A Terceira RFEF está en marcha
-
- 0
- 3min de lectura
Coa pretemporada avanzada na Terceira RFEF, os conxuntos lucenses ultiman os preparativos para o comezo dunha competición tan esixente coma dura. CD Lugo ‘B’, Racing Villalbés e Viveiro terán que medirse a clubes da entidade de SD Compostela ou Arosa SC e superar a ilusión dos recén ascendidos Atlético Coruña Montañeros ou Juventud Cambados, entre outros, para acadar os obxectivos propostos por cada un deles nesta Terceira.
En Cantarrana, Alberto López volve coller o mando do cadro celeste para acadar a permanencia un ano máis. O contrastado técnico terá que reinventarse de novo para cohesionar as novas pezas dos mariñáns: os Julio Lansade, Nacho Puente, Jacobo, Wellington… terán que acoplarse a pezas importantes como Arturo, Rolle, Ayoub ou Diego e paliar algunhas das significativas baixas, como a de Germán ou a de Santín.
O obxectivo do Viveiro, por tanto, pasará por conformar un grupo sano e competitivo en cada campo. Quen sabe se o traballo dun adestrador que xa loitou pola promoción de ascenso levará de novo aos celestes a ser unha das revelacións da Terceira RFEF.
En Vilalba, Juan Rodríguez asume as rendas do equipo con ilusión e pilas cargadas. As fichaxes de Trigo, Herrero e Otero e as promocións desde a base de Yago Miguélez e Edu Reigosa tratarán de compensar as marchas de Tourón, Édgar, Cañi, Fito ou Brais Pedreira, entre outros futbolistas que vestiron a elástica chairega o pasado curso.
Zecho afronta así un ano no que os da Magdalena buscan consolidar o seu proxecto de base e competir contra os mellores clubes de Galicia. Homes de enorme importancia como Santomé, López, Make, Buyo, Vérez, Cadra, os Varela, David García, Anthony, Javi Rey, Martín da Lama e Borja Míguez renovan para axudar á entidade no proceso.
En calquer caso, o cadro chairego segue a consolidarse como un dos equipos de referencia na comunidade e na provincia. A consecución dos obxectivos propostos a curto e medio prazo permitirá mantelo como un modelo para todos os clubes de categoría RFEF e tan só o paso das xornadas establecerá o seu teito nesta 25/26.
No caso do filial do CD Lugo, Dani Galán seguirá aos mandos logo do cambio de propiedade do club. A nova directiva —logo da polémica xerada coa eliminación da sección feminina— continuará dando valor ao traballo de canteira e potenciando o talento provincial e autonómico. Deste xeito, o filial albivermello procurará —alén da permanencia na Terceira RFEF— formar futbolistas para un primer equipo que quere ter acento lucense (Jorge ou Rosón son algúns dos exponentes actuais desta filosofía albivermella).