecer, volveu aumentar a vantaxe para as celestes ao 1-3.
Na segunda metade o dominio do Antas foi total. Dana e Rebeca anotaron sendos goles para pechar un magnífico encontro co 1-5 final.
O San Lázaro segue sumando tamén a domicilio
Nova vitoria para as de Rubén Candal, esta quenda ante o Cultural Maniños, a domicilio. Axiña abriu o marcador Dou, cun gol no minuto 7, nun encontro que non tivo máis donas que as luguesas.

Malia ter multitude de ocasións para aumentar a vantaxe, as celestes tiveron que agardar ata o minuto 71 para que Mire fixera o 0-2 que daba a tranquilidade necesaria para asinar unha nova vitoria no casilleiro do San Lázaro que con esta suma xa 8 partidos gañados e colócase 9º, nunha posición cómoda na metade da táboa.
A SD Chantada golea ao Cruces e proclámase campioa de inverno
A Terceira Futgal chegou ao ecuador da competición e a SD Chantada proclamouse líder en solitario grazas ás 6 vitorias e 1 empate asinados nas 8 xornadas de competición.
Para redondear a gran tempada que están facendo as vermellas dirixidas por Fornas, as chantadesas firmaron un gran encontro no Sangoñedo, goleando ao Cruces nun partido no que a lata dos goles abriuna Noela a pase de Iria, cunha gran finalización por enriba da porteira rival no minuto 24.

Tan só 4 minutos despois foi Isa a que puxo o 2-0 e ela mesma a que, xa despois do paso polos vestiarios, aumentaría a vantaxe para as vermellas aos 3 goles. Saray, outra das perlas máis novas da factoría chantadesa puxo o 4-0.
O Cruces anotaría o 4-1 que de nada máis serviu que para maquillar o resultado no 70, por medio de Samia. Pero de novo a SD Chantada redondearía o partido co quinto tanto, este asinado por Bea.
Partido de 104 minutos con vitoria do Carballedo
Desputadísimo encontro o duelo entre o Lalín e o Carballedo. As «guerreiras» rosas tiveron que facer honra ao seu alcume para poder imporse e levar a vitoria das terras do Deza nun partido ao que se sumaron 14 minutos de engadido.
O Carballedo comezara dominando o partido, con varias ocasións claras para anotar ata que no minuto 16, Alba Lobelle consegue adiantar ás rosas. O Carballedo continuou dominando o partido, con ocasións para aumentar a vantaxe no luminoso, pero quen anotaría sería o Lalín, nunha contra que materializan as locais para empatar o encontro no 46.

O partido marcharía ao descanso co 1-1, e á volta dos vestiarios, as tornas continuarían igual, cun dominio das lucenses que non conseguían converter en goles. Xa no 73, unha xogada fortuita remata cunha xogadora de cada equipo expulsada. Unha situación que lonxe de minar a moral das rosas, semellou impulsalas a dalo todo. Así chegou o gol de Ari para adiantar de novo no marcador ao Carballedo, que seguiu dominando mais coa dificultade de xogar dende o minuto 85 só con 9 xogadoras, debido á lesión de Andrea.
Por se o esforzo fora pouco, as continuas interrupcións por faltas ou por motivos físicos motivaron un desconto de 14 minutos que fixeron que as xogadoras do Carballedo tiveran que sacar ata os seus últimos folgos para poder sentenciar unha nova vitoria antes de chegar a un longo parón que deixará sen fútbol feminino en Carballedo ata a segunda semana de febreiro.
Vitoria do Monte Forte no derbi provincial ante o San Roque
Partido entre lucenses que comezou con ocasións para ambos conxuntos, cun Monte Forte que amosaba mover con gran soltura o balón dende o mediocampo. O primeiro tanto das lemesas chegaría nunha xogada individual de Moji que definiu moi ben diante da porteira. A gran calidade de Marián daría tres goles máis ao Monte Forte, festa goleadora á que tamén se sumou a habitual Noa.

Pola banda do San Roque, so Ainhoa puidera anotar un tanto merecido para ela tras varios partidos de enorme calidade e que ademais chegaba para poñer o luminoso 1-2 e volver dar esperanzas e posibilidades ás súas. Porén, a magnífica Marián anotaría despois outros dous tantos para sentenciar a vitoria do Monte Forte a domicilio.
Un partido que servirá para reflexionar e mellorar a un San Roque que pode dar moito máis.
A Comercial remata a primeira volta sen sumar puntos mais si problemas
Nova derrota e por goleada para a Comercial, que caeu esta xornada na casa por un contundente 0-10 ante o Bandeira.
Por se os problemas non chegaran para as de Vicky Burgo, tiveron que afrontar o partido sen porteiras, empregando para esa posición a Aroa, que fixo unha actuación de valor baixo paus malia o que reflicte o resultado.

Porén, o a Comercial xa saíra débil ao partido, con moita xente tocada. Aínda que por momentos semellaban saír as cousas, non foi suficiente. Ás albivermellas agárdaas unha segunda volta para aprender e seguir.


