#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Primeira Futgal #Segunda Futgal #Terceira Futgal

Así está o fútbol provincial: arrastres e compañía

O fútbol afeccionado lucense entra no seu tramo definitivo de competición e os nosos equipos xóganse moito nestes últimos encontros. Na Terceira División só quedan catro xornadas para rematalo campionato con Vilalbés e Castro loitando por obxectivos moi distintos. No resto de categorías esta fin de semana volve a competición coas últimas seis xornadas da Preferente e da Primeira Galicia, ca última na Segunda (un ascenso por decidir no grupo sur e o descenso en xogo) e as finais do play-off na Terceira. E todo isto acompañado dos temidos arrastres que comezan na Segunda División B.

O CD Castro ten unha difícil misión despois da derrota en Negreira no día do debut de Charly

Terceira División

Nas últimas catro xornadas os equipos lucenses tentarán acadar os seus propósitos, aínda que non o teñen nada fácil.

Racing Vilalbés: o equipo adestrado por Óscar Gilsanz está sexto clasificado con 59 puntos, empatado co Arousa (o seu seguinte rival, este domingo ás 17:30 na Madalena). Sitúase a un punto do cuarto que é o Bergantiños no que están os lucenses Roberto Prieto e Iago López, a cinco do terceiro que é o Cerceda, equipo no que xogan tamén dous xogadores da provincia, Marcos Valín e Uxío Da Pena (pichichi da categoría con 25 goles). Despois de recibir ó Arousa, visitará ó Céltiga e ó Ordes (xa descendido) e despide a liga ante o Alondras en Vilalba.



Castro: o conxunto adestrado dende hai unha semana por Charly (substituto de Iván Lamas) é cuarto por abaixo. É o único equipo da zona de descenso que ten opcións de salvación, xa que Dubra, As Pontes e Ordes son equipos de Preferente dende hai xornadas. Os da Terra Chá teñen 36 puntos; noutra temporada (se os equipos de abaixo sumaran máis puntos) a salvación estaría moito máis preto. Agora estarían a cinco da salvación no caso de que non se producisen arrastres. Contando o descenso xa seguro do Somozas e o posible descenso do Boiro na Segunda B, produciríanse dous arrastres no caso de que ningún dos galegos da Terceira conseguise ascender de categoría. A zona de salvación real márcaa o Céltiga con 42 puntos.

O Castro recibe o Barbadás (non ten certificada matemáticamente a permanencia, este domingo ás 12:00 no Municipal), visita ao líder, o Depor B, recibe ao Ribadumia que tamén está na pelexa e remata a liga no campo do Céltiga. De chegar con vida este partido podería ser unha auténtica final para os dous equipos.

O Lugo B ten serias opcións de ascender á Terceira

Preferente:



Poñéndonos no peor caso posible nestes momentos (baixan dous de Segunda B e ningún de Terceira sobe), descenderían seis equipos de Terceira. Tres deles caen seguro ao grupo Norte e poderían ser catro no caso de que o Castro descenda; polo que da Preferente Norte baixarían seis equipos. Nestes momentos collería a tres conxuntos lucenses.

Sarriana: a catorce puntos da salvación completa polo que o ten meramente complicado. Quédalle a visita a Arzúa, recibe ao Bertamiráns (tamén está na pelexa), visita ao Sada (pode estar xa matemáticamente sen opción de salvación), recibe ao Xallas, xoga contra o Paiosaco (candidato a entrar en play-off) e recibe o Betanzos para rematar.

Chantada: ten 30 puntos e, a pesar de gañar na última xornada antes do parón, precisa enlazar varias vitorias para seguir aferrándose. Quédalle visitar a un Sada deshauciado, recibe ao Xallas case sen opcións de play-off, visita ao Paiosaco, recibe Betanzos que de momento non ten a permanencia conseguida, vai a Arteixo que tampouco está salvado e no derradeiro enfrontamento vén o Escairón ao Sangoñedo.

Lemos: é o que máis posibilidades ten de manterse, xa que, incluso, podería non caer dependendo se alguén de Terceira ascende, se o Boiro non baixa ou se algún dos equipos da Preferente Norte que xogue o play-off á Terceira ascende. Está a tres puntos do Mugardos que marca a zona de liberdade plena. Quédalle recibir ao Polvorín con opcións de ascenso directo e enxeirado nos últimos enfrontamentos, recibe ao Estudiantil que é segundo clasificado, visita ao Soneira que tamñen está na pelexa da salvación, recibe ao Viveiro, vai a Arzúa que ten a salvación virtual asegurada e recibe ao Bertamiráns no que pode ser outra final.

Lugo B: é o equipo da provincia que pode ascender a Terceira. A un punto do segundo clasificado co que ten o gol average empatado, pero con +15 ao seu favor no global. Ten que xogar na Pinguela, recibe ao Soneira no Ceao, vai a Cantarrana, vén o Arzúa, visita Bertamiráns e pecha a liga na casa co Sada. Podería intentalo tamén nos play-off no caso de que queden vacantes en Terceira.



Primeira Galicia:

Na Primeira tamén quedan catro xornadas e, de momento, o único seguro é que a Residencia será equipo da Preferente no vindeiro curso. O Outeiro de Rei e 0 Monterroso loitan pola outra praza de ascenso con cinco puntos de diferenza entre ambos e un partido en Cerdeiriños por xogar.

Descenderían nestes momentos cinco equipos. Antas e Chantada B téñeno moi complicado porque están a dezaseis puntos desa hipotética salvación. A Milagrosa pola súa banda está a doce, o Burela a nove e o Chantada Atlético a cinco. Este último dependendo do que pase por arriba podería evitar ese corte de descenso.

Segunda Galicia: última xornada

Grupo norte: Pontenova e Xermade xa están ascendidos, só falta que se decida o campión. No caso de que a Milagrosa descenda de Primeira, xunto co Burela, enténdese que caerían para o grupo norte, polo que descenderían tres equipos.

Meira, Catro Roldas, Alfoz, Cospeito e Muimenta xogaríanse eses tres postos:

Meira (27 puntos): ten o gol average co Catro Roldas e co Cospeito. Visita ao Pontenova nun derbi no que os da Mina xóganse o campionato.

Catro Roldas (27 puntos): ten o gol average a favor co Alfoz, Muimenta e enfróntase na última xornada ao Cospeito co que perdeu na ida 4-1 no campo da Fonte.

Alfoz (26 puntos): ten o gol average a favor co Meira, Muimenta e Cospeito. Recibe ao Guitiriz .

Cospeito (26 puntos): ten o gol average co Muimenta. Enfróntase ao Catro Roldas que lle gañou 4-1 na primeira volta.

Muimenta (26 puntos): o que o ten máis complicado. Tan só ten o gol average a favor co Meira no global. Xoga co Iberia.

Grupo sur: O SDC San Roque xa é equipo de Primeira, ademáis de campión do seu grupo. A outra praza de ascenso teñen opcións de ocupala:

Ferreira: é o segundo con 61 puntos. Depende de si mesmo. Visita á Comercial que xa está descendida. Ten perdido o gol average cos dous equipos que o preceden.

Palas: é o terceiro con 60 puntos. Recibe nos Chacotes ao CD Corgo que xa está descendido. Ten o gol average a favor co Ferreira, pero en contra co Brollón.

Brollón: é o cuarto con 59 puntos. Visita ao Friol que xa sabe que vai rematar a liga na sexta posición. Ten o gol average a favor cos dous equipos que o anteceden.

Por abaixo, nestes momentos caerían catro equipos. Tres xa son equipos de Terceira: Comercial, Corgo e Sober. E outros tres equipos teñen opcións de caer e todos dependen de si mesmos para salvarse:

Rubián: 31 puntos. Xoga co Garabolos que ten 28 e co que perdeu o partido de ida (1-2). Gol averge a favor co Becerreá.

SD Becerreá: 30 puntos. Xoga co Sober xa descendido. Ten o gol average perdido cos seus dous rivais.

Garabolos: 28 puntos. Xoga co Garabolos ao que lle gañou na primeira volta 2-1. Gol average a favor co Becerreá.

Por último na Terceira Galicia queda por decidir a volta da final de ascenso á Segunda. O Goiriz ten unha lixeira vantaxe co Matela, xa que empatou 1-1 en campo visitante. No grupo sur, o Río Sil trae un resultado positivo ao vencer na súa casa 2-1 ao Monterroso.

 

Así está o fútbol provincial: arrastres e compañía

A gran competición do KO xa ten

Así está o fútbol provincial: arrastres e compañía

A competición dos grandes olvidados

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *