No grupo norte o Racing Vilalbés B non pasou do empate diante do Celeiro, pero mantén dez puntos de vantaxe sobre Rioaveso e Mondoñedo, igualados na segunda praza. O Cazás rachou a súa mala xeira e gañou no derbi fronte ao Catro Roldas. No grupo sur o Palas gañou fronte ao Santa Comba e sumou a quinta vitoria consecutiva. O Quiroga mantén a segunda praza logo de empatar co Incio, terceiro.
grupo norte
Celeiro e Racing Vilalbés B igualan nun encontro intenso (2-2). Partido moi disputado en Trasvías, cun gran ambiente nunhas gradas con moito público. O filial chairego púxose en clara vantaxe nun primeiro tempo no que aos de Iván Lamas lles costou atopar espazos ante un Celeiro ben replegado e coas liñas moi xuntas. Gabri atopou un oco antes dos vinte minutos de xogo para adiantar ao Racing. O tanto foi protestado polo cadro local por presunta man do dianteiro, e o segundo tanto, de cabeza obra de Samu a pase de Freire tamén resultou discutido pola parroquia celeirense. Preto do intermedio o colexiado anulou un tanto a Freire e o Celeiro tivo un par de ocasións para adiantarse no marcador. Na segunda metade o Celeiro sacou a casta e Dani Liz recurtou diferencias cun tanto á saída dun córner. O delirio desatouse na grada de Trasvías no minuto 96, noutro saque desde o curruncho, que tras varios rexeites Iván Silva empurrou ao fondo da portería.
O Rioaveso goleou ao Nuevo Nausti e mantén a segunda praza (1-4). Os visitantes amosáronse superiores durante a maior parte do encontro. Sen embargo, o Nausti tivo quince minutos de moi bo xogo nos que logrou poñerse por diante cun gol de Juan. Os de Manu Veiga reaccionaron ben e déronlle a volta ao marcador antes do intermedio. Na segunda metade o Rioaveso foi o único equipo sobre o céspede. Sentenciou o encontro e mesmo puido acadar unha renda moito máis ampla.
O Mondoñedo acada a terceira vitoria consecutiva diante do Friol B (1-4). Encontro moi serio do cadro mindoniense, que foi superior ao rival e apenas concedeu ocasións de gol. Nacho inagurou o marcador para os de Isra, pero o o conxunto local foi quen de igualar antes do descanso, nunha das poucas chegadas con perigo á portería de Adri. Na segunda metade o Mondoñedo marcou moi cedo por medio de Jacobo e a partir de aí o Friol B cometeu erros que soubo aproveitar o seu rival que sentenciou con goles de Antonio e Álex Gacio.
O Cazás gañou o derbi na Canteira e puxo fin a súa mala xeira (0-2). Eran seis derrotas consecutivas as do Cazás, que finalizaron nun encontro de rivalidade fronte ao Catro Roldas, que con esta derrota distánciase aínda máis do liderado. O maior ritmo do cadro visitante propiciou que o seu dominio nun primeiro tempo no que non se moveu o marcador. Na reanudación o acerto nas xogadas a balón parado marcaron o encontro. O Catro Roldas achegouse con perigo por medio de Samuel e Moha aínda que sen acerto. O Cazás atinou no minuto 70 cando Bellas rematou ao fondo da portería un saque desde o curruncho. Tentou a igualada o Catro Roldas, aínda que sin xerar excesivo perigo. Moi preto do final Álex rematou de cabeza unha falta lanzada por Yago e sentenciou o choque.
O Matela aproveitou os erros do Abadín para lograr un bo punto (3-3). Encontro de alternativas, no que Vicente adiantou ao cadro visitante cun bo gol desde fóra da área. Non tardou en empatar o Matela cun tanto de Rubinos moi protestado polo Abadín ao entender que existía fóra de xogo. Bufy e Seco puxeron en clara vantaxe aos visitantes aínda no primeiro tempo. Despois do descanso o Matela foi quen de igualar o partido en apenas un cuarto de hora. Fran e Pedro foron os autores dos goles en sendos erros defensivos do Abadín.
grupo sur
O Palas suma a quinta vitoria consecutiva fronte ao Santa Comba (2-0). Os de Brais Vázquez voltan a ser líderes en solitario logo do triunfo diante dun Santa Comba que comezou mellor sobre o céspede dos Chacotes. A pesar do dominio, os de Ángel Merino non foron quen de xerar excesivo perigo e o Palas sobrepasada a media hora de xogo meteuse no encontro a medida que este ía gañando en ritmo, pero a boa defensa dos visitantes impediu ocasións para os locales. Na segunda metade chegaron os goles. Samuel abriu o marcador ao aproveitar un balón á espalda da defensa. O Santa Comba tivo opcións para empatar, pero foi Álvaro quen logrou o segundo para o Palas nunha contra.
Jose rescata un punto para o Quiroga no Carboeiro (1-1). Encontro gris entre dous aspirantes ao ascenso. Incio e Quiroga protagonizaron unha primeira metade de escasas ocasións, un achegamento por cada equipo foi toda a bagaxe ofensiva de ámbalas escadras. E a segunda metada seguiu a mesma tónica, pero Casanova aproveitou un mal despexe do Quiroga para sorprender a Marcos. O Quiroga volcouse en ataque para lograr a igualada. A expulsión de Gachán complicou máis o obxectivo, pero moi preto do final Jose, cun tiro cruzado batiu a Castro e estableceu o empate.
O Monterroso B derrota a un Rubián que se afasta dos postos de ascenso (2-1). Logo de tres saídas consecutivas, o filial monterrosino volveu ao seu feudo e fíxoo con vitoria. A primeira metade tivo ocasións para os dous conxuntos. O Rubián perdonou en varios achegamentos e os de Javichu marcharon ao descanso por diante cun gol de Álex ao rematar unha falta sacada por un Manel moi entonado durante todo o encontro e que se atopou coa boa intervención de Casillas noutra boa ocasión. Á volta de vestiarios o Rubián empatou de contado cun remate no segundo pao de Rodri. No minuto 71 un erro en cadea da defensa e gardameta rematou co tanto de Manel para o cadro monterrosino. Os visitantes lanzáronse a polo empate e tiveron ocasións para logralo, pero o Monterroso B á contra tamén contou con opcións para sentenciar.
O Páramo sacou tres puntos nun mal encontro diante do Relámpago Taboada (0-2). O cadro local, malia a derrota, amosou unha boa imaxe, sobre todo en defensa, impedindo chegadas con perigo dun Páramo que non tivo o seu día. A pesar diso foi quen de vencer no anexo á Medela con dous tantos na primeira metade. Na segunda metade a boa actuación do porteiro do Relámpago impediu unha renda máis ampla.
O Castroverde recupera sensacións pero non pasa do empate ante o Taboada B (0-0). Marcador xusto despois do visto ao longo dos noventa minutos na Veiga do Olmo. Na primeira metade o encontro estivo moi igualado e apenas se viron ocasións para que se movera o marcador. Na segunda metade os de Fran Veiga foron quen chegaron con máis perigo á área do Taboada B, pero non foron quen de concretar.
O Sober logra a terceira vitoria consecutiva e oposita á fase de ascenso (2-3). Os de Iban Lagoa atópanse no mellor momento da temporada e sitúaronse a un punto dos postos de play off logo de derrotar ao Bóveda nun encontro con dúas metades ben diferencias. A primeira rematou sen goles e con escasas ocasións. Na segunda chegou a tolemia. O Bóveda foi quen de adiantarse no marcador, pero en seis minutos o Sober anotou tres tantos e deixou o partido visto pra sentencia. O conxunto local non deu o brazo a torcer e Nahum apretou o marcador nos últimos intres, pero os tres puntos marcharon para Centeás.