#Fútbol afeccionado #Primeira Futgal

A Residencia quere volver gañar diante dun Ribadeo que non perde con Dani Moirón

Son os dous perseguidores do líder, co permiso do Monterroso. Residencia e Ribadeo eran, ao comezo de temporada, dous dos grandes favoritos ao ascenso a Preferente e con case unha volta consumida seguen mantendo dita condición, iso si, por detrás dun Chantada que venceu en catorce dos dezaseis encontros disputados nunha primeira volta de récord.

Residencia e Ribadeo enfrontaranse o domingo ás 17 horas na Cheda, coa arbitraxe de Javier Pérez Prado, nun partido que marcará o futuro inmediato de ámbolos conxuntos.

Os locais son segundos na clasificación con trinta e cinco puntos, cinco por diante do seu rival desta xornada e oito por detrás do líder. Os de Rafa Casanova mantiñan o pulso coa SD Chantada ata finais de novembro, pero un decembro no que as baixas asolagaron aos capitalinos fixeron que tres derrotas consecutivas alonxaran á Resi da primeira praza.

O Ribadeo é terceiro con trinta puntos. Os mariñáns non foron quen de atopar a regularidade que esixe a Primeira Futgal nesta temporada, feito que rematou coa saída do adestrador Diego Bermúdez. Colleu os mandos do equipo, de forma provisional, Dani Moirón, un vello coñecido co que logrou os seis puntos en xogo. Co da Pontenova no banquiño, o Ribadeo venceu no derbi do Martínez Otero e goleou ao Castro xunto antes do parón navideño no que foi o mellor encontro dos ribadenses no que vai de temporada.

O último enfrontamento entre Residencia e Ribadeo na Cheda tivo lugar o 14 de xaneiro de 2024, cando os dous militaban na Preferente e rematou con empate a un gol. Rois marcou para os locais e Xaime estableceu o empate desde o punto de penalti.

Falamos cos adestradores antes deste importante encontro. Rafa Casanova (Residencia), que se enfronta a un Ribadeo no que é unha institución logo de moitos anos nas súas filas como xogador e adestrador, e Dani Moirón (Ribadeo), que volveu ao banquiño do Pepe Barrera e con él o equipo só coñece a vitoria.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Rafa Casanova (SDC Residencia)

Tres derrotas consecutivas. «Non considero que sexa unha mala xeira. Tódolos equipos temos momentos malos ao longo da liga. Ata o momento estábamos facendo unha campaña de dez e surxiron moitas lesións e enfermidades. Nalgún econtro tivemos ata dez baixas que nos dificultaron moito. De todos os xeitos estamos moi contentos coa primeira volta realizada e creo que calquer equipo de calquer categoría pasan momentos complexos. Estamos capacitados para volver gañar e con moitas gañas de que chegue o partido do domingo«.

O encontro. «Afrontamos o partido pensando que estamos nunha moi boa posición, con cinco puntos de vantaxe sobre o rival, que se vencemos serían oito, unha cifra moi considerable contando que vai a metade da liga consumida. No caso dunha derrota rematamos a primeira volta segundos, posto que firmariamos case todos antes do comezo de liga. Debemos ser o equipo que fomos practicamente sempre, serios en defensa e manter a portería a cero. Agora con moitos xogadores recuperados creo que temos máis opcións de logralo«.

Moitos recordos no Ribadeo. «Estiven moitos anos e estou moi contento e orgulloso desa etapa, do vivido alí e dos amigos que logrei facer alí, algún deles aínda visitará a Cheda este domingo. Foi unha etapa moi bonita, onde me atopei moi cómodo e ao Ribadeo sempre lle desexo o mellor, iso si, espero que esta xornada perda«.

Dani Moirón (Ribadeo FC)

Dous de dous. «Saíron ben as cousas. A acollida foi moi boa por parte dos xogadores e desde o primeiro momento notei como os xogadores deron un paso adiante e se subiron ao carro. O único que lles pedín é que quería volver velos sorrir, notalos felices e que disfrutasen do camiño. E si ao final podemos ter premio, benvido sexa«.

A Residencia. «A mala racha non me di nada. Vimos dun parón no que recuperaron efectivos e con tempo para traballar e recompoñerse. Fixeron unha primeira volta cuns números espectaculares e a Cheda sempre é un campo moi difícil e téñeno moi controlado. Nós debemos seguir sendo sólidos a nivel defensivo e aproveitar as oportunidades que xeremos. Teremos que estar ao noso mellor nivel para puntuar alí«.

A continuidade no banquiño. «A idea é fichar un adestrador o máis axiña posible para que dirixa o equipo ata o final de liga, pero polo momento non está descartada ningunha posibilidade«.

A AXENDA

Primeira Galega Feminina

Antas -Victoria B (Domingo ás 16:30 horas no Castro Seoane): encontro difícil para as locais que se enfronta ás segundas clasificadas, iso si, con só tres puntos de diferencia. As da Ulloa non perden desde o mes de outubro.

Segunda Galega Feminina

San Lázaro – Orillamar (Domingo ás 16 horas no Rodríguez Lago 1): logo de tres derrotas consecutivas, as locais precisan dun triunfo fronte ás antepenúltimas na clasificación.

Terceira Galega Feminina

Carballedo – PM Friol B (Domingo ás 18 horas no Catro Ventos): as locais buscarán dar a sorpresa tras sumar catro puntos dos seis últimos en xogo. As visitantes son segundas na clasificiación e queren achegarse ao liderado.

Terceira RFEF

Racing Vilalbés – Gran Peña (Domingo ás 12 horas na Madalena): sete encontros sen perder, os tres últimos con vitoria, sitúan aos chairegos segundos na clasificación. Tentarán seguir coa boa xeira fronte ao Gran Peña, o rei do empate.

Viveiro – Alondras (Domingo ás 12 horas en Cantarrana): os mariñáns perderon os seus últimos encontros e queren comezar o 2026 con forza para fuxir de calquer complicación. Enfronte un Alondras que conta con tres puntos máis que os de Alberto López.

Preferente Futgal

Pol – Paiosaco (Domingo ás 12 horas no Municipal): dous conxuntos dos que se agardaba máis antes do comezo ligueiro, pero que se atopan no seu mellor momento de xogo. Tres puntos para seguir medrando.

Primeira Futgal

Escairón – Monterroso (Domingo ás 16:30 horas no Municipal do Saviñao): outros dous dos candidatos ao ascenso. Os locais veñen en progresión desde o comezo ligueiro e reciben a un Monterroso en racha cos mesmos puntos que o terceiro clasificado.

Segunda Futgal

Riotorto – Meira (Domingo ás 16 horas na Veiga): encontro de rivalidade no que os locais, líderes, buscarán consolidar a praza. Enfronte un Meira que precisa tres puntos para achegarse á zona noble.

San Roque – Sarriana B (Domingo ás 16:30 horas no Polvorín): encontro de xeiras inversas. Os locais suman catro encontros sen gañar e víronse relegados dos postos de ascenso e promoción. Enfronte o filial sarriao que gañou os catro últimos encontros disputados e que quere achegarse aos postos de privilexio.

Terceira Futgal

Muimenta – Mondoñedo (Domingo ás 16 horas no Pichón): os dous primeiros, co permiso do Catro Roldas, fronte a fronte. Un triunfo visitante sería un paso de xigante cara o ascenso directo. O Muimenta, no seu mellor momento da temporada, terá moito que decir.

Taboada B – Rubián (Sábado ás 18:30 horas no Anexo á Medela): os locais, segundos, reciben ao Rubián, terceiro, nun encontro vital na pelexa polo ascenso directo.

A Residencia quere volver gañar diante dun Ribadeo que non perde con Dani Moirón

O Quiroga e o Taboada B honran