A quinta edición do All-Star Futbolinlugo xa ten aos adestradores que escolleu a audiencia tras 608 votos na enquisa realizada. Todos os gañadores confirmaron que non se queren perder un evento que será, un ano máis, a festa do fútbol lucense, que este ano se celebrará na Cheda o sábado 28 de xuño. O encontro masculino entre Preferente e Terceira Futgal contra Primeira e Segunda Futgal e o feminino entre Lugo Norte e Lugo Sur serán os platos fortes e xa cos técnicos dos lectores preparados.
Preferente e Terceira: Iago Núñez (Castroverde)

O adestrador do Castroverde, Iago Núñez, é o adestrador da audiencia do equipo que conformarán os xogadores da Preferente e da Terceira Futgal. Conseguiu vencer nunha votación reñidísima, xa que conseguiu 113 votos que lle fixeron superar por só catro a Jandry Rego. Tamén chegou á centena de votos Raúl Fernández, da Sarriana B.
A tempada de Iago Núñez foi digna de entrar no All-Star, xa que co Castroverde conseguiu o ascenso á Segunda Futgal ao quedar na segunda posición do grupo norte. Ademais, foron durante varias semanas o equipo galego cunha mellor xeira de vitorias consecutivas, a cal chegou a ter 14 encontros gañados seguidos. 61 goles a favor e 16 en contra foron a suma da súa tempada en liga. Na Copa, quedaron eliminados nos oitavos de final tras perder co Cazás.
Primeira e Segunda: Diego Barreiro (Casás)

No equipo rival que conformarán os xogadores da Primeira e a Segunda Futgal, o adestrador escollido polos lectores de Futbolinlugo é Diego Barreiro, do Casás, tras arrasar nas votacións con 150 votos ao seu favor. Rubén Sanjurjo ‘Piru’ do San Roque quedou na segunda posición con 118 votos para el, sendo ambos os únicos que superaron a centena na enquisa.


O Casás de Diego Barreiro fixo unha tempada moi boa que rematou nunha meritoria quinta posición na táboa do grupo norte da Segunda Futgal con 76 goles a favor e 50 en contra. Sobre todo, a gran chave do curso dos lucenses estivo nunha xeira de 10 vitorias consecutivas no tramo final da tempada que lles chegou a poñer na loita polo play off, ao que se quedaron a só seis puntos. Na Copa, o seu camiño rematou en dieciseisavos ao perder ante o Castroverde.
All-Star Lugo Norte: Iria Rey (Lugo B)
Na votación para o partido feminino do All-Star Futbolinlugo, a gañadora da votación total foi Iria Rey, adestradora do Lugo B. A técnica do filial albivermello logrou o 57,9% dos votos, un total de 352 a favor. Será a encargada de dirixir coma adestradora da audiencia ao conxunto de Lugo Norte no encontro inaugural da xornada do evento.
O filial albivermello tivo unha tempada na que gañaron en tranquilidade, conseguindo unha sólida novena posición na que puideron salvar a categoría con once puntos de vantaxe. O Lugo B firmou 47 goles a favor e 42 en contra para pechar a súa permanencia. Ademais, xa están dentro das semifinais da Copa ao vencer ao Chantada por 1-5.

All-Star Lugo Sur: Vicky Burgo (Comercial)

Pola súa parte, á segunda clasificada na votación foi Vicky Burgo, adestradora do Comercial, que será a representante da audiencia no banco do equipo do All-Star de Lugo Sur. A técnica logrou superar o cincuenta por cento dos votos emitidos con 313 emitidos. Puido sacarlle máis de 100 votos ao terceiro clasificado, que foi Rubén Candal do San Lázaro con 202 votos.
O Comercial está facendo unha tempada positiva, sobre todo neste último tramo, dentro da Terceira División Galega. Agora mesmo, están na novena posición a falta de dous encontros para acabar a competición. Están instaladas nunha xeira positiva na que sumaron tres vitorias nos últimos cinco encontros do campionato.