Burela e Lemos saborean a promoción
-
Eros López | 17/11/2025
- 0
- 5min de lectura
As únicas vitorias da xornada dentro do Trío de Ases o Cantón chegaron para o Lemos e o Burela, o que lles permite a ambos consolidarse nos postos de promoción de ascenso á Terceira RFEF. Pola súa parte, a Sarriana sumou un punto ante o Burgos Promesas no primeiro encontro de Dani Giménez no banco. Na Terceira, Viveiro e Racing Villalbés sumaron un punto valioso, mentres que o Lugo B perdeu na súa visita ao Céltiga. O Pol non levanta cabeza e pisa os postos de descenso á Primeira Futgal.
O Burela asentase na promoción despois de vencer por 0-1 ao Cultural Maniños. O Burela arrincou o encontro moi enchufado e xenerando oportunidades, sobre todo na primeira media hora. O Cultural Maniños abriu a defensa da Mariña coas súas transicións, pero sen que ningún dos dous equipos lograse o tanto que abrise o marcador.
Na segunda parte, o Burela recuperou o dominio e petou á porta con varias ocasións para ir a polo encontro, No minuto 77, Jairo López fixo o tanto da vitoria a través dun disparo lonxano ante o que o porteiro non puido facer nada. Nos últimos minutos, o Burela achicou auga para poder saír cos tres puntos e afianzados na punta de lanza da categoría.
O Lemos asaltou o campo do Alertanavia cunha vitoria por 1-2 na que lles tocou remontar. Na primeira parte, o conxunto vigués puido controlar os primeiros minutos, pero o Lemos, sen gozar de grandes oportunidades, foi medrando ata conseguir dominar co paso dos minutos e ter o partido onde lle gusta ao cadro que dirixe Edu Rodríguez.

Na segunda parte, o encontro seguía o mesmo patrón ata que o Alertanavia abriu o marcador. Foi no minuto 59 onde aproveitaron un erro dos monfortinos para saír en transición e que Diego abríse o encontro. Catro minutos despois, Fito cazou un balón morto na área para igualar o choque. No minuto 75, Sergio deulle a volta ao encontro cun cabezazo co que definiu a vitoria dos de Monforte, que xa se colocan na cuarta plaza do Grupo Sur da Preferente.
A estrea de Dani Giménez no banco da Ribela só se puido saldar cun empate por 1-1 nun encontro moi parello onde a Sarriana tivo as oportunidades de maior perigo. O Burgos Promesas arrincou mellor, impoñendo o seu ritmo na súa primeira media hora. Pero os sarriaos tiveron dúas oportunidades por parte de Boedo que a defensa sacou na mesma liña de gol. A falta de dous minutos para chegar ao descanso, Hernáiz foi quen de marcar unha falta antolóxica na que César non puido facer nada.
Os de Dani Giménez comezaron a coller o dominio do encontro na segunda parte, con cada vez máis tempo de posesión. O empate chegaría no minuto 78 grazas a unha boa saída desde atrás na que Santi Gegunde encontrou a Edu, que cun disparo colocado desde a frontal conseguiu igualar. Os cambios déronlle osíxeno aos da Ribela, pero tamén aos burgaleses. Con oportunidades para ambos, A Ribela pediu un penalti a Arona que o colexiado non sinalou, polo que o encontro rematou co 1-1.
O Racing Villalbés afrontou coa súa plaga de lesións un encontro ante o Boiro que rematou sen goles. Os chairegos tiveron varios remates perigosos por parte de Cadra e Pablo Trigo na primeira metade que estiveron a piques de converterse en gol. No segundo tempo, o Barco arrincou mellor durante o comezo, pero os de Juan Rodríguez volveron a ter o dominio, pero non conseguiron situacións de moito perigo para facerse co encontro.
O Viveiro empatou por 1-1 ante o Atlético Coruña Montañeros nun moi bo encontro onde os dous equipos exhibiron as súas armas. Pese a que ambos xeraron perigo na primeira metade, foi na segunda parte onde os de Alberto López abriron o marcador cunha combinación entre Cora, Nacho e Álvaro, que definiu cun tiro cruzado. Os coruñeses volcáronse e conseguiron igualar o choque a través dunha acción desafortunada de Peli coa que fixo un penalti que transformou Jorge Cano.
O Lugo B non puido sumar nada do Salvador Otero, onde perdeu por 2-0 ante o Céltiga. Os lucenses tiveron o control do encontro durante todo o seu transcurso. O filial tivo dúas oportunidades claras na primeira parte de Ibe, pero só sumou no marcador o tanto de Julio Rey no minuto 18. Pouco despois de arrincar a segunda parte, Sobrido cumpriu a lei do ex e fixo o segundo tanto. Os de Dani Galán non o deixaron de intentar, pero non conseguiron reducir a distancia.
O Pol pisa o descenso tras caer por 1-0 ante o Órdenes nun encontro onde a igualdade foi a tendencia nun campo que non estaba nas mellores condicións. Cuadrado tivo un gran remate que sacou Manuel na primeira metade. Nos últimos minutos, Alesito tivo o gol na súa bota, pero a defensa sacoulla na liña de gol. Acto seguido, o Órdenes convertiu o único remate entre os tres paus que tivo no encontro grazas a un disparo á escuadra de Iván Calvo.
