Esta semana hai monotema de camisolas en As Nosas Redes Falan. Ademais teñen como protagonistas a tres equipos do norte: Celta Barreiros, Lourenzá e Mondoñedo FC.
Pensamento celeste entre Barreiros e Vigo
Unha camisola coas cores do RC Celta chegou ao Cascabeiro. A celeste vén firmada por parte do cadro de xogadores do primeiro equipo vigués. A relación entre os dous conxuntos queda patente no seu nome. Non sabemos se o dun, vén polo do outro. Unha relación que vai máis aló dunha camisola. Seguiremos informando.
Ver esta publicación en Instagram![]()
A camisola do equipo galego máis laureado en Lourenzá
O ED Lourenzá non está vivindo a mellor temporada posible. Só unha vitoria en 13 xornadas no curso do seu regreso á Primeira Galega. Aínda así, mantéñense as esperanzas como ben apuntou o capitán Iván Recalde no Palabra De… que este domingo escribiu para Futbolinlugo. O conxunto laurentino celebrou esta finde unha cea baile. Ata ela chegou para sortear unha camisola do Liceo de hóckey a patíns, o actual líder da OK Liga. Enviada expresamente polo ex capitán, Josep Lamas; un dos grandes xogadores españois deste deporte.
As cores do Mondoñedo de concerto
Esta fin de semana o grupo de rap político e social Los Chikos del Maíz realizaron unha mini xira por Galicia. Actuaron en Vigo, en Compostela e na Coruña. No concerto da cidade santiaguesa na Sala Capitol houbo protagonismo do fútbol lucense. Unha camisola da segunda equipación do Mondoñedo CF aparece visiblemente na foto do concerto que os artistas subiron aos seus perfís das redes sociais (a primeira camisola á esquerda). A formación valenciana regresou este ano aos escenarios presentando o seu disco Comanchería.