O fin de semana de entroido serviu no fútbol provincial para dirimir os dezaseisavos de final da Copa Deputación de Segunda e Terceira Futgal. Catro conxuntos, Castroverde, Cazás, Goiriz e Corgo, representarán á Terceira nos oitavos.
Matela 1 – Cabreiros 1 (pasa por penaltis). O Matela acusou o esforzo do encontro ligueiro disputado vintecatro horas antes co Celeiro. Partido pouco vistoso no que Torito adiantou ao Matela nun primeiro tempo de dominio local. O cansanzo fixo mella nos de Cuchi e o Cabreiros pouco a pouco impuxo o seu ritmo e acadou o empate por medio de Cristian. Os locais gozaron dalgunha ocasión á contra para levar o encontro, pero este decidiuse nunha interminable tanda de penaltis. Tras vinteseis lanzamentos, o Cabreiros accedeu a oitavos.
Celeiro 0- Folgueiro 3. Deu a cara un Celeiro que tamén xogou un importante encontro ligueiro pouco antes. Os de Martín Rodríguez gozaron dunha boa ocasión para adiantarse nun erro do gardameta vicedense. Malia todo o líder do grupo norte da Segunda Futgal impuxo o seu xogo e marchou ao descanso con dous goles de vantaxe, ambos obra de Adri. No segundo tempo Ladra sentenciou.
Cazás 4 – Cospeito 1. Os locais exemplificaron na Copa o seu bo momento ligueiro. O Cospeito estivo mellor no primeiro tempo e gozou de varias ocasións para adiantarse no marcador. Fíxoo a cinco minuots para o descanso cun gol de David Piñeiro ao rematar unha falta. Espabilou o Cazás tras o intermedio e Iván Bellas, en dúas ocasións, e Bruno déronlle a volta ao marcador. O Cospeito non se sobrepuxo ao mazazo de recibir tres goles en sete minutos e baixou os brazos. Lois transformou un claro penalti para pechar o marcador.


Castroverde 2 – Casás 1. O cadro verde avanza na Copa xusto antes de disputar o segundo match-ball polo ascenso nunha Veiga do Olmo en mal estado. A primeira metade resultou parella e escasa de ocasións. Nunha das poucas chegadas dos visitantes Luis marcou un bo tanto froito dun lanzamento que entrou pegado ao pao. No segundo tempo os de Iago Núñez estiveron mellor e foron quen de remontar. Richard definiu á perfección tras unha boa acción de Cancela e David culminou a remontada tras superar ao gardameta nun man a man. Nos últimos intres o Casás volcouse na procura da igualada e gozou de dúas boas ocasións.
Riotorto 3 – Iberia 1. Estivo moi serio o Riotorto na primeira metade. Silvosa abriu o marcador antes de cumprirse o minuto dez e Óscar transformou un penalti antes do descanso. Tras o descanso o encontro estivo parado pola lesión de Iván, futbolista do Iberia. Finalmente descartouse o dano no tendón de Aquiles. Os de San Miguel foron mellores tras o parón e gozaron de numerosas ocasións. Pero foi Coedo o que marcou para sentenciar o choque en favor dos pupilos de Ramallal. Carlos marcou o tanto da honra para o Iberia nun rexeite tras un penalti.
Abadín 0 – Piringalla 1. Debutou con vitoria no banquiño Andrés Rodríguez nun encontro marcado polo vento. O Abadín tivo o dominio do balón nun primeiro tempo plano no que os visitantes tentaron evitar recibir gol. As defensas e as precaucións propias dunha eliminatoria impuxéronse. Tras o intermedio cambiaron as tornas e ámbolos conxuntos saíron a polo gol. A Piringalla, co vento a favor, aproveitou un desaxusto defensivo dos de David Lorenzo para marcar o único tanto do partido, obra de Nico. O Abadín buscou o empate e dispuxo de varias ocasións claras, unha delas un gol anulado por fóra de xogo de Alberto.

Goiriz 5 – Celta Barreiros 3. O Goiriz non entrou concentrado ao partido e o Celta Barreiros aproveitouno para adiantarse no marcador por medio de Casanova. O tanto espabilou aos de Manu Veiga que anotaron tres tantos case consecutivos, dous deles de Nico e un de Vizoso. Antes do tempo de lecer os barreirenses lograron recurtar diferencias por medio de Javi Andina. A falta dun cuarto de hora para o final Rocky igualou a contenda cun bo remate de cabeza. Nos últimos dez minutos o Goiriz foise a polo partido grazas aos trocos, que lle deron frescura na zona de ataque e Eladio con dous goles, un deles de chilena, sentenciou para os chairegos,
Catro Roldas 1 – Sporting Pontenova 1 (pasa por penaltis). O vento condicionou a cita na Canteira nun encontro moi pechado e carente de ocasións. Os locais adiantáronse no marcador cedo grazas a un gol de Danny Yáñez nun balón á espalda da zaga. O Sporting Pontenova tivo nas botas de Soto, ex do Catro Roldas a mellor ocasión do primeiro tempo. Os trocos déronlle outro aire aos de Merino no segundo tempo. Malia todo o tanto do empate non chegou ata o minuto 80. Héctor sacou un córner e o central Adrián rematou ao fondo da portería. Xusto antes do final Omar tivo moi preto de facer o segundo para o Catro Roldas, que salvou Fran practicamente na liña. Na tanda de penaltis o gardameta Presno estivo atinado e o Sporting Pontenova avanza a oitavos.

Chantada B 1 – San Roque 3. O filial chantadés tratou de dominar a través da posesión do balón, pero o líder da Segunda Sur entrou ben no partido e anotou cedo por medio de Turri tras un bo paso de Jano. Con todo, o Chantada B igualou antes do tempo de lecer. No segundo acto, o San Roque volveuse poñer por diante nunha acción a balón parado quen acabou cun gol en propia porta. Logo de algún acercamento dos locais, o San Roque sentenciou. As lesións de Arza e Anxo fixeron que os visitantes remataran con nove xogadores sobre o campo.
Carballedo 1 – Lemos B 3. O filial lemista foi superior. Xerou perigo polas bandas e tamén a balón parado e púxose por diante no primeiro tempo cun gran gol de Pupi. Tras o descanso o Carballedo empatou cun tanto de Roberto Carlos. Cereijo colleu o protagonismo e chegando desde segunda liña fixo dous goles para os monfortinos. O gardameta local viu o cartón vermello tras cometer penalti, acción que desaproveitou o Lemos B para facer o cuarto.
Becerreá 1 Friol 0. Encontro moi disputado entre dous dos semifinalistas da última edición copeira. Ao igual que daquela o Becerreá logrou pasar a eliminatoria, desta volta grazas en parte a un bo remate de Higinio no segundo tempo. O remate do atacante colouse pola escadra tras recibir o balón directamente do gardameta Dani. No primeiro tempo ámbolos conxuntos dispuxeran dunha ocasión de gol.


Antas 0 – Santa Comba 0 (pasa por penaltis). Encontro igualado que rematou sen goles nos noventa minutos regulamentarios, a pesar das ocasións das que dispuxeron ámbolos conxuntos. Louzao tivo a máis clara para os locais nos primeiros compases. A entrada de Jorge deulle máis mordente no ataque ao Santa Comba no segundo tempo. O dianteiro gozou dunha boa ocasión para marcar. Finalmente, o equipo revelación do grupo sur da Segunda Futgal resolveu a eliminatoria nos penaltis.
Corgo 2 – Palas 0. O Corgo agardou repregado para poder saír á contra. O Palas tivo o balón, pero sen chegar a xerar ocasións. Os de Abel Rochela tampouco foron quen de chegar con perigo á porta rival, salvo nalgunha acción a balón parado. No segundo tempo o Corgo saiu lanzado e fixo dous goles consecutivos. Acto seguido o encontro estivo parado pola grave lesión de nocello do dianteiro local Sebas, da que xa foi intervido con éxito. Malia todo pasará uns meses fóra dos terreos de xogo. Nos últimos intres os locais non se viñeron abaixo e defenderon sen demasiados atrancos o resultado.
Monterroso B 0 – Paradela 3. O filial saiu mal ao campo e non foi quen de levar a cabo o seu xogo. O Paradela desaproveitou un penalti por man de Balbino na área e os de Pampín souberon defenderse ata o último minuto do primeiro tempo no que os visitantes lograron adiantarse por medio de Romy. No segundo tempo, o Paradela fixo o segundo nunha acción a balón parado. A falta dun cuarto de hora para o final os visitantes sentenciaron.
Taboada B 1 – Brollón 2. As dimensións do Anexo da Medela e o vento fixeron que as forzas se igualaran. Os locais eran quen de conter as acometidas do rival ata que Castañer desnivelou a balanza para o Brollón. Xavi igualou cun bo remate de cabeza, aínda no primeiro tempo. Tras o descanso os de Jacobo Vázquez defendíanse dos intentos dos visitantes. Isma tivo dúas boas oportunidades antes de que Castañer fixera o segundo. O Taboada B buscou o tanto do empate, sen éxito.
Chantada Atlético B 0 – Páramo 4. Difícil falar de fútbol logo do falecemento do xogador local Jairo en accidente de tráfico, sendo este partícipe do encontro. Desde o Páramo destacan o seu papel no encontro a modo de homenaxe. Os visitantes foron superiores ao longo dos noventa minutos, realizaron un econtro moi serio e estiveron moi atinados cara o gol.
