A Primeira concentra catro victorias visitantes

Catro victorias visitantes, dous empates e catro victorias locais fan balance dunha nova xornada na Primeira Futgal. A SD Chantada segue con paso firme polo ascenso e o Xove engánchanse de cheo á loita pola permanencia.

O Foz leva o derbi diante do Iberia (1-2). Os de San Miguel estiveron máis intensos na primeira metade e chegaron á área con perigo en balóns ás costas. O Foz, porén, transitaba con perigo e conseguiu o 0-1 nunha boa acción entre Aitor e Álvaro. No segundo tempo, despois de que Aitor errase un man a man, o Iberia aproveitou un balón longo para poñer a igualada e apretar na procura da remontada. Finalmente, serían os visitantes quen anotaron o definitivo 1-2 nun centro de Diego rematado por Aarón cando se cumpría o 92′ de xogo.

O Guntín e Castro reparten puntos logo dunha parte para cada un (1-1). Un golazo dos chairegos logo dunha gran xogada era a guinda á boa primeira metade protagonizada polos de Dumi, pero o Guntín medrou co paso dos minutos e igualou antes do descanso nunha indecisión da zaga do Castro. Na reanudación, os vermellos sufriron a expulsión de Dani Montes e defenderon con moito oficio os ataques dun conxunto local que non se conformou co resultado e procurou con insistencia a meta dun Castro que leva catro semanas sen coñecer a derrota.

O Brollón supera a un clásico da provincia de Ourense (2-1). O Velle chegaba como favorito aos Medos, e de feito o primeiro gol da tarde foi dos visitantes. O Brollón, porén, foi quen de sacarse de enriba a dinámica negativa e pesimista e mellorou moito co paso dos minutos. En apenas seis minutos da segunda metade, Nico e Castañer deron a volta ao electrónico para deixar tres puntos moi necesarios no feudo lucense.

Milagrosa e Escairón protagonizan un duelo vibrante (2-2). Un pouco habitual despiste na zaga albivermella no comezo do choque supuxo o 0-1 dos do Saviñao, pero os de Madriles repuxéronse cun gran gol de vaselina e co 2-1, que chegou tras un saque de esquina, aínda na primeira metade. O Escairón, porén, tirou de veteranía despois de pasar por vestiarios, e conseguiu a igualada nunha xogada embarullada. Xa na recta final, a defensa visitante sacou baixo paus un remate de Román que puido supoñer a victoria local, pero o electrónico mantívose no 2-2 para non deixar satisfeito a ninguén na Frigsa.

Un punto separa a catro equipos nos últimos postos da táboa

A mellor versión do Chantada Atlético suma tres puntos ante a peor imaxe da Residencia (1-0). O plan defensivo dos do Sangoñedo saiu á perfección diante dunha «Resi» que está inmersa nunha mala dinámica. As liñas dos locais pecháronse ben e impediron as oportunidades visitantes, que sufrían nos contragolpes chantadinos. No segundo tempo, o Chantada Atlético gozou de catro oportunidades claras antes do gol de Iago, que chegou logo dun roubo e dunha boa combinación grupal para deixar os puntos na casa.

O Xove vence en Santaballa e acariña os postos de salvación (1-3). Tras dez minutos de dominio local, os de Piru comezaron a vencer nas disputas e nas segundas accións e inclinaron o campo ao seu favor. Dous roubos no campo do Santaballés traducíronse en dous goles antes do tempo de lecer e, xa na segunda metade, chegou o 0-3 dos mariñáns. O 1-3 do Santaballés serviu para camuflar unha mala tarde dos chairegos, que permite ao cadro verde achegarse a un punto da salvación.

A SD Chantada suma e segue no Roca (0-1). Foi un partido pechado e con moitos duelos, vibrante pero con poucas ocasións. No primeiro tempo, o máis salientable foi o remate ao pau do visitante Sergio. Na segunda metade, a tónica do choque era semellante, ata que Joserra serviuse dunha boa asistencia de Kadete para facer o único gol da tarde cando restaban 20′ de xogo. O Racing Villalbés ‘B’ estirouse na procura do empate, pero o oficio do líder levou os tres puntos cara a Vila do Asma.

O Monterroso supera ao Outeiro de Rei (3-1). A condición de local permitiu ao Monterroso dominar ante un Outeiro que non estivo atinado na toma de decisións pero que enviou dous balóns ao pau no primeiro tempo. Xusto antes do descanso, Gabi fixo sangue co 1-0 tras un saque de banda a prol dos chairegos. Tras a reanudación, Lucas empatou, pero o conxunto vermello deu entón un paso adiante e conseguiu o 2-1. Xa cos rivais volcados, chegou o definitivo 3-1 para deleite dos seareiros locais, que desfrutaron de catro goles na tarde do sábado.

O Oural despega a costa do Taboada (2-0). O Oural mostrou máis fame no primeiro tempo e, máis por empuxe que por bo xogo, anotou o 1-0 por medio de Yago cando se cumpría a media hora de partido. Na segunda metade os sarriáns quedaron cun home menos pola expulsión de Miguel, pero o solidario exercicio defensivo dos de Jorge, liderados no verde por Cayuela e Yago, impediu que o Taboada se achegase con perigo. Unha transición finalizada de novo por Yago supuxo o definitivo 2-0 nun Luis Pallín que levaba catro semanas sen celebrar unha victoria dos seus.

O Ribadeo vence no derbi ao Lourenzá (1-3). Os celestes dominaron no primeiro tempo e fixeron o 0-1 nun centro rematado por Meitín e que poñía de manifesto a súa superioridade posicional. Tras o descanso, o Lourenzá mellorou moito e conseguiu o empate nun rexeite aproveitado por Casanova. Pedro tivo nas súas botas o 2-1, pero Iñaki detivo o lanzamento e mantivo vivo ao Ribadeo.

A entrada no campo de Castrín foi entón decisiva: o de Riotorto anotou unha falta directa ao pouco de incorporarse ao xogo e, xa co Lourenzá volcado, empurrou unha asistencia de Meitín para levar os puntos cara o Pepe Barrera nun dos catro choques con victoria visitante.

catro máxicos