Poucos partidos máis atractivos no fútbol galego que o que se disputa este domingo ás 16:15 horas no Sangoñedo. A SD Chantada recibe á Residencia, nun choque no que está en xogo o liderado e a supremacía dun grupo lucense da Primeira Futgal no que ningún dos dous conxuntos ofrecen concesións.
O Chantada é o mellor equipo dos seis grupos galegos da categoría con trinta e seis puntos acadados dos trinta e nove posibles. Persígueno de preto a Residencia, o seu rival nesta xornada, Ribadumia e Marín no grupo 5, e Atlántida Matamá no grupo 6, todos eles con 35 puntos. Só este último supera aos chantadinos en goles anotados con 42 tantos a favor, un máis que os pupilos de Traste.
Con estes números chega o Chantada á décimocuarta xornada ligueira, na que unha derrota apearíao da primeira praza. Os da vila do Asma só cederon puntos diante do Santaballés na sétima data de competición e o resto dos encontros cóntaos por vitorias.
As cifras da Residencia non se quedan atrás. Os de Rafa Casanova non coñecen a derrota e ocupan a segunda praza na clasificación con trinta e cinco puntos. Se o Chantada conta por vitorias os seus encontros como local, as cifras da Residencia lonxe da Cheda non lle van á zaga. Catro vitorias, entre elas unha de moito mérito no Arturo Pereiro diante do Castro, e dous empates nos complexos campos de Guntín e Escairón.

O último enfrontamento entre Chantada e Residencia no Sangoñedo data do 15 de marzo de 2025 e rematou con triunfo local por 3-0. Michi, Manu Rodríguez e Brais Mariño foron os autores dos tantos.
Falamos cos dous máximos goleadores da categoría: Pablo (SD Chantada) e Javi Calderón (Residencia).
QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?
Pablo (SD Chantada)

A traxectoria. «Penso que a clave é o traballo semanal nos adestramentos, o bo ambiente no cadro de xogadores e a confianza no que facemos en cada partido. Debemos seguir na mesma liña e ter claro que poden vir momento máis complicados que debemos afrontar como equipo«.
A Residencia. «Teñen unha plantilla espectacular. Será un partido moi competido no que se queremos conseguir a vitoria debemos confiar na proposta que estamos a traballar durante a semana«.
Máis candidatos ao liderado. «Non creo que esté pechado entre a Residencia e nós. Só van trece xornadas e non hai absolutamente nada decidido. Sabemos que calquer equipo pode perder puntos en calquer campo e os equipos que veñen detrás poden achegarse na clasificación«.
Javi Calderón (SDC Residencia)

Trece xornadas invicto. «O equipo está a facer un gran traballo. Mantemos unha liña de regularidade importante e iso permítenos estar arriba. Gustarianos chegar como líderes a este encontro, pero sabemos que esto é moi longo e que o importante é seguir con esta intensidade para manternos na loita ata o final«.
O encontro do Sangoñedo. «Agardamos un partido moi esixente. O Chantada é líder por méritos propios, teñen uns número espectaculares e compiten moi ben cada fin de semana. Nós debemos facer o noso xogo, ser intensos desde o primeiro minuto e aproveitar as ocasións que teñamos. Será clave manter a concentración, non cometer erros e traballar como bloque. Se facemos iso teremos moitas opcións de levar os tres puntos para a Cheda«.
Boa xeira goleadora. «A verdad é que me atopo moi ben. O míster dame moita confianza e iso nótase no terreo de xogo. O equipo xérme moitas situacións nas que podo aparecer e estou aproveitando as oportunidades. Pero ao final o fútbol é un traballo colectivo e sen os compañeiros sería imposible. Estou contento a nivel persoal, pero sobre todo por axudar ao equipo«.
A AXENDA DA FINDE NA XEOGRAFÍA LUCENSE
Terceira Federación Feminina
PM Friol – Victoria (Sábado ás 16:30 horas na Reigosa): as locais, segundas clasificadas, queren optar ao liderado e darlle continuidade á súa boa xeira, diante dun Victoria que marcha quinto na clasificación.
Primeira Galega Feminina
Antas – At. Vilalonga B (Domingo ás 16 horas no Castro Seoane): logo de seis semanas sen coñecer a derrota, as da Ulloa buscan seguir escalando postos na táboa. Enfronte unha adestradora All Star, Romina Dadín.
Segunda Galega Feminina
Milagrosa – Cee (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): as lucenses buscan tres puntos que as consoliden na zona de play off, na que sería a quinta xornada sen perder, diante dun conxunto que conta con só un punto menos na clasificación.
Terceira RFEF
Viveiro – Somozas (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): os de Alberto López tentarán ampliar a diferencia cos postos de descenso directo nun difícil encontro ante un rival asentado en zona de play off. Os viveirenses Lucas Fanego e Aldán Naval voltan a Cantarrana.
Preferente Futgal
Burela – Lalín (Domingo ás 16 horas na Marosa): logo de dúas derrotas consecutivas diante de conxuntos da zona alta da clasificación, os de Oke buscarán voltar á senda da vitoria. Enfronte un Lalín en racha que non cae derrotado desde o 28 de setembro.
Primeira Futgal
Ribadeo – Escairón (Domingo ás 12 horas no Pepe Barrera): os de Diego Bermúdez precisan da vitoria logo do revés sufrido nas Valgas. O Escairón chega nun gran momento, e un triunfo suporíalle superar aos mariñáns na clasificación.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

