Unha semana máis, o Ser Deportivos Lugo deixou espazo para o protagonista da pasada xornada: Arturo Calvo, dianteiro do Viveiro CF, analizou o momento do seu club na Terceira RFEF e o seu estado de forma xunto ao noso Diego Díaz e a Álex Gato.
O ariete mariñán é unha das persoas que máis sinte as cores do Viveiro dentro do vestiario de Alberto López, ademais de traballar no fútbol base do club co obxectivo de continuar sacando xogadores para o primeiro equipo. Agora, atópase inmerso na loita pola permanencia xunto ao cadro da súa vida.
A victoria no derbi ante o Polvorín. «Foi un partido chave, sumar de tres na Cheda foi un gran paso de cara á permanencia. Pero temos que ser autocríticos e reflexionar, porque fixemos unha mala primeira parte na que tan só o noso porteiro Ayoub mantivo o nivel.»

As contas de cara a acadar a permanencia. «Non me gusta nada facer números, porque aínda non sabemos cantos equipos descenderán. Xa aprendimos o ano pasado que non nos podemos relaxar nas últimas xornadas e non deixar os deberes para o final.»


Na súa etapa xuvenil, arturo foi pretendido por equipos como o deportivo da coruña.
A canteira do Viveiro. «De aquí seguen saíndo moi bos xogadores, o último deles Lucas Fanego, pero tamén Fede Varela, Julio Delgado, Aldán. Hai que apostar pola xente da casa, de Viveiro e da Mariña en xeral: temos un gran equipo xuvenil e tamén un moi bon infantil. Hai materia prima e temos que traballar con eles para poder apostar, como pasou no meu caso.»
A intervención completa de Arturo no Ser Deportivos podedes escoitala aquí:

