O Rácing Vilalbés culminou unha tempada na que estivo a piques tanto de conseguir gañar a Terceira RFEF coma de avanzar de rolda na promoción ante a Sarriana. Un cadro que tivo como máximo estandarte o traballo, pero que se viu lastrado polas lesións no último mes decisivo da competición. Alberto López, quen foi o seu técnico, non continuará de cara á vindeira tempada debido a diferencias no plantexamento entre o clube e o adestrador.
Futbolinlugo: Como foi para ti esta experiencia no Rácing Vilalbés?
Alberto López: «Foi moi positiva, sempre tiven a ilusión de adestrar ao Rácing Vilalbés porque o admiraba. Encime conseguimos estar inmersos na loita polo ascenso directo competindo durante gran parte da competición. Fixemos un grupo incrible con grandes xogadores e logramos estar oito meses nos que só perdimos un encontro. As lesións acabaron marcándonos, porque eu creo que se Anthony, Javi Rey e Brais Pedreira chegaran na súa mellor forma teríamos pasado de rolda ante a Sarriana».
FIL: Pensas que os obxectivos están cumpridos?


AL: «Penso que cumprimos con moito o obxectivo que nos marcara a directiva, o cal era ser competitivos e salvar a categoría. Desde o corpo técnico e o cadro de xogadores quixemos ir a polo play off dende o comezo con ambición nunha liga onde hai transatlánticos e onde equipos como Arousa ou Alondras quedaron fóra con grandes proxectos. Estivemos aínda por riba do que se podía esperar dun equipo completamente remodelado onde o compromiso e o esforzo no día a día foron as chaves do noso rendemento. Non nos podemos esixir máis, faltounos saúde no último mes porque as lesións chegaron no peor momento».
FIL: Acabastedes moi preto de acceder a seguinte fase do play off e fostedes o principal competidor da UD Ourense en boa parte da tempada. Pensas que o fútbol puido ser inxusto con vós?
AL: «Non. Eu sempre lle digo aos futbolistas que o único que non se pode controlar son as lesións. Chegaron no peor momento, só hai que mirar os encontros fronte Barbadás e Polvorín onde con marcar un gol en calquera dos dous poderíamos chegar a ser segundos na táboa. Non tivemos a frescura suficiente para acadalo. Os tres equipos que acabaron diante noso foron superiores e nunha promoción que ao final decidiuse pola clasificación penso que non nos podemos esixir máis. É un xogo e nós estivemos a piques de conseguir pasar ante o equipo con máis técnica da competición. Ninguén pode dicir que non fixemos un bon encontro na Ribela, un campo moi complicado».

«Quédome co nivel competitivo do Rácing Vilalbés»
FIL: Con que te quedas da experiencia no clube chairego?
AL: «Quédome co nivel competitivo do Rácing Vilalbés. Acertamos en xuntar a un adestrador, un cadro de xogadores e un clube que a súa maior virtude é a capacidade de traballo. Iso fixo que un equipo que non era dos máis técnicos puidese competir e que con ese esforzo loitase por gañar a liga. Era algo impensable para un equipo que se reconstruiu despois do descenso. Foi unha tempada redonda na que só faltou a guinda dese gol na prórroga para avanzar de rolda. Non podemos mirar atrás agora e intentámolo con todo o que tivemos».
FIL: Como se da esta marcha do Rácing Vilalbés?
AL: «É un tema que aínda que pareza sorpresivo é sinxelo. O club, que hai que respetalo, ten unha idea de equipo e unha historia que é indiscutible cuns xogadores que a escribiron. No clube cren na continuidade dese bloque sen unha maior ambición e manter a categoría e eu quería ter coma obxectivo voltar á fase de ascenso e disputar a liga. Ao mesmo tempo xúntase unha reestruturación económica que ao final non me dan deportivamente os condicionantes para que eu continúe no Rácing Vilalbés».
«Gústame ser competitivo e intentar mellorar o que fixemos e desde o clube transmítenme un maior conformismo que fai que teñamos unha idea diferente. Estou moi agradecido, pero prefiro ser honesto e dar un paso ao lado, a pesar de ter contrato, e esperar. Hai que saber entrar nun sitio e cando ten que saír porque non é o seu momento».
FIL: Cales serán os próximos pasos de Alberto López nos bancos?
AL: «Dígoche sinceramente que agora mesmo non hai bancos nin en Terceira nin en Segunda nin eu teño ningunha oferta. Eu creo que Alberto López vai ter que esperar para que lle chegue un proxecto que teña a idea de ambición e competitividade que eu teño».