Xa temos finalistas da Copa que se disputa entre conxuntos de Preferente e Primeira Galicia. Ribadeo e Chantada Atlético mediran forzas o próximo domingo no Manuel Luna de Pol, nun choque no que se agarda un gran número de espectadores de ambos bandos.
O Ribadeo é o único conxunto da Preferente que quedou vivo na competición. Chega á final logo de derrotar á SD Antas (0-2) nun duelo moi intenso e igualado. Os do Castro Seoane saíron moi serios e conscientes do que tiñan que facer, agardaron aos seus rivais no seu medio campo e saíron con perigo en varios contragolpes.
Porén, os mariñáns movían moi ben o coiro e cansaron aos seus rivais na primeira hora de xogo, ata que chegou o gol que abriu a lata nunha gran acción colectiva. Co 0-1, os locais estiraron as súas liñas e gozaron dalgunha ocasión en balóns colgados á área, pero o Ribadeo soubo defenderse e sentenciou cun penalti na recta final, 0-2 para eliminar á revelación desta edición da Copa.
O outro finalista será o Chantada Atlético, que pasou como unha apisonadora por riba dunha versión pobre da SD Pol (6-0). O choque comezou igualado, pero os visitantes Fran e Nathan padeceron sendas lesións coas que aguantaron todo o primeiro tempo, algo que permitiu aos locais facer dous tantos e encarrilar o partido, grazas tamén á súa intensidade e bo xogo.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
Na segunda metade, cos cambios realizados polo Pol, os chantadinos deron outro paso adiante e anotaron catro goles máis para asinar o pase á final con moi boas sensacións logo de completar un gran torneo copeiro ao que tan só lle falta o título.