#Con F de Futbolista #Feminino #Fútbol afeccionado

A SD Antas está xa na final da Copa Deputación

O Monte Forte gaña con claridade á Comercial no Luis Bodegas

Nada ao dereito lle saiu á Comercial na súa visita ás Terras de Lemos. Partido no que o Monte Forte dominou de inicio a fin, con moito máis éxito que as luguesas, que firmaron un partido para esquecer.

Xogadoras e corpo técnico do Monte Forte. Foto cedida

As de Meilán anotaron 3 goles, grazas a un bo xogo combinativo, cos que afianzar os 3 puntos postos en xogo na última xornada de Liga.

Con este resultado o Monte Forte remata a tempada na 5ª posición da táboa mentres que, a Comercial, pecha a campaña na 9ª posición.

Xogadoras da Comercial. Foto cedida

A Milagrosa leva os 3 puntos ante o Dubra

A domicilio, un partido moi trabado e cun equipo repleto de cadetes mais, aínda así, a Milagrosa impúxose na casa do Dubra para pechar a tempada sumando outros tres puntos grazas ós dous goles anotados por Carmen para pór o definitivo 1-2 no luminoso.



Xogadoras da Milagrosa. Foto cedida

As xogadoras dirixidas por Felipe pechan a campaña con 44 puntos e unha meritoria 7ª praza.

O Carballedo pecha a liga con festival de goles

As ‘guerreiras’ pecharon a tempada despedindo o verde do Catro Ventos cun festival de goles, e un fermoso fútbol co que agradeceron tamén á afección o seu apoio durante tod a tempada.

As de Sementa optaron por un xogo combinativo co que intentaron chegar con perigo á portería rival, e así o conseguiron dende o inicio, malia que na primeira metade só puideran anotar un gol ao Trazo.



O Carballedo CF tras o último partido da tempada. Foto cedida

Xa na segunda metade, seguindo co mesmo dominio en campo rival, chegaron os outros 7 goles que porían o 8-0 definitivo. Ana Lamas firmou outro hat-trick para sorpresa de ninguén e, a ela, uníuselle outro hat-trick de Jesica Antón. Paula Bugueiro pecharía a tarde de goles co definitivo, no 84′.

O San Lázaro obtén tres puntos por incomparecencia do Resmón

Non se presentou o rival do San Lázaro nesta última xornada, o Resmón, ao partido que pon o punto final a esta tempada. As normas da competición dan o partido por gañado ao San Lázaro que xa tiña certificado o seu ascenso.

A Copa

máxicos primeira

Dobre partido e sendas vitorias para a SD Antas, que xa está na final da Copa Deputación

O pasado mércores, a SD Antas enfrontouse ao Monte Forte nos cuartos de final da Copa. Un partido nas que as de Abelairas foron moi superiores ás monfortinas.

A SD Antas amosou unha gran efectividade en área rival, o que lle permitiu conseguir un total de 7 goles (fronte ós 2 do Monte Forte). Jenny firmaría un dos seus habituais hat-tricks e Marta, Iria, Dana e Elisa uníronse á festa dos goles.

Xa o domingo, as seoanesas enfrontaban a seguinte rolda de Copa, as semis, contra o PM Friol B. Un partido bonito e intenso o vivido no Castro Seoane, con gran afluencia de público.

A SD Antas comezou ben o partido, coas ideas moi claras e intentando buscar a área rival con gran velocidade. Así, Dana, a protagonista do partido, lideraría o ataque celeste e anotaría o 1-0 culminando unha boa xogada colectiva.

O PM Friol B, con moita tranquilidade, seguía buscando achegarse á área das locais, mais o bo traballo defensivo, moi contundente, serviulle ao Antas para non pasar apuros agás nas ocasións a balón parado.

As friolesas buscaban xogar, mais as dimensións do Castro Seoane, máis pequeno que outros terreos de xogo, beneficiaban ás locais, acostumadas a un campo tan pequeno. O PM Friol seguía buscando construír desde a posesión, pero foille imposible. Un Antas con maior poderío físico nas desputs de balón impediu todas as aspiracións das friolesas. Marta sería a encargada de bater de novo cun disparo lonxano á meta do PM Friol B, moi adiantada.

A SD Antas celebra o seu paso á final da Copa Deputación. Foto cedida

Coa vantaxe de dous goles no luminoso, as locais saíron na segunda metade coa firme idea de buscar o terceiro tanto, pero coa tranquilidade de saberse xa cunha renda favorable. Jenny tivo as ocasións máis claras batendo incluso á porteira malia que, finalmente, unha defensa do cadro friolés evitou, baixo paus, o que sería o terceiro gol das seoanesas.

Dana seguía asediando pola banda e Nuria tamén facía dano, pero nos minutos finais foi o PM Friol B o que amosou a súa mellor versión e, a balón parado, conseguía reducir as diferenzas na que sería a última xogada do partido, rematando pois co 2-1 final que leva á SD Antas xa á final.

A SD Antas está xa na final da Copa Deputación

Diario dun Mercado. Episodio 461

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *