Encontro marcado en vermello no almanaque por varios motivos. É o único derbi provincial da Preferente nesta temporada e ademáis para ámbolos dous conxuntos supón máis que tres puntos na súa pelexa por fuxir dos postos de perigo. Burela e Pol enfrontaranse o domingo ás 12 horas na Marosa coa arbitraxe do coruñés Mario Balsa.
Nada facía presaxiar no mes de novembro que o Burela estaría a comezos de febreiro a dous puntos da zona de descenso directo. Pero unha mala xeira na que os mariñáns só acadaron dous puntos dos últimos vintesete en xogo fixo que os de Oke cheguen a este último tramo de liga na pelexa por evitar o descenso. As numerosas baixas por lesión, sobre todo na zona defensiva, xunto á de Adri Kun na parcela atacante pasan por ser unha das causas dos malos resultados dos burelaos, que precisan un triunfo para escapar da zona de perigo.
Enfronte estará un Pol que ocupa praza de descenso a Primeira Futgal, situación que nen o máis pesimista asinaría antes de comezar unha temporada, a priori ilusionante para os chairegos. O conxunto adestrado por Ramón Labrada mellorou a nivel de xogo e resultados no último mes e medio de competición, nos que só perdeu un encontro, o disputado no campo de O Val. Malia todo, o Pol precisa seguir sumando con urxencia nunha categoría na que, salvo o Cultural Maniños que pecha a clasificación con só doce puntos, todos os conxuntos amosan un nivel moi parello.
O último enfrontamento entre Burela e Pol na Marosa tivo lugar o 23 de abril de 2024, cando militaban en Primeira Futgal. Daquela a vitoria foi para o cadro local por dous goles a un. Marcos adiantaou ao Pol e Miguelailo e Yago marcaron para culminar a remontada dos verdes.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
José Manuel Arca ‘Oke’ (Burela)

As causas da mala xeira. «Sabiamos que aínda que o comezo foi moi positivo, nunha categoría tan esixente como a Preferente o tema podía complicarse. Na pretemporada estivemos adestrando vintedous ou vintecatro xogadores, e iso deunos un plus moi grande. Agora temos moitas lesións e outros xogadores non poden adestrar por diferentes motivos, polo que por semana non somos máis de dez. Só os venres somos algún máis. Creo que esa pode ser a causa máis determinante«.
O Pol. «Son un equipo serio e ben colocado no campo. Creo que teñen xogadores de categoría superior con gran calidade. Son fortes no balón parado con xogadores moi bos para transitar, con experiencia na liña defensiva e cun bo porteiro. A verdade que non comprendo porque están pasando por tantos problemas. Gustaríame que o partido tivera un ritmo alto e poder dominar con balón e xerar perigo a base de chegar e buscar os espazos. Por aí pasarán as nosas opcións«.
Opcións para acadar a ansiada permanencia. «Debemos dar un puntiño máis todos. Desde o corpo técnico ata os xogadores. Agardo ir recuperando efectivos pouco a pouco, que creo que será moi importante. Temos que estar enchufandos e que chegue un triunfo que nos motive un pouquiño máis«.
Ramón Labrada (Pol)

Aspiracións de ascenso rachadas. «Este ano estamos vendo unha Preferente tremendamente igualada, no que o máis mínimo detalle marca unha dinámica. A nosa non é a desexada e trataremos por todos os medios de revertila para rematar o máis arriba posible«.
O partido da Marosa. «Será un partido igualado, quizáis marcado polas condicións meteorolóxicas con tres puntos en xogo que a calquera dos dous equipos lle darán un impulso importante, tanto clasificatorio como a nivel mental. Debemos adaptarnos rápido ao esceario de xogo que nos atopemos e ser atrevidos. A concentración durante os noventa minutos e a intensidade ata que o colexiado sinale o final serán fundamentais para lograr a vitoria».
A pelexa por evitar o descenso. «A estas alturas de campionato desde o sétimo clasificado ata nós que marcamos o descenso estamos nove equipos en tan só cinco puntos. Iso amosa a tremenda iguladade desta categoría e do caros que vai estar sumar ante calquer rival e en calquera campo«.
A AXENDA
Terceira RFEF Feminina
PM Friol – Lóstrego (Sábado ás 12 horas na Reigosa): encontro importante para as locais nas súas aspiracións de achegarse ao liderado. Reciben na casa a un rival que suma soamentre tres puntos menos.
Terceira Galega Feminina
Carballedo – San Roque (Domingo ás 11 horas no Catro Ventos): as locais queren acadar a regularidade que lles falta nas últimas xornadas e sumar tres puntos mentres que as visitantes precisan unha vitoria para engancharse na zona alta.
Monte Forte – Comercial (Domingo ás 16:30 horas no Luis Bodegas): as monfortinas buscar recuperarse da última derrota diante dunha Comercial que quere estrear o seu casilleiro de puntos.
Terceira RFEF
Racing Vilalbés – Viveiro (Domingo ás 12 horas na Madalena): os chairegos queren seguir sumando para consolidar canto antes a súa praza de play off. Enfronte un Viveiro que ven de caer en Cantarrana e precisa dun triunfo no derbi para escapar da zona de perigo.
CD Lugo B – Arousa (Domingo ás 12:30 horas na Cheda): o filial albivermello, logo de catro partidos sen gañar, precisa os tres puntos para achegarse ao play off. Recibe a un Arousa, segundo clasificado que baixa as súas prestacións a domicilio.
Preferente Futgal
Lemos – At. Arnoia (Domingo ás 17:30 horas na Pinguela): logo de dúas derrotas consecutivas, os de Edu Rodríguez buscarán unha vitoria que os consolide na promoción de ascenso. O seu rival chega con dous puntos menos que os monfortinos e acumula seis xornadas sen gañar.
Primeira Futgal
Racing Vilalbés B – Residencia (Domingo ás 16:30 horas na Fonte): o filial chairego, quinto clasificado, a un punto da promoción, buscará un triunfo diante dunha Residencia que suma catro triunfos consecutivos e quere seguir aspirando a liderado.
Segunda Futgal
Alfoz – Guitiriz (Domingo ás 16:30 horas no Municipal): os de Javi Chinchón, logo de caer no campo do líder, reciben ao segundo clasificado coa intención de seguir preto dos postos de cabeza. O Guitiriz suman nove triunfos consecutivos e quere achegarse ao líder.
Terceira Futgal
Muimenta – Catro Roldas (Domingo ás 16:15 horas no Pichón): partidazo polo segundo posto. Os locais manteñen dous puntos de vantaxe sobre un Catro Roldas que conta cun partido menos, o adiado fronte ao Mondoñedo.
Quiroga – Corgo (Domingo ás 16:15 horas no Municipal): os locais buscan tres puntos que os manteñan con opcións de ascenso directo diante dun líder que se amosa intratable ata o momento. Os de Abel Rochela, de acadar a vitoria, darían un paso de xigante de cara ao salto de categoría matemático.

