O Foz vivirá unha nova etapa nos despachos cunha nova directiva que quere fortalecer a base do clube e comezar a dar novos pasos a medio prazo. O líder do novo proxecto dun equipo que rematou na quinta posición da Primeira Futgal será un mítico do fútbol lucense coma Asier Burundarena. O que foi xogador do Ribadeo neste último tramo de tempada chega ao mando do conxunto mariñán con ganas de revitalizalo e sen esquecer a súa faceta coma futbolista.
Futbolinlugo: Nalgunha ocasión anterior pensaches en ser presidente dun clube?
Asier Burundarena: «Se che son sincero non. Acababa de parar de xogar pero o meu traballo non me deixa estar de forma seria nun clube de Terceira RFEF. Quería voltar aos campos, pero nunca me imaxinei estar nos despachos porque aínda son moi novo. O que tiña na cabeza era chegar a adestrar a cativos de novo, que foi unha experiencia moi enriquecedora».
FIL: Como xorde esta decisión de ligarte a un histórico coma o Foz?


AB: «Eu non contaba con esto. A situación límite na que estaba o Foz fixo que Pepe, o anterior presidente, me chamara pola confianza que tiñamos. Eles ían deixar a directiva si ou si e non había quen se quedase co clube. A miña idea era axudar, pero se non se molla ninguén non se fan as cousas. Fun xuntando xente que poida estar activa co clube e penso que conseguín unir a oito persoas serias, traballadoras e con gran compromiso. Mediteino un mes, porque é unha decisión para catro anos e estabamos ante un reto que me motivaba. Creo que Foz meréceo tras varios anos malos. Queremos recuperar a maxia que había no clube».
FIL: Onde se van asentar as bases do novo proxecto que presentades coa nova directiva?
AB: «A prioridade é o fútbol base. Xa pechamos os catro adestradores da canteira máis Pelayo para o primeiro equipo. Queremos volver a ter unha base sólida que sirva como sustento do primeiro equipo e ter a cada vez máis rapaces de Foz».

FIL: Como pensas que vai ser o Asier dos despachos?
AB: «Non sei, de momento lévoo ben. O teléfono bótame fume pero creo que teño un bon equipo de traballo que me vai aliviar todo o que teño que facer. Serei igual que de xogador, con un pouco de xenio pero sabendo estar en todas as situacións e facendo o máximo polo clube».
«Gustaríame xogar e, obviamente, sería no Foz»
FIL: Tras unha tempada na que puideches xogar preto da casa en Ribadeo, esta decisión implica que vas deter a túa carreira?
AB: «Todo está no aire polo meu traballo e os compromisos familiares que teño que xestionar. Si que me gustaría xogar e, obviamente, sería no Foz. Pelayo preguntoume pero inda non lle puiden dicir porque na miña profesión os horarios son moi dispares e teño que estar moi atento. Se dou encarrilado todo, encantaríame xogar, pero se non me sinto cómodo terei que parar».
FIL: Tes un bo referente coma xogador e presidente a súa vez coma Jairo Campo. Falaches con el para que che dera algún consello?
AB: «Si, xa falei con el. Xa lle dixen que a nosa directiva tivese como modelo o traballo que están realizando en Burela. Eu con Jairo teño unha moi boa relación desde hai moitos anos e xa falamos e durante estes días preguntareille máis cousas porque eu son inexperto no campo».
FIL: Como che gustaría ver ao Foz unha vez remates a túa etapa coma presidente?
AB: «Gustaríame, sendo humilde, que houbera a base suficiente para nutrir o primeiro equipo e que estes conseguiran ter contacto coa Preferente. Tal e como se traballou os últimos anos é difícil e nós temos claro que non imos pagarlle a ninguén un soldo fixo, si daremos primas. Sabemos que nos vai costar facer equipos competitivos, pero só pedimos paciencia e que co compromiso dos xogadores imos sacar adiante todo. Non lle vemos sentido non ter un xuvenil e fichar, queremos afianzarnos no fútbol de canteira e intentar xuntar unha xeración boa.