A 2ª sur ponse ao día: está a tempo o Ferreira?

O Ferreira e o Monterroso B veñen de pechar o ano futbolístico na provincia. O Ferreira gañoulle ao filial monterrosino (4-1) no último partido oficial sénior en Lugo en 2025. Ambos equipos recuperaron o encontro que tiñan pendente dende había tres meses por mor dos lumes que afectaron á zona da Terra de Lemos.

O Ferreira gañou e Fagín e Dani anotaron cadanseu dobrete

O Ferreira logrou a sétima vitoria da tempada (cuarta na casa) nun partido que dominou con claridade. Ao pouco de comezar, Dani Bernárdez adiantou aos seus. A vantaxe no marcador permitiulle ao Ferreira controlar o xogo con máis comodidade.

Os locais continuaron xerando ocasións e practicamente sentenciaron o partido antes do tempo de lecer. Fagín marcou o segundo antes do minuto vinte. O talentoso mediapunta de Monforte volveu anotar na recta final do primeiro tempo, desta vez de penalti.

A pesar do resultado, o Monterroso B non lle perdeu a cara o encontro e intentou achegarse no marcador no segundo acto. Con todo, o que chegou foi o cuarto local para completar tamén o dobrete de Dani. Primeiros dous goles da temporada para o dianteiro de Ferreira.

Yoni Mejuto, quinto de pé comezando pola esquerda, participou en 2024 no IV All Star organizado por Futbolinlugo en Guntín

Os pupilos preparados por Óscar Pampín non se entregaron e marcaron o tanto da honra no tramo final. Yoni Mejuto anotou de penalti. O dianteiro de Tarrío leva oito goles na liga. Está a cinco do máximo goleador do grupo, outro da Ulloa: Portu, do Antas.

Ademais dos goleadores, nos locais destacou o bo partido do centrocampista Gonza e do central Lucas Froufe.

Cos tres puntos, o Ferreira alcanza os 24 a falta dunha xornada para rematar a primeira volta. É 5º, a un punto do San Roque (4º) e do Lemos B (3º). Antes do sistema actual de competición, implantado na tempada anterior, o Ferreira estaría en posto de promoción. Agora atópase a sete puntos da única posición de fase de ascenso, que é ocupada polo Santa Comba.

Aínda que o obxectivo non é subir, tal e como dixo o adestrador Manu Rodríguez, o Ferreira terá aínda opcións de pelexar os postos cabeceiros, ao igual que os seus rivais. Por exemplo, o líder Becerreá, que está a dez puntos, pasará en xaneiro polo Baliño.

Pola súa parte o Monterroso B fica na metade da táboa con 19 puntos. É certo que pecha o ano con cinco encontros sen gañar, logo dun bo inicio. Conta con oito puntos de marxe co descenso directo: Friol (15º) e San Lázaro (16º).

Porén, é probable que haxa, como mínimo, un arrastre. Hai que lembrar que, se nada cambia, os descensos dos lucenses da Primeira arrastran na Segunda. Liberaría un arrastre un hipotético ascenso do equipo que xogue a promoción. Agora mesmo, se non sobe o club que xogue o play off, habería dous arrastres no grupo sur. Tendo en conta a 13ª (Sober) e 14ª praza (O Páramo), o Monterroso B ten seis puntos de distancia coa salvación.

No apartado de ‘Diario dun mercado’, na última xornada do ano houbo unha saída dun míster neste grupo. Diego Díaz non continúa no Páramo, que decide apostar por Ramiro Valcárcel ‘Marino’. O preparador afrontará a súa primeira experiencia dirixindo a un conxunto sénior. Chega avalado polo seu coñecemento do fútbol afeccionado tras ser un goleador de referencia na provincia e marcalos, principalmente, para a Sarriana.

Na zona norte, precisamente a última xornada do ano deixou un encontro pendente. O Castroverde – Casás non se xogou por culpa das folerpas que caeron sobre a Veiga do Olmo, ao igual que un par de encontros na Terceira. O duelo de ‘Adestradores All Star’ entre Iago Núñez e Diego Barreiro farase esperar, en principio, ata o Martes de Entroido, día festivo tanto en Castroverde coma en Lugo.

A última xornada tamén deixou outra saída dun adestrador. Adri Marrube non continúa no Celta Barreiros, despois de chegar este verán ao Cascabeiro. Tal e como adiantou El Progreso, Rubén Amadeu de Castro ‘Donato’ será o novo preparador.

O Riotorto lidera o grupo con cinco puntos de marxe sobre o Goiriz. Folgueiro, Guitiriz e Alfoz son os primeiros na persecución aos da cabeza.

Na parte baixa, San Ciprián e Matela ocupan postos de descenso directo. A maiores, agora mesmo o antepenúltimo sería posición de arrastre, que é na que se atopa o Castroverde con este partido menos.

A 2ª sur ponse ao día: está a tempo o Ferreira?

Os reis do gol residen na provincia