A Primeira Futgal promete emocións fortes
-
- 0
- 3min de lectura
A última xornada deixou na Primeira Futgal xa as primeiras situacións definidas de cara á fin de tempada. A vitoria do Burela e a do Castro ante a Residencia na Cheda deixa a primeira bola de partido para o conxunto mariñán de cara a conseguir o campionato de liga. O Chantada tamén esta invitado na loita polo playoff cos dous equipos que xogaron en Lugo entre eles, mentres que a zona baixa inda ten dous postos de descenso por decidir.
O Burela está preto de certificar o seu ascenso á Preferente da vindeira tempada de forma matemática. A derrota por 0-3 na Cheda da Residencia ante o Castro fai que o conxunto mariñán teña opcións de alzar o título ante o Racing Vilalbés B este domingo ás 17.00 horas. Todo pasará polo Luis Pallín, onde o Oural recibe á Residencia. Se os de Jorge ‘Negrete’ son capaces de sacarlle puntos aos de Rafa Casanova fará que a vitoria e incluso o empate se o Oural gaña faga campión aos mariñáns.
Residencia e Castro teñen inda unha loita aberta pola promoción de ascenso da Primeira Futgal na que está o Chantada tamén dentro. Os lucenses teñen vantaxe con 69 puntos, mentres que os chairegos suman 67 e os da Ribeira Sacra 65. Só dous accederán ao playoff e os calendarios teñen unha dificultade semellante para os tres, xa que na maior parte dos casos os seus rivais teñen todos os deberes feitos de cara aos últimos encontros de liga.
Mentres catro equipos poden avanzar á Preferente, catro son tamén os que farán todo o posible no pouco que queda de curso para certificar a súa presenza un ano máis na Primeira Futgal. Hai un deles que, inda que mantén opcións matemáticas de salvar a categoría, está virtualmente descendido. O empate do Meira ante o Pastoricense deixa aos primeiros a sete puntos do Oural, que marca a permanencia, con nove puntos por xogar. A permanencia pasa por gañar todo e esperar que o resto falle.
A última praza estará entre tres equipos e todo parece indicar que será na última xornada na que se decidirá quen baixa dende a Primeira Futgal a Segunda. No antepenúltimo posto e en descenso está actualmente o Pastoricense con 27 puntos. En postos de permanencia está o Oural con 28 puntos e o Outeiro de Rei con 30, o único dos tres que conseguiu gañar na última xornada.