A proximidade xeográfica non primou á hora de decidir a composición dos grupos da Primeira Futgal, cando menos para os equipos lucenses. Os 108 conxuntos galegos da categoría votaron a distribución dos seis grupos que esta vindeira temporada 2024/2025 conformarán a anteriomente denominada Primeira Galicia entre as tres opcións que saíron da reunión dos clubs coa Federación Galega de Fútbol da semana pasada.
Logo da votación, e da abstención de catro clubs, a opción 1 resultou a gañadora por maioría absoluta de sesenta votos e os dezaoito conxuntos lucenses militarán no mesmo grupo, tal e como viña acontecendo ata o de agora. Deste xeito, os equipos mariñáns e os do sur da provincia contarán con varios desprazamentos de preto de dúas horas e media de duración. A opción 2, que contou con 28 votos, así como a opción 3 que tivo 16, propoñían a división dos conxuntos lucenses en dous grupos. Nun irían os da zona norte encadrados cos equipos de Ferrolterra e os da zona sur cunha parte dos equipos ourensáns, evitando así longos desprazamentos.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/07/00100_1000003054_noticia_web_ENCUESTA.jpg)
Malia todo, o fútbol galego falou e a Primeira Futgal seguirá contando cun grupo integramente lucense formado polo seguintes equipos, de norte a sur: Xove Lago, Burela, Foz, Lourenzá, Pastoricense, Meira, Castro, Santaballés, Racing Vilalbés B, Outeiro de Rei, Residencia, San Lázaro, Guntín, Monterroso, Oural, Taboada, SD Chantada e Chantada Atlético.
A competición dará comezo, tal e como anunciou no día de hoxe de xeito oficial a Federación Galega de Fútbol, o día 8 de setembro, ao igual que a Terceira Federación e a Preferente Futgal.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/07/20240724_194634.jpg)
Imaxes: www.futgal.es
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)