A xornada en Terceira RFEF déixanos o valioso empate do Viveiro diante do Fabril, líder da categoría e a derrota en Arteixo dun Racing Vilalbés que non lle da continuidade ao triunfo da última xornada. Desde Valdeorras chegounos a nova da destitución do monfortino Edu Rodríguez no banquiño do Barco. Na Preferente, a Sarriana gañoulle ao Ribadeo na Ribela e distancia ao terceiro clasificado en nove puntos. Importante triunfo do Lemos na súa pelexa pola permanencia no campo do As Pontes, e non o é menos o da Residencia na Cheda fronte ao Unión. O Portomarín caeu derrotado no campo do Pino.
Derrota do Racing Vilalbés en Arteixo con dous goles de ex racinguistas (2-1)
Encontro con ritimo baixo na súa primeira metade. As primeiras chegadas con perigo foron do Racing Vilalbés con Javi Rey como protagonista, pero os seus remates saíron fóra por pouco. Fixo merecementos o cadro chairego para ir ao descanso por diante no marcador fronte a un Arteixo que só inquedou a Álex Santomé nunha acción a balón parado.
Na segunda metade os de Simón Lamas foron quen perforar a portería rival cun gol de Cuadrado ao rematar un balón na área. O Arteixo non dubidou en ir a polo encontro e o Racing non soubo controlalo co marcador a favor. Otero igualou a falta de dez minutos e Vela culminou a remontada pouco despois.
O Viveiro arranca un empate fronte ao líder (1-1)
O Fabril tampouco puido vencer en Cantarrana. O Viveiro realizou un gran partido e puido acadar un premio maior. Debutou na convocatoria o gardameta Gorka, nova fichaxe dos celestes para cubrir a baixa do mancado Ayoub. Os de Alberto López realizaron un moi bo traballo en defensa para controlar a unha liña de tres medias puntas do cadro coruñés de gran nivel, con Mella, Iñaki Leonardo e Diego Gómez, que non foron quen de xerar situacións de perigo sobre a portería de Casillas. Nunha cesión de Diego ao gardameta viveirense o balón golpeou en Ochoa e significou o tanto do cadro visitante.
Na segunda metade o Viveiro deulle entrada a Rolle e Sergio e controlou o encontro. Josemi, a centro de Lucas Fanego, conectou un bo testarazo que detivo providencial Hugo Ríos. O gardameta fabrilista tamén detivo o bo disparo de Rolle, pero Barroso moi atento recolleu o rexeite para facer o empate. Nos últimos intres o Viveiro controlou o balón e mesmo puido adiantarse nunha boa acción individual de Barroso. A única acción perigosa dos de Óscar Gilsanz no segundo tempo tívoa Mello cunha chilena que detivo Casillas.
A Sarriana dobrega na segunda metade a un combativo Ribadeo (2-0)
O triunfo da Sarriana permítelle aos de Brais Prados distanciar en nove puntos ao Boiro, terceiro clasificado, que caeu no campo do Mugardos. A primeira metade resultou igualada e sen moitas ocasións de gol. A Sarriana tivo o balón, pero o Ribadeo moi ben asentado en defensa impediu chegadas claras do conxunto local.
A segunda metade comezou co mesmo guión, pero no minuto 60 nun córner botado pola Sarriana colleu o rexeite Pablo Rey que cunha boa volea axustada ao pao puxo por diante aos seus. O Ribadeo adiantou liñas e contou con dúas ocasións moi claras na testa de Álex Meitín. A primeira rexeitouna Javi Liz e foise ao longueiro e a segunda marchou a rentes do pao. A Sarriana, aproveitou os espazos e contou con varias ocasións para sentenciar nas botas de Herrero e Jacobo. O segundo tanto non chegou ata o desconto, obra de Hamza logo dunha boa xogada colectiva.
Un solitario tanto de Rois dalle os tres puntos á Residencia (1-0)
Non resultou doado o triunfo ante un Unión instalado en postos de descenso nun encontro con dúas metades ben diferenciadas. A primeira tivo clara cor local, con ocasións para marchar ao intermedio cunha ampla diferencia no marcador. Pero só Rois foi quen de anotar, xusto no ecuador do primeiro tempo, cun bo tiro cruzado a pase de Poratti. Buján e Pedro contaron coas ocaisóns máis claras para ampliar diferencias.
Na segunda metade o conxunto rianxeiro tivo o control do balón e foron quen de xogar en campo contrario. A ocasión máis clara tívoa Daniel nos últimos compases do encontro, pero os tres puntos quedaron na Cheda.
O Lemos vence no Poboado e xa suma cinco xornadas sen perder (0-1)
Encontro difícil o que afrontou o cadro monfortino fronte a un As Pontes que foi claro dominador no primeiro tempo. O equipo que adestra Pepe Mariño tivo o control do balón, aínda que sen xerar claras ocasións de gol. O Lemos non foi quen de chegar á área rival e tivo que defender as acometidas dos locales.
Na segunda metade os de Óscar Moure subiu liñas, pero o As Pontes xerou máis perigo que no periodo inicial en rápidas transicións. A zaga e o gardameta monfortinos resultaron providenciais para evitar o tanto local. A falta de cinco minutos para o final, un pase á espalda da defensa recolleuno Mauro que definiu cunha vaselina diante da saída do gardameta pontés.
O Portomarín, xusto de efectivos, caeu no sempre difícil campo do Pino (3-1)
O primeira metade seguiu o guión marcado por un Portomarín plagado de baixas. O conxunto miñoto ben agazapado en defensa impediu calquer chegada con perigo do Pino, que se amosou moi impreciso co balón. A mellor ocasiónd dos primeiros corenta e cinco minutos tívoa o Portomarín cun centro de Pardo que rematou Nel lixeiramente desviado. Moi preto do descanso nun saque de esquina adiantouse o conxunto local.
O efecto psicolóxico do gol xusto antes do intermedio influiu no Portomarín, que nada máis voltar de vestiarios encaixou o segundo, un auténtico golazo de falta de Iván García ‘Ivalotelli’. Reaccionou ben o Portomarín, que pouco máis tarde Pardo aproveitou o rexeite do gardameta para recurtar diferencias. Pero nun erro na saída de balón Jhony sentenciou o encontro.