A Terceira Futgal trae un derbi vibrante
-
- 0
- 3min de lectura
A Terceira Futgal é unha categoría chea de emoción. Os clubes máis modestos do noso fútbol compiten por obxectivos variados, que van desde acadar o ascenso ata competir cada fin de semana con ilusión e ambición. Equipos que adestran máis ou menos días por semana, pero todos unidos polo balón en canto comeza unha competición na que calquera pode sorprender a calquera.
Este sábado ás 19.30, no Anexo de Cerdeiriños, terá lugar un derbi especial entre o Monterroso ‘B’ e o Relámpago Taboada: non é un derbi máis, pois os locais lideran a táboa clasificatoria, mentres que os visitantes son os pechacancelas do grupo. A situación dos vermellos é complicada, pois de rematar a competición neste momento, non poderían ascender de categoría: o primeiro equipo está en postos de descenso á Segunda Futgal.
Porén, o técnico do filial —Óscar García Pampín— móstrase optimista co club e agarda levar a victoria nun derbi vital para definir obxectivos de cara ao final de temporada nesta Terceira Futgal. O preparador afirmou que «estamos moi contentos co rendemento do grupo. Estamos líderes e temos que ir partido a partido. Xa somos equipo de promoción de xeito matemático, agora hai moir duelo directo entre os de arriba na recta final de temporada, así que veremos que pasa nas catro xornadas que nos restan».
O técnico afirmou que «non estamos preocupados polo primeiro equipo. Están a traballar moi ben e non temos ningunha dúbida de que non van ter problemas para saír de aí ». Con respecto ao duelo do sábado na Terceira, Óscar sinalou que «temos que saír a por todas desde o minuto 1. Non nos podemos confiar pese á clasificación, porque un derbi é un derbi e si saímos relaxados pódenos custar o partido».
Os visitantes, pola súa banda, non están a ter un ano doado. Tan só coñecen a derrota nunha temporada na que, aínda que o fútbol que practican non é malo, a dinámica é moi negativa. Ademais, nas filas do Relámpago Taboada atópase Víctor Valiño, quen nos adicou uns minutos na previa do duelo entre o seu actual equipo e club dos seus amores, o Monterroso, en cuxo filial tamén xogou.
O dianteiro confesou que «agardo ser ben recibido na bancada de Cerdeiriños, pois síntome moi querido pola xente de Monterroso. Conto que sexan 90 minutos especiais», mentres que agarda un «partido bonito no que non se note a diferencia na táboa, pero eles son os favoritos e me alegraría moito que ascendesen». En canto á situación deportiva do Relámpago, Víctor sinalou que «o club ten que seguir medrando pouco a pouco para facer unha temporada mellor o próximo ano, pero estamos tranquilos e traballando en boa liña».