#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

A Sarriana queda eliminada da pelexa polo ascenso

Non puido ser. A Sarriana perdeu en Barreiro fronte ao Gran Peña e quedou fóra da pelexa polo ascenso a Segunda RFEF nun encontro no que o cadro vigués marcou ao comezo de cada tempo e rematou cunha goleada que non amosou o visto ao longo dos noventa minutos.

O encontro comezou cun ritmo alto, a diferencia da ida na Ribela. Jorge Cuesta optou por unha presión alta que evitou a saída de balón cómoda do filial celtiña. Tijan e Diego Rey monopolizaron o xogo sarriao nos primeiros intres pola banda esquerda. Aos oito minutos de xogo Miguel cometeu falta a dez metros da frontal da área e o lanzamento de Óscar Gil sorprendeu a Javi Liz.

O gol local non trastocou os plans da Sarriana que non tardou en facerse de novo co dominio do balón, aínda que a bola labor na medular de Ju e Cantero impedía que os visitantes chegaran con moito perigo á área rival. O Gran Peña tivo a mellor ocasión do primeiro tempo nun cambio de orientación de Rivera que Álex Millán, cun tiro cruzado, enviou a rentes do pao.

O segundo tempo comezou do peor xeito para a Sarriana. Cando aínda non se cumpliran cinco minutos de xogo chegou o segundo tanto. Unha internada por liña de fondo de Álex Millán rematou co pase atrás a Óscar Gil. O disparo deste parouno Javi Liz coa cara, pero o rexeite caeulle de novo a Óscar Gil que á segunda non errou. A Sarriana recurtou diferencias nunha xogada individual de Susavila, que arrancou desde a banda esquerda cara o centro e rematou lonxe do alcance de Álex Vila. Os sarriaos creron na remontada e Jorge Cuesta deulle entrada no terreo de xogo a Cuadrado e Iñaki na procura de máis presenza na área. Tijan contou coa ocasión máis clara para lograr o empate. Sacou de banda Diego Rey, prolongou Susavila e Tijan conectou un disparo desde a frontal que saiu lambendo o pao.



Nos últimos intres, o Gran Peña aproveitou os espazos para sentenciar a eliminatoria á contra. Óscar Lorenzo no minuto 88 e Álex González xa no desconto, marcaron para os de Luis Bonilla e deixaron sen opcións a unha Sarriana que completou unha gran temporada, a primeira da súa historia en Terceira RFEF.

Foto de portada: Facebook SD Sarriana



A Sarriana queda eliminada da pelexa polo ascenso

O último ascenso dos Máxicos sairá do

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *