#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal #Terceira RFEF

A Sarriana decidirá na volta o pase á final do play off de ascenso

A ida da semifinal do play off de ascenso a Segunda RFEF deixanos o empate sen goles da Sarriana na Ribela fronte ao Gran Peña, nun encontro onde ámbolos conxuntos deixaron os deberes para a volta. Na Preferente, o Castro foi quen de rematar a temporada con vitoria no campo do Eume, mentres que Lemos, Ribadeo e Residencia caeron en tres intrascendentes encontros diante de Mugardos, Lalín e Sigüeiro, respectivamente.

Lemos e Ribadeo salvaron a categoría, mentres que Castro e Residecia remataron fóra de postos de descenso, pero caerán a Primeira Galicia por mor dos arrastres.

Sarriana e Gran Peña firman tablas na Ribela e deixan os deberes para a volta (0-0)

Encontro moi pechado o visto na Ribela entre a Sarriana e o Gran Peñan no que primou o medo a perder por parte de ámbolos dous conxuntos. Apenas se viron ocasións ao longo dos noventa minutos. Por parte da Sarriana unha internada de Tijan que Miguel errou no disparo e os visitantes non inquedaron a Javi Liz ata o minuto 94 cun disparo de Óscar Gil que o gardameta lucense detivo providencial.



A Sarriana amosou unha boa seguridade defensiva diante dun rival que buscaba continuamente ao seu dianteiro Rivera, mentres que Tijan foi quen máis aportou en ataque, aínda que sen chegar a xerarn ocasións claras de gol

O Lemos remata con derrota no campo do Mugardos (3-1)

Último encontro da temporada no que Juanlu Bernal optou por darlle minutos a varios xogadores menos habituais. Primeira media hora de igualdade no que ámbolos conxuntos contaron con algunha ocasión, pero no que o Mugardos estivo máis atinado ao adiantarse no marcador dun tanto de Do Carmo.



O Lemos saiu mellor no segundo tempo na procura do empate. Nunha contra o cadro local abriu oco no marcador. Do Carmo fixo o segundo na súa conta particular. A partir de aí, os monfortinos tiveron moita presenza en campo rival e contaron con claras ocasións. Con trinta minutos para o final, Álex Sanmartiño fixo o gol lemista tras un bo pase de Carrasco. No último minuto de encontro Pastur anotou un golazo de falta directa que pechou o encontro.

As despedidas dos capitáns deixan nun segundo plano a derrota do Ribadeo co Lalín (1-2)

Os noventa minutos de fútbol no Pepe Barrera menos importantes dos últimos anos. Coa permanencia acadada de xeito matemático a pasada xornada, o Ribadeo e a súa afección despediu aos seus tres capitáns durante máis dunha década. Isma, que xa colgara as botas a pasada campaña e volveu para botar unha man nos últimos meses, Criss, Santi e o porteiro Carrera, xogaron o seu último encontro e foron despedidos cun pasillo feito polos seus compañeiros e moitos dos integrantes da base da SD Ribadeo. Tres xogadores que marcaron unha época nun conxunto mariñán no que se albisca unha profunda renovación de cara ao vindeiro ano.

O partido tivo pouca historia. O Ribadeo saiu sen moita intensidade e o Lalín castigou aos mariñáns coa súa calidade na zona de ataque. O melidense Manu Casal, con pasado na Terceira RFEF nas filas do Arzúa, anotou os dous tantos dos visitantes. Na segunda metade o Ribadeo mellorou e Santi recurtou diferencias ao transformar unha pena máxima. Nos últimos intres os de Pichi contaron con ocasións para cando menos igualar o marcador, pero non foi posible.

O Castro vence no campo do Eume para finalizar con bo sabor de boca (2-3)

Boa imaxe deixou o Castro na despedida dunha temporada que non puido rematar coa festa da permanencia. Os de Fernando Corredoira comezaron mellor e Álex Goás antes de cumplirse o minuto vinte de xogo, tras unha gran xogada individual, anotou desde fóra da área. Pouco despois, unha triangulación entre Fito, Noel e Marco rematou co gol desde último cun preciso lanzamento pegado ao pao. O Eume tentaba sorprender á contra fronte a un Castro que defendeu sen maiores problemas ata que xusto antes do intermedio Iago Seijo aproveitou un balón á espalda da zaga para batir ao debutante Isma.

Na segunda metade o cadro local non tardou en igualar o encontro. Un erro de Muiña na saída de balón serviulle a Iago Seijo para marcar. O Castro reaccionou de contado. Na seguinte xogada, o pichichi Fito non perdoou ante a saída do gardameta e voltou adiantar aos chairegos. Nos últimos intres Iago Goás, Buján e Fito contaron con ocasións para que o marcador fora máis amplo.

A Residencia cae no campo dun Sigüeiro que non perdoa (5-2)

Comezou ben a Residencia logrando adiantarse cun tanto de Pereira. Pouco despois Yago contou cunha clara ocasión para facer o segundo, pero foi o cadro local quen anotou nun balón ao espazo que aproveitou Cristian. O Sigüeiro logrou remontar con outro tanto semellante, obra de Hugo. Xusto antes do intermedio, Óscar fixo o terceiro.

Na segunda metade a Residencia amosou unha moi boa imaxe e contou con boas ocasións para recurtar diferencias por medio de Pereira e Yago. Pero foi Dani Renda quen logrou marcar cun bo tiro cruzado tras servizo de Pereira. Os lucenses lanzáronse a polo empate e Rober e Yago contaron con opcións para acadalo. Nos últimos intres a eficacia do Sigüeiro fixo que sentenciaran o choque con tantos de Landeira e Munín.

Foto de portada: Facebook Ribadeo FC

A Sarriana decidirá na volta o pase á final do play off de ascenso

Máxicos Salvatierra Abogados. Xornada 34

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *