A Resi e o Castro baixarán á Primeira Galicia. Así o confirma o director deportivo da Real Federación Galega de Fútbol, Manu Fernández, a Futbolinlugo. O responsable federativo lembra que esta é unha «temporada de transición» antes de conseguir a fin dos arrastres, polo menos, ata a Primeira Galicia.
Esta fin de semana dispútase a última xornada da tempada regular na Preferente. A Residencia é 14ª con 35 puntos e o Victoria da Coruña e o Castro teñen un punto menos. O cadro do Arturo Pereiro é o que ocupa a última praza de descenso directo. No último encontro, tan só se decidirá a orde desas posicións. Os tres equipos perderán a categoría.
Tal e como viñemos contando nos últimos tempos, a salvación segura na Preferente estaba no 12º ou, como moito, no 13º posto. “Esta tempada, tal e como se recolle nas circulares das competicións, si que hai arrastres ata a Primeira Galicia, que é a única categoría que non presenta descensos en cascada pola creación dun sexto grupo que absorve aos equipos que veñen dende arriba”, comenta Manu Fernández.
O director deportivo da RFGF, certifica os tres arrastres, como mínimo, procedentes da Terceira RFEF: «Os tres descensos directos de Terceira baixan si ou si para a Preferente. Arzúa e Paiosaco caen para a zona norte e o Pontevedra B e o Rápido de Bouzas (no caso de descenso) caen para a zona sur, como foi toda a vida”.
Algúns clubs pensaban que esta tempada xa se aplicaba o novo sistema. Non obstante, trátase dun proceso que se completará o curso que vén. «O que propuxemos tanto no Congreso como na Asemblea era mitigar os arrastres de cara a temporada 2024/2025 cun formato diferente. Para chegar a ese punto, primeiro temos que adaptar as categorías”, recalca Fernández.
A partir do vindeiro curso os arrastres só dependerán da 2ª RFEF
“Argallamos un sistema de competición que non se baseara tanto nun criterio xeográfico. Estableceranse os descensos que vai haber en cada unha das categorías e cubriranse os ocos dos arrastres independentemente da procedencia de lugar do equipo. Evitaremos os arrastres en categorías autonómicas. Si é certo que seguirán existindo os que provoquen os equipos galegos da Segunda RFEF”, explica o responsable federativo. Con todo, matiza que “sempre vai estar a baza de que o equipo que xogue play off de Terceira ascenda e evite ese arrastre”.
Coa nova medida falta cadrar como vai infuír no número de ascensos e descensos das categorías. De todas maneiras, as regras estarían máis claras dende o principio. Manu Fernández afirma que «na Preferente temos que prever os tres ocos dos descensos directos de Terceira e así evitar que arrastren a ninguén. Na Primeira, o mesmo. Pode ser que suban menos equipos, está por ver como se deseñan os ocos”.
- É posible que os equipos lucenses non xoguen xuntos en vindeiras tempadas na Preferente?
“Esa circunstancia é probable. A única forma de evitar os arrastres é crear un conxunto único de equipos en Preferente e, a posteriori, dividilo en dous grupos como acontece nas actuais Primeira e Segunda RFEF. Equipos do sur de Lugo poderían xogar un ano na zona norte e outros na zona sur, para ir axustando”.
- A nova Primeira
«O sistema será similar a Preferente. Entendemos os 108 equipos da Primeira como un todo e despois conformaranse seis grupos por criterios de proximidade. Tratarase nunha reunión específica cos clubs de Primeira e presentaranse dúas ou tres opcións para que a maioría das entidades decidan. Intentaremos ser o máis consecuentes ca cercanía tanto a nivel de quilómetros como de conexións».
- Desaparece como tal o grupo lucense da Primeira?
«É un pouco cedo para iso, pero intentaremos conformalos con naturalidade. Por exemplo, se houbese un equipo de Viveiro é probable que estivese máis contento xogando na zona das Pontes».
Por simple matemática os equipos lucenses non van estar todos no mesmo grupo. Da actual Primeira lucense marchan cinco equipos: Pol, o segundo ascendido, Guitiriz, Riotorto e Portomarín. E van incorporarse seis: Resi, Castro, Pastoricense, Oural e dous ascendidos máis da 2ª. Polo tanto serán 19 conxuntos lucenses en Primeira e os grupos van ser de 18.
Dende a Federación confían en concretar o deseño da próxima tempada a mediados do mes de xullo. Falta por ver se este novo plan das categorías superiores podería afectar á Segunda e a Terceira Galicia. Polo momento, o que se confirma este curso é o descenso por arrastre do Mondoñedo na Segunda Galicia norte. Baixa como consecuencia dun segundo descenso norteño na Primeira, neste caso o do Guitiriz.
É dicir, cada grupo da Segunda está conformado por dezaseis equipos. Ao haber dous ascensos e dous descensos directos, quedan en doce conxuntos. De Terceira soben tres, polo que se quedarían en 15. Cun descenso da Primeira xa completarían os 16 clubs que son por regra xeral. Por iso, un segundo descenso dende a Primeira provoca obrigatoriamente ese arrastre.