O empate protagoniza a Primeira Futgal

Ata 12 equipos da Primeira Futgal marcharon cun empate dunha xornada que deixou varios pinchazos na zona nobre, dos que se aproveita o Monterroso. A categoría iguálase máis que nunca por abaixo, pois ningún quere quedar descolgado.

O Brollón atáscase fronte o Nogueira (0-2). Os ourensáns comezaron mellor e adiantáronse cando apenas se cumprira o 10′ de xogo. Co paso dos minutos, a iniciativa foi para un cadro lucense que o intentou de tódolos xeitos posibles, pero que se atopou coa defensa visitante e cunha actuación arbitral que non os deixou nada satisfeitos. Os de Ramuín xogaron as súas armas e, mediado o segundo tempo, sentenciaron co 0-2 definitivo nos Medos.

O Foz deixa marchar á Residencia cun punto (2-2). O control inicial foi para os mariñáns, pero a Residencia fixo o 0-1 cunha gran transición. Pouco despois o Foz marrou unha pena máxima, pero compensou o erro co 1-1 case inmediato. Á volta dos vestiarios, a Residencia defendeuse e detivo os ataques locais ata o 2-1 —que chegou desde un centro lateral—. Porén, de novo nunha transición, os de Rafa Casanova igualaron a 2 diante dun Foz que puido anotar máis goles, pero que pecou na finalización, 2-2.

O Racing Villalbés ‘B’ remonta con dous penaltis ante o Lourenzá (2-1). Tras o tanteo inicial, Paulo asistiu a Paulo para facer o 0-1 á media hora de xogo. Porén, os chairegos melloraron na reanudación e provocaron dúas penas máximas para que Hamza dese a volta ao electrónico en apenas 10′. Desde ese intre, o Lourenzá buscou a igualada con xogo directo e balóns parados, pero os de Iván Lamas defenderon ben e mantiveron o resultado na Fonte.

Santaballés e Ribadeo rematan en empate nun duelo moi entretido (2-2). Aínda que nos primeiros minutos foi mellor o Santaballés, o Ribadeo aproveitou dous erros locais para poñerse 0-2 (Santi e Castrín) no 13′ de xogo. Porén, os chairegos reaccionaron rápido e Palomo puxo o 1-2 coa testa. Desde ese intre ata o descanso, a máis clara foi para o Ribadeo, pero Chipi desbaratou a dobre ocasión. Na segunda metade, o Santaballés controlou o xogo —aínda que non a posesión— e consegui o empate nun penalti moi protestado polo Ribadeo e que transformou Palomo para poñer o 2-2.

O Xove deixa vivo ao Escairón no Saviñao (1-1). Segue carburando o conxunto mariñán, que superou en intensidade e fame aos locais. Xoel fixo o 0-1 mediado o primeiro tempo e, desde aí, a defensa mariñá foi excelsa ata o 70′, cando o Escairón aproveitou un erro para igualar o resultado. Ibra tivo un man a man na última do choque, pero non estivo atinado na definición e houbo reparto de puntos final noutro empate desta xornada.

O Iberia róuballe un puntazo ao líder (1-1). A SD Chantada non deu desbaratado o entramado defensivo local ata o 36′, cando un desvío dun remate de Pablo se colou nas redes mariñás. Na segunda metade, porén, o Iberia fixo o 1-1 nunha transición e, desde ese intre, cada un dos conxuntos procurou as súas opcións: Iker e o longueiro desbarataron as opcións visitantes e o Iberia errou tres contragolpes que puideron desfacer o empate nas Valgas.

Guntín e Outeiro empatan sen goles (0-0). O medo a perder e o partido de Copa do día de San Xosé fixéronse notar no Ladairo, nun duelo que apenas tivo oportunidades para ningún equipo, pero si moita disputa e segundos balóns. Co paso dos minutos, tanto Guntín como Outeiro deron por bon o punto e mantiveron a sobriedade defensiva, aínda que as accións de balón parado puideron inclinar o choque a prol dos visitantes. Ao final, empate que deixa satisfeitos a ambos nun tramo crucial de temporada, 0-0.

Igualada en todo entre Chantada Atlético e Taboada (1-1). Houbo intercambio de golpes entre dous conxuntos que queren manter a categoría e cada un deles foi mellor nun dos periodos do partido. Os locais adiantáronse no primeiro tempo e, xa na reanudación, o Taboada igualou. Desde o 1-1, ambos equipos contaron con achegamentos, pero as defensas revolveron mellor e terminaron por imporse no Sangoñedo.

O empate do Ribadeo consolida ao Monterroso na clasificación

O Monterroso suma e segue ante o Oural (4-2). Foron mellores os sarriáns no primeiro tempo, que se adiantaron nun erro local. Pouco despois, o Monterroso igualou para chegar ao descanso cun empate que lles daba tranquilidade. No segundo tempo, tres accións de balón parado e os cambios introducidos por Fernandito inclinaron o choque a prol dos de Cerdeiriños (4-1) e fronte a un Oural que recurtou a diferenza co tempo case cumprido (4-2).

A Milagrosa volta á senda da victoria ante o Castro (1-0). Houbo un equipo máis famento que outro no Gorgoso. A intensidade e mocidade local impúxose á apatía visitante nun duelo no que a máis clara da primeira metade estivo nas botas de David López. No segundo tempo, os de Madriles subiron as súas liñas e gozaron de varias ocasións claras, pero non atinaron ata o 85′, cando o xuvenil Pablo converteu un dos primeiros balóns que tocou no seu debut no 1-0 que deixou os puntos e a salvación virtual para a «Mila».

empate

O empate protagoniza a Primeira Futgal

O Lugo B vence para seguir na