#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

A Sarriana estrea con vitoria o 2026 no Trío de Ases O Cantón

Maxi celebra o primeiro gol do Trío de Ases

Chegou o novo ano, pero o que non abandona é o Trío de Ases do Cantón e, pese a que só houbo un encontro de liga nesta semana, houbo pleno de vitorias. A Sarriana acadou unha gran vitoria ante todo un Bergantiños por 1-0, mentres que o resto de equipos voltaron ao traballo de cara á preparación para a segunda volta da competición. Un 2026 que promete moitas alegrías para os equipos da Segunda RFEF, Terceira RFEF e Preferente.

Fin de primeira volta con tres puntos no peto

A Sarriana conseguiu pechar a primeira volta da Segunda RFEF cunha vitoria por 1-0 ante o Bergantiños que dirixe o chairego Simón Lamas. O encontro tivo alternativas para os dous lados, xa que ambos equipos tiveron fases nas que controlaron o encontro e con oportunidades. Millán fixo que Santi Canedo se activase, mentres que Iago Novo case aproveita un erro de Maxi na saída de balón para adiantar ao equipo de Carballo.

A segunda parte tivo un guión semellante, pero co Bergantiños dando un paso cara adiante. Sobre todo cunha gran oportunidade xerada de Marru por banda esquerda que puxo un balón ao primeiro pau para Germil, que mandou o balón ao longueiro. Pero no minuto 87, Berardozzi colgou un balón ao segundo pau para un Maxi que se elevou e superou a Santi Canedo. Ademais, o encontro foi redondo co debut na súa volta ao fútbol de Keko Vilariño.

E o resto do Trío de Ases?

O resto do Trío de Ases está voltando ao traballo de cara ao segundo tramo da tempada. O Racing Villalbés e o Lugo B preparan a súa batida para o play off na Terceira RFEF, mentres que o Viveiro está plenamente enfocado na salvación. O Lemos foi o único equipo da Preferente que puido estender o seu descanso, xa que non tivo xornada de Copa Deputación. O Burela e o Pol tiveron dous casos diferentes cun mesmo fin. O Burela fíxoo en decembro e o Pol, nesta fin de semana. Pero ambos avanzaron de ronda no torneo que mide á Preferente e a Primeira Futgal.

Foto de Alba Arias.

A Sarriana estrea con vitoria o 2026 no Trío de Ases O Cantón

O Ás de Copas (Pref e 1ª)