A Sarriana celebra un dos seus goles

A Sarriana convértese en David contra Goliat

A Sarriana, o Rácing Villalbés e o Burela foron os grandes triunfadores da xornada na Segunda e Terceira RFEF e na Preferente con vitorias de gran valor histórico, de xeira e de garra respectivamente. A xornada tivo dous finais agrios para Lemos e Pol, que o desconto lles privou de sumar os tres puntos, e dous equipos sen sumar ningún punto. Lugo B e Viveiro.

Vitoria histórica para a Sarriana

Sarria viviu unha xornada que nunca se imaxinou futbolisticamente, xa que venceu por 4-2 a todo un xigante na categoría coma o Numancia. O encontro non comezou dunha gran maneira, xa que unha xogada dos sorianos rematou cun centro ao segundo pau que rematou Dani García. Pero a Sarriana comezou a medrar no encontro con oportunidades e control. No minuto 43, Boedo puxo un gran córner para a cabeza de Ju, que puxo o empate antes do descanso.

A Sarriana sobrepúxose ao mazazo do gol de Jony xusto ao voltar do descanso con dúas obras maestras do ‘Des’. Boedo atopou a William cun pase atrás para que o de Carballo puxese o empate no minuto 64. Tres minutos despois, o de Carballo voltou a inventar para que Maycon fixese o terceiro. Os cambios de Iván Carril foron perfectos para asegurar o resultado e, nunha contra no desconto, Iago Díaz e Arona combinaron para que o senegalés sentenciase unha tarde para o recordo de toda A Ribela.

Herrero dá a segunda vitoria consecutiva do Racing Villalbés

O Racing Villalbés sumou a súa cuarta xornada sen perder e a segunda vitoria consecutiva tras gañar pola mínima ao Atlético Arteixo nun encontro no que os de Juan Rodríguez tiveron que pechar a cancela na primeira parte a través da defensa. Iso fíxolles non recibir perigo e, incluso, ter a oportunidade máis clara dos primeiros 45 minutos cun centro de Pablo Trigo que rematou Make, pero non puido atopar portería.

Despois do descanso, o encontro tivo un evento que cambiou por completo o guión. Unha falta fóra da área de Carlos García a Trigo fai que o Arteixo quede cun home menos no campo. A partir de aí, os chairegos estiveron tranquilos e ordeados e, no minuto 66, Herrero colga un balón a área que se envelena e remata en gol. O Racing Villalbés mantivo a súa presión para tratar de asegurar os tres puntos, o que dá un impulso moi importante.

O Burela remonta un encontro vital

O Burela mantén a súa condición de equipo duro de roer tras gañar na Marosa ao Paiosaco por 3-2 nunha gran remontada. Os mariñáns cometeron erros na primeira parte que marcaron o inicio do encontro pese a que o dominio foi verde na súa totalidade. No minuto 20, Dani Fernández empurra o balón para abrir o marcador, pero cinco minutos despois Yago sacou un zapatazo que nivelou o encontro. Antes do descanso, Mato rematou un córner para que Paiosaco volvese a adiantarse.

Oke buscou a amplitude de cara á segunda metade e atoparon o gol no minuto 50 nunha xogada por banda que, tras un rexeite, Brais consigue meter o balón na portería. As contras eran o principal perigo visitante, pero nunha xogada por esquerda a falta de seis minutos para o final, Iván rematou coa punteira para que os tres puntos se quedasen en Burela.

Empates na Preferente con polémica

O Lemos só puido sumar un punto na súa visita ao Atios ao empatar por 2-2 nun encontro no que houbo seis expulsados e moita polémica. Xoel Piñeiro abriu o marcador no minuto 11 e Brais Pardo foi quen de igualar antes do descanso. No minuto 52, Fito puxo aos monfortinos por diante e o Lemos gozou de ocasións para poder aumentar a renta, pero un tanto de Rubén González no minuto 95 privou aos de Edu Rodríguez de sumar os tres puntos.

O Pol tamén levou un duro golpe no desconto que lles privou de sumar os tres puntos ante o Puebla. Os de Labrada fixeron un dos seus mellores encontros de todo o curso desde o comezo, onde Dani no minuto 17 abriu a lata. Tras moitas oportunidades nas que puideron aumentar a vantaxe, Pablo empatou para o Puebla. Pero chegaría Cuadrado para desnivelar o encontro no minuto 88. Cando todo parecía feito, Hugo Suárez marcou no 92 para o reparto de puntos.

Dobre derrota na Terceira

O Lugo B non puido continuar a súa boa xeira na súa visita ás Somozas, xa que os locais venceron por 1-0. O partido tivo dominio albivermello, mentres que os locais buscaban a verticalidade. No minuto 43, o Somozas fixo o primeiro tras unha gran transición na que Aldán puido definir o encontro. Na segunda metade, o dominio dos de Dani Galán non se traduciu en profundidade, o que privou de grandes oportunidades.

O Viveiro tampouco puido sumar na casa tras caer ante o Noia por 0-1. Arturo, Nacho ou Esquerdeiro crearon grandes oportunidades na primeira parte coas que os de Alberto López puideron marcar o primeiro tanto. Na segunda parte, un saque de banda acabaría nun penalti por man que Ayoub detivo, pero Mario Constenla transformaría o rexeite. O Viveiro intentouno, pero nesta ocasión o infortunio castigounos.

Foto de Alba Arias.

A Sarriana convértese en David contra Goliat

Espectacular xornada nos Máxicos

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *