Existen días marcados en vermello no calendario e o deste domingo é un deles. A Ribela vestirase de gala para un dos días máis agardados dunha temporada xa de por si histórica para a Sarriana. O domingo ás 17 da tarde o conxunto lucese recibirá no seu feudo ao Numancia de Soria, o gran favorito para o ascenso de categoría e, sen dúbida o cadro máis significativo do grupo I da Segunda RFEF.
A Sarriana afronta este encontro sen nada que perder e esperanzada en sumar un triunfo que o situe na zona alta da clasificación. Logo de catro partidos disputados, tres deles lonxe da Ribela, os de Iván Carril contan con seis puntos no seu casilleiro. As vitorias diante do Lealtad na Ribela e do Sámano en terras cántabras manteñen aos sarriaos no oitavo posto da táboa. Cabe destacar o bo rendimento en ataque de dous xogadores, Álex Millán e o ex fabrilista Hugo Villaverde, con dúas dianas cada un.
Só cun punto máis e un posto por enriba da Sarriana está o Numancia. O cadro soriano, adestrado polo hispalense Abel Segovia, técnico cunha ampla traxectoria no fútbol andaluz e tamén cunha experiencia en Colombia, non comezou de xeito regular. Así como nos Pajaritos conta os seus dous encontros por vitorias, lonxe do seu feudo soamente sumou un punto, o acadado no campo do Lealtad, mentres que nas Eiroas viuse superado polo Bergantiños de Simón Lamas.
Os sorianos, como conxunto candidato ao ascenso conta con xogadores cunha gran traxectoria como o gardameta Joel Jiménez, os defensores Bonilla, Alain García e Fermín Ruíz, o centrocampista Moustaphá e os atacantes Álex Gil e Jony, ademáis do compostelán Hugo Matos.



O histórico 6-6 diante do CD Lugo
O Numancia será sempre un conxunto ligado á historia da Segunda División, mérito este compartido co CD Lugo. Un frío 20 de decembro de 2014 en terras sorianas presenciouse un dos encontros máis tolos da historia da categoría con doce goles e dez deles no segundo tempo. E a historia non queda aí, senon que o autor de dous dos tantos lucenses, Iago Díaz, será un dos grandes protagonistas do encontro do domingo na Ribela.
QUE OPINA IAGO DÍAZ?
O partido fronte ao Numancia. «É unha sorte para o pobo de Sarria poder recibir a un conxunto histórico. É un día moi ilusionante para todos e sairemos a polos tres puntos«.
Dúas vitorias en catro encontros. «Estamos con confianza logo da vitoria diante do Sámano. Debemos facer as cousas moi ben para poder sumar diante do Numancia, posiblemente o máximo favorito do grupo para o ascenso. Sabemos que para acadar a permanencia debemos facernos fortes na Ribela. Queremos ter o balón e conceder o mínimo posible para sumar a vitoria nun encontro moi ilusionante para a afección o pobo«.
O doblete no 6-6. «É un deses equipos que parece que cando saes a xogar se me da ben. Xa antes deste encontro puiden dar unha asistencia. Gardo moi bo recordo dese día nos Pajaritos onde metín dous goles nun partido que pasou á historia. Ogallá que se vexa na Ribela un espectáculo semellante, pero que desta volta caia para o noso lado«.
A AXENDA PARA O FINDE NA XEOGRAFÍA LUCENSE . . .
Terceira Futgal Feminina
Carballedo – Antas B (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): da comezo a categoría cun grupo 4 con sete conxuntos lucenses dun total de dez. Primeiro encontro oficial do filial do Antas, que será na casa do Carballedo.
Monteforte – Chantada (Domingo ás 20:30 horas no Luis Bodegas): outro derbi para calibrar as forzas do equipo monfortino e chantadés.
Terceira RFEF
Viveiro – Noia (Domingo ás 17:15 horas no Marcos Gómez): os de Alberto López buscarán a súa cuarta xornada sumando fronte a un Noia que comezou a temporada con dúbidas.
Preferente Futgal
Burela – Paiosaco (Domingo ás 17 horas na Marosa): despois de dúas xornadas con derrota, os mariñáns buscarán un triunfo que os afaste do perigo. Enfronte un Paiosaco en praza de descenso e que aínda non foi quen de gañar.
Primeira Futgal
Milagrosa – Ribadeo (Domingo ás 18 horas no Luis Gorgoso): encontro na zona alta da táboa. Os locais, terceiros, sen coñecer a derrota, reciben ao Ribadeo, cuarto, cun punto menos. Ámbolos dous chegan tras dous triunfos consecutivos.
Segunda Futgal
Riotorto – Xermade (sábado ás 16:30 horas na Veiga): enfrontamento entre dous conxuntos invictos e con capacidade para pelexar polos postos altos da clasificación.
Friol – San Roque (sábado ás 16:30 horas na Reigosa): o líder xoga no sempre difícil campo da Reigosa. O Friol, que xa coñece tódolos resultados quere sumar novamente de tres para situarse nas posicións cabeceiras da clasificación.
Terceira Futgal
Cazás – Catro Roldas (Domingo ás 17:30 horas no Catro Ventos): ámbolos dous conxuntos comezaron a temporada dun xeito inmellorable. A vitoria situará ao gañador no máis alto da clasificación.
Quiroga – Piringalla (Domingo ás 16:30 horas no Municipal): dous dos conxuntos chamados a pelexar polo ascenso a Segunda Futgal. Con tres puntos na primeira xornada, quererán prolongar a boa xeira.
Foto de portada: El Progreso.