O Racing Villalbés, dirixido por Alberto López, afronta o seu regreso á Terceira Federación, tras unha tempada histórica en 2ª RFEF. No cadro chairego pódese falar de cambio de ciclo deportivo. Mantense a estrutura coa dirección deportiva de Pablo Vivero, pero con novo adestrador e once fichaxes.
Despois de seis anos baixo a batuta de Simón Lamas, Alberto López toma a remuda. O adestrador lugués engade ao cadro vilalbés no seu amplo currículo de equipos adestrados na provincia. O último foi o Viveiro, do que formou parte dúas tempadas logrando a salvación tamén na Terceira Galega. Agora aspira a máis cun Racing que non quere perder os seus sinais de identidade. Se non hai cousa de novo, Alberto estará no club de Vilalba, mínimo, dous anos.
Futbolinlugo: Como chega o equipo ao inicio de Liga?
Alberto López: Motivado e con moita ambición. Houbo unha carga alta de planificación física. Ao equipo fáltalle contruírse tacticamente na idea de xogo que queremos. Houbo moitos cambios en todas as liñas e aínda non estamos ao 50% da capacidade do equipo. Non obstante, estou convencido de que imos competir moi ben nas primeiras xornadas, tal e como facemos en cada adestramento.


Fil: Dás por pechado o cadro de xogadores coa última incorporación de Alberto Leira?
AL: Os adestradores sempre queremos ter o equipo máis equilibrado posible. O cadro de xogadores é curto para a Terceira Galega. O noso presuposto é un orzamento medio da categoría. Agora mesmo está moi axustado para fichar a alguén máis. Tería que ser nunhas condicións económicas, por parte do xogador, moi boas para o club. Temos a baza do filial, están traballando con nós cinco ou seis xogadores cunha boa proxección.
Alberto López: «O salto do filial ao primeiro equipo segue sendo moi grande»
Fil: Como valoras ter un filial en Primeira Autonómica?

AL: O salto segue sendo moi grande. O filial está comezando a construírse con xogadores de proxección, pero moitos soben de idade xuvenil como Álex, Migui, Noel ou Edu. Coa implicación que teñen, seguro que con tempo e paciencia poderán ser importantes no Racing.
Fil: Por que non continúa o burelao Adri Deán?
AL: Saíu de xuvenís e xogou un ano en sénior cunha capacidade técnica enorme. Non se adaptou ao ritmo de adestramentos que temos en Terceira División. Non vemos que vaia ter minutos en Terceira. Como se desprazaba de Burela a Vilalba, para xogar en Primeira Rexional, prefire xogar en Burela. Entendémolo e facilitámoslle a saída ao club da Marosa, no que xa nos deran todas as facilidades cando comezaramos a falar co futbolista.
Fil: Que opinión che merece entón o cadro de xogadores conformado?
Al: Dentro do noso orzamento e da seriedade económica que hai no Racing, fixemos o mellor grupo posible. Non temos o presuposto nin da UDO, nin do Arousa nin da Sarriana. Fichamos xogadores con experiencia e outros que queren medrar na categoría. A súa mistura vainos dar resultados se os damos conxuntado canto antes.

Alberto López: «Ante a chamada do Racing Villalbés non se pode dicir que non»

Fil: Por que decidiches aceptar a proposta do Racing?
AL: Calquera adestrador da provincia ante a chamada do CD Lugo ou do Racing Villalbés, como neste caso, non di que non. Despois de pasar pola Sarriana e polo Viveiro, das opcións que manexamos, a oferta e a confianza eran importantes. O proxecto é de continuidade. Apostaron por min. Sei que temos que construír un equipo, non vai ser fácil, pero estou convencido de que imos medrar xornada a xornada.
Fil: Como ves por dentro a estrutura do club?
AL: É moi grande. Só falta mellorar o campo de adestramento, a Madalena sintético, xa que a superficie non é boa e as dimensións son pequenas. Agora mesmo, a directiva está dando un paso máis mellorando o Roca e imos dispoñer dun ximnasio en breve. O club está moi ben coordinado dende a base ao primeiro equipo.
Fil: Como trataredes de xogar?
AL: Imos ser un equipo que intente dominar varios aspectos. Dende o xogo posicional ás transicións, alternando tamén o xogo combinativo e o directo. Medramos xa na pretemporada sendo atrevidos e adaptándonos a distintos estilos. Debemos ser valentes na presión en campo contrario. Fáltanos tempo, pero seguro que imos mellorando e intentando manter a base do Racing de sempre: agresivo, intenso e súper competitivo.
Fil: Como ves o partido diante do Betanzos (domingo ás 18:00 h)?
AL: Teñen continuidade con respecto a temporada pasada e incorporaron a xogadores do Fabril, melloraron con Ipi Amigo en banda esquerda, un dos mellores extremos da Preferente no Miño; teñen dous centrais veteráns como Iago López e Antonio,… É un equipo difícil na súa casa e con moito perigo en ataque con futbolistas como Juan de Dora (ex do Racing). Imos ter que estar moi concentrados para neutralizalos.
Alberto López: «A miña meta como adestrador si é xogar o play off»
Fil: Cal é o obxectivo do club?
AL: Ser un equipo súper competitivo cada domingo. O obxectivo final é xogar a promoción, sen ningunha presión porque non a temos por parte do club. Non se nos esixiu en ningún momento, pero a miña meta como adestrador si é xogalo. Temos a ilusión de querer estar a final de temporada entre os cinco primeiros. Se nos respectan as lesións, imos poder competir por esa meta.
RACING VILLALBÉS 24-25

Corpo técnico: Alberto López (1º adestrador), Rubén Barrios (2º adestrador), Antonio Lamas (adestrador de porteiros), Andrés Rodríguez (analista), Héctor Fernández (preparador físico) e Paco González (delegado).
11 altas: Fito Periale (CD Castro), Asier (Ribadeo), Borja Míguez (Arousa), Édgar Redondo (Viveiro), Anthony e Martín da Lama (Betanzos), Gabri Barroso (Viveiro CF), David García (Silva), Cañi (Arteixo), Edgar Tourón (porteiro que terá ficha do filial) e Alberto Leira (UD Somozas).
8 continuidades: López, Make, Vérez, Javi Varela, Jose Varela, Álex Santomé, David Buyo e Javi Rey.
15 baixas: Rares (Pontevedra), Nathan (CD Lugo), Quico (Peña Deportiva), Álex Pérez (Coruxo), Carlos Torrado, Luis Castro e Duque (Arousa), Ibrahima, Carrión (Real Ávila), Arturo (Motril), Izan (Atlético Porcuna), Fito e Uzal (Bergantiños), Isaac (Utebo FC) e Pablo Rey.
A maiores futbolistas como Cadra (con ficha do filial, pero que unha lesión lle impediu no último ano seguir medrando no primeiro equipo) pode ter as portas abertas no cadro de Alberto.
Foto de portada: Racing Villalbés