#Con F de Futbolista #Feminino #Fútbol afeccionado

O balón bota a rodar no fútbol feminino da provincia

O PM Friol comeza goleando e colócase líder

Comezou a 25/26 tamén para o fútbol feminino cos partidos de Terceira Federación, 1ª Futgal e 2ª Futgal.

Após a desaparición do CD Lugo feminino (e o seu filial), a Terceira Federación queda con só unhas representantes lucenses: o PM Friol. As friolesas comezaron este domingo a liga ante o Concello de Boiro, a domicilio. As lucenses adestradas por Isabel Martín foron moi superiores ás locais, especialmente na primeira parte, cando chegaron 4 dos 5 goles do PM Friol.

Once inicial do PM Friol ante o Concello de Boiro. Foto cedida

O Concello de Boiro non dominaba e, ademais, cometía algún error groseiro que o PM Friol non desaproveitou. Así chegou o primeiro tanto do partido (e da tempada) para o conxunto friolés, nunha xogada un tanto infantil das locais que remata con Keisy disparando un libre indirecto que non perdoou no 24′.

A segunda diana foi dunha habitual da cita co gol xa na tempada pasada, Yoleidis, que só 3 minutos despois aumentaba a renda grazas a un roubo que rematou co balón no fondo da rede. Só 2′ máis tarde, uníase Fati á festa dos goles cun gran disparo.

Antes de chegar ao final dos primeiros 45′, Yoleidis volvía anotar, esta vez desde o punto de penalti, para pór o 0-4 no marcador antes de enfilar cara os vestiarios.

Á volta do tempo de lecer o PM Friol, moi cómodo co resultado, baixou o ritmo e a intensidade e así foi como chegaron as primeiras ocasións claras do Boiro. Así chegou o gol local das botas de Antía, no 57′. Mais a ledicia pouco durou xa que no 63′, de novo anotaron as locais mais en propia porta, para pór o definitivo 1-5 que coloca ó conxunto friolés líder, polo momento, da Terceira Federación.

A SD Antas saca un punto da súa volta á Primeira Futgal

Malia que as ulloás non deron a súa mellor versión, acusando a precipitación típica dos primeiros partidos do curso. Con todo, e aínda que era a SD Antas non conseguía ter o dominio do balón fronte ás locais, o Sporting Cambre, foron as dirixidas este curso por Óscar Méndez as que xeraron máis perigo con ocasións moi claras.

Xogadoras da SD Antas antes de comezar o partido. Foto cedida

Porén, na primeira xogada na que as cambresas se achegaron a portería e pese que o gol semellaba que ía caer do lado da SD Antas, foron as locais as que se puxeron por diante grazas ao tanto de Lorena Filloy (10′).

A SD Antas foi quen de repoñerse e conseguir, tan só 15′ despois, o empate grazas ao gol de Rebeca Quiñoy no 25′. As ulloás puidéronse poñer incluso por diante no luminoso coas abundantes ocasións claras das que desfrutaron, pero o balón non quixo entrar.

O Sporting Cambre, pola contra, semellaba contar coa sorte e acerto que lle faltaba ao Antas. As locais manexaban moi ben o balón e, ante a falla de efectividade das celestes, foron de novo as cambresas as que volveron pórse por diante no marcador, xa no 66′, co gol de Carmen Vázquez Trillo.

Á SD Antas volveulle tocar remar a contracorrente, e fíxoo. Nos últimos minutos de partido, unha xogadora que sempre semella iluminada de cara ao gol, fixo o propio. Jenny puxo as táboas no 86′ (2-2), dándolle un merecido punto ao seu equipo no debut esta tempada na Primeira Futgal e para seguir collendo forza e confianza de cara ao que resta de curso.

O San Lázaro foise desdibuxando no seu estreo na Segunda Futgal

No primeiro partido para o equipo recén ascendido dirixido por Rubén Candal, o San Lázaro, o comezo foi espectacular. Anita amosou que non lle impón o salto de categoría e aos 2′ de encontro anotaba o seu primeiro gol para pór por diante ao San Lázaro a domicilio, na visita ao CF Dumbría.

Xogadoras do San Lázaro no partido de estreo na Segunda Futgal. Foto cedida

Tan só 5′ despois, Irene amosaba tamén o seu potencial con outro gol que colocaba xa cun 0-2 ao equipo lucense a domicilio. As de Rubén Candal conseguiron manter un gran xogo durante os primeiros minutos pero, ao pasar a primeira media hora do partido, o equipo comezou a desdibuxarse. O Dumbría non perdoou e Mariña Suárez recurtaba distancias no 33′ (1-2).

Co gol local o San Lázaro deu outro arreón, e Irene volvía anotar para volver a pór o colchón de dous goles no marcador (1-3), pero os problemas para as luguesas xa existían, perdendo cada vez máis o ritmo e concentración do partido.

Nada máis volver dos vestiarios, o Dumbría volvía a recurtar distancias por medio de Adriana Castro, no 48′ (2-3) e no 69′, Paula Fandiño puxo as táboas no marcador (3-3). O conxunto local medrou e tan só 3′ despois, Mariña Suárez volvía anotar para adiantar ás súas no luminoso (4-3).

O San Lázaro loitou por volver ao partido e ir a polo empate, pero a mala sorte, fallos puntuais e a falta de claridade de ideas neses últimos minutos impediron conseguilo. Xusto antes do asubío final e logo da expulsión de Anita por dobre cartón amarelo no 93′, chegou o definitivo 5-3 das botas de Paula Fandiño.

A Milagrosa afunde ao Orillamar

Comezo tamén da Segunda Futgal para a Milagrosa logo de confirmarse xa a finais do verán a súa participación nesta división. Mais o partido de inicio, certifica que as luguesas poden dar perfectamente o talle neste nivel.

Unha goleada a domicilio e contundente. O Orillamar non tivo nada que facer ante a treboada de goles da Milagrosa.

Candela abriu o marcador xa no 8′ e, só un par de minutos despois, no 10′, volvía anotar. Lucía Martínez axiña se uniu á festa poñendo o 0-3 no 27′, e volvería anotar ela mesma á volta dos vestiarios, no 57′, para colocar o 0-4. Xa no 85‘, Irene fixo o quinto e, para pechar un gran partido tal e como empezara, volveu Candela e a súa fame goleadora para pór o definitivo 0-6 no luminoso xa no 89′.

Con este abultado resultado, a Milagrosa colócase como líder provisional da Segunda Futgal. Un gran inicio para as xogadoras que este ano subían de categoría e que ademais teñen un novo adestrador aos mandos: Héctor Expósito.

A Terceira Futgal xa ten calendario

Comezará outubro e farao tamén a Terceira Futgal feminina. O grupo 4 estará conformado por 7 equipos lucenses: Carballedo CF, SD Chantada, Comercial-CD Lugo, Monte Forte, PM Friol ‘B’, San Roque e a novidade, a creación dun filial da SD Antas.

O San Roque inicia a tempada a domicilio, ante o CD Lalín. Monte Forte e SD Chantada veranse as caras nas terras de Lemos. A Comercial desprazarase ata o campo da SD Cruces. Tamén a domicilio se estreará nesta división (tras renunciar á súa praza en 2ª) o filial do PM Friol. Por último, o Carballedo CF agarda no Catro Ventos ao recentemente creado Antas ‘B’.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *