O V All Star Futbolinlugo foi presentado na Cheda

En Futbolinlugo organizamos, o sábado 28 de xuño no campo da Cheda, a quinta edición do All Star Futbolinlugo. O evento serve de peche da temporada futbolística 24/25 e reunirá a algúns dos mellores xogadores da provincia.

O pasado martes (3 de xuño), a cita foi presentada oficialmente no escenario de xogo. A Cheda, campo municipal e casa habitual da SDC Residencia, acolleu o acto. Diego Díaz, redactor de Futbolinlugo, estivo acompañado por representantes das tres institucións públicas que colaboran no acontecemento.

Acudiron Javier Arias, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo; Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Deportes do ente provincial; Jorge Bustos, edil de Urbanismo, Xuventude e Deportes do Concello de Lugo; e Damián Carballo, concelleiro do PP en Lugo.

Máis de 60 futbolistas participarán no evento, que constará dun partido de fútbol feminino e outro masculino, xogos abertos a todos os públicos, homenaxes e diferentes sorteos.



O All Star é o evento co que Futbolinlugo se bota ao campo, logo de cubrir a actualidade do balompé lugués os 365 días do ano. Tras pasar por Burela, superar unha pandemia e chegar a Carballedo, ficar en Mondoñedo, deixar pegada en Guntín, petamos na muralla para entrar na capital da provincia.

Queres vestir como un auténtico All Star? Pide a túa equipación ou camisola



Manu Sánchez e Diego Seoane, primeiros convidados de luxo para os bancos do All Star

A xornada do 28 comezará co encontro entre a Selección Norte e a Sur ás 16:30 h. Os combinados, compostos por 16 xogadoras cada un, estarán dirixidos pola adestradora da SG Comercial, Vicky Burgo, e a preparadora do CD Lugo B, Iria Rey.

Estarán acompañadas nos bancos por dúas persoas con gran influencia no fútbol feminino galego da última década. Unha delas será Manu Sánchez, ex adestrador do RC Deportivo, que conseguiu ascender co club coruñés á Primeira División en 2019.

No partido masculino (ás 19:45 h) darase cita un equipo conformado por xogadores que participaron esta tempada na Preferente e na Terceira Futgal ante un conxunto de futbolistas que xogaron este curso na Primeira e na Segunda Futgal. O técnico do CP Casás, Diego Barreiro, e o da SD Castroverde, Iago Núñez, serán os adestradores da provincia.

Cada un formará parella con dous preparadores que pasaron polo fútbol profesional como xogadores. Un deles será Diego Seoane, ex xogador do RC Deportivo, CD Lugo, Racing de Ferrol e Pontevedra, entre outros, e actual segundo adestrador do club albivermello. Nos próximos días, Futbolinlugo anunciará o resto de técnicos que formarán parte do evento, así como os nomes de todas as xogadoras e xogadores que están convocados para a cita.

O nomeamento de Vicky Burgo, Iria Rey, Diego Barreiro e Iago Núñez está avalado pola votación dos nosos seguidores, logo dunha selección realizada polo equipo de Futbolinlugo.

Efrén Castro, Jorge Bustos, Javier Arias, Diego Díaz e Damián Carballo na presentación do V All Star Futbolinlugo na Cheda

Equipamento especial polo décimo aniversario de Futbolinlugo

Unha das características que fai máis particular o All Star é que cada futbolista conta cunha vestimenta personalizada para a ocasión. Desta vez, ao coincidir que se cumpren 10 anos dende o nacemento de Futbolinlugo, na parte traseira das camisolas poderase ler o lema 10 anos vivindo o fútbol lucense.

Futbolinlugo alcanza neste 2025 dez anos de traballo polo fútbol provincial. As súas orixes sitúanse en 2015 nas redes sociais. Progresivamente, o medio foi ampliando formatos e contidos ata consolidarse como a referencia na rede do fútbol afeccionado na provincia.

V All-Star Futbolinlugo arturo

O V All Star Futbolinlugo foi presentado na Cheda

Diario dun Mercado. Episodio 462

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *