Racing Vilalbés e Sarriana enfrontáronse na Madalena na ida da semifinal do play off de ascenso a Segunda RFEF nun encontro no que ámbolos conxuntos foron moi recoñecibles no seu fútbol, pero que desnivelou un solitario tanto de Álex Millán preto do ecuador do segundo tempo.
O comezo do encontro evidenciou a prudencia de ámbolos conxuntos. Nin locais nin visitantes queixeron correr riscos de ningún tipo no que xa se presumía unha eliminatoria moi parella. A Sarriana chegou á área rival en máis ocasións no primeiro cuarto de hora, aínda que sen chegar a inquedar de xeito serio a Álex Santomé. O gardameta chairego tivo que deter dous lanzamentos de Sané e Álex Millán que non lle causaron apuros.
Co transcurso dos minutos os de Alberto López gañaron en confianza reafirmados no seu obxectivo de manter a portería a cero e preto do intermedio gozaron das mellores ocasións do primeiro tempo. As dúas primeiras saíron do ‘guante‘ de Cañi. Primeiro nun saque de falta que rematou Edgar preto do pao e pouco despois tras un bo servizo a Jose Varela que o central Maxi salvou cando o balón se encamiñaba cara a rede. Buyo, moi incisivo pola banda esquerda, puxo a proba ao debutante na portería Pirot.

O segundo tempo seguiu un guión moi semellante ao primeiro. O cadro visitante saiu con máis intención de chegar á área contraria, pero neste periodo final fíxoo con máis claridade. Álex Santomé realizou unha parada de gran mérito nun lanzamento de falta de Martín e pouco despois Maxi cabeceou alto cando xa se cantaba o gol. Este chegou pouco máis tarde. Azael ollou o desmarque de Sané e o extremo conectou un potente disparo que Álex Santomé rexeitou, pero o balón quedou morto na área pequena para que Álex Millán enviara ao fondo da portería.


Alberto López moveu o banquiño e deulle entrada a Borja Míguez e Brais Pedreira na procura de gañar presencia na área contraria. Malia todo costoulle ao Racing Vilalbés xerar ocasións de perigo ata os últimos compases. Os chairegos reclamaron unha man na área de Piay que o colexiado entendeu como involuntaria e xa co tempo cumprindo David García, nun lanzamento de falta, a piques estivo de acadar o empate.
A eliminatoria resolverase na Ribela o vindeiro domingo día 25 de maio ás 17 horas. O empate na eliminatoria servirialle á Sarriana unha vez transcorrida a prórroga do encontro de volta ao facer valer a súa mellor clasificación na liga regular.


