Chantada vivirá dous fins de semana de festa. O vindeiro celébrase o mítico Castañazo Rock que xa chega á súa vixésima edición e neste para abrir boca un dos derbis máis agardados da nosa comunidade futbolística lucense. A SD Chantada e o Chantada Atlético enfróntanse o domingo ás 16:30 horas nun Sangoñedo que se vestirá de gala para a ocasión. Impartirá xustiza Adrián López Bermúdez.
Exercerá como local a SD Chantada. Os de Traste son segundos na clasificación logo do tropezo na última xornada na Liga diante dun Santaballés que non coñecía a vitoria. Un resultado que nos da boa mostra de que na Primeira Futgal non existen as sorpresas e calquera conxunto pode sorprender a un dos favoritos ao ascenso. E é que o comezo ligueiro da SD foi inmellorabale. Seis vitorias consecutivas situaron ao cadro vermello nun reducido grupo de claros aspirantes a dar o salto de categoría. No Sangoñedo caeu o Ribadeo e recibiron goleadas o Oural ou o Racing Vilalbés B.
Pola súa banda, o Chantada Atlético tamén tivo un moi bo arranque ligueiro, sobre todo tendo en conta a complexa temporada que viviu o club. Sétimos clasificados con once puntos é un botín do que o cadro que exercerá de visitante no choque deste domingo pode sacar peito, malia as dúas últimas derrotas diante da Residencia, líder da categoría, e dun Xove Lago que foi o único que sacou unha vitoria do Sangoñedo. A chegada ao club, xa coa temporada comezada, do gardameta canario Álex Ávila, dos irmáns Marzán e Pandiani, así como de Asier Seijas fan que o Chantada Atlético sexa un dos candidatos a pelexar na zona alta da clasificación.
Falamos cos capitáns de ámbolos conxuntos, Manu Rodríguez e Ivi Gayoso.

A OPININÓN DOS PROTAGONISTAS . . .

Manu Rodríguez (SD Chantada)
Un gran comezo. «Valóroo moi positivamente. Gañar seis partidos seguidos non é sinxelo, pois calquer rival nesta liga pódeche sacar puntos. Viuse nos últimos anos que para ascender foi importante realizar un bo comezo ligueiro, como fixeron Pol e Burela anteriormente, por eso lle damos moita importancia a este primeiro tramo. A pesar da derrota en Santaballa, agardamos voltar á senda da vitoria este fin de semana«.
O derbi. «Vai ser un partido moi complicado e igualado, como son todos os derbis. Debemos ser sólidos en defensa e non cometer erros que eles podan aproveitar, xa que ofensivamente comezamos moi ben a liga e en todos os partidos estamos a contar con boas ocasións para facer gol«.
Os candidatos. «É certo que agoara mesmo Residencia, Ribadeo e nós somos os tres primeiros clasificados, pero estamos en diferencias dun partido. Aínda van poucas xornadas que equipos imos estar arriba na loita polo ascenso directo ata o final. O que si agardo é que nos sexamos un deles e que despois de varios anos petando á porta sexamos capaces de derribala e voltar á Preferente«.
Ivi Gayoso (Chantada Atlético)

Comezo ligueiro salvado. «Ten en conta que a pretemporada foi complicada, o comezo foi bo para nós. Xogamos contra varios equipos que adoitan estar arriba e sacamos bos resultados, sacando a derrota contra a Residencia e a da pasada xornada co Xove Lago. O traballo semanal está a ser moi bo e seguro que as vitorias voltarán«.
A SD Chantada. «Son un gran equipo, polo que agardo un partido igualado e moi competido. Somos dous equipos que nos coñecemos ben e, ao final, estes partidos decídense por pequenos detalles. Pola nosa parte, temos que facer un partido serio e comprometido de todos os xogadores, sufrindo cando toque, e aproveitando as ocasións que teñamos«.
Obxectivos. «Debemos competir cada partido, cousa que fixemos nos que van de liga salvo na visita á Cheda. As últimas incorporacións achégannos un plus de competitividade e calidade ao equipo, e penso que se seguimos mantendo un bo nivel de compromiso e de adestramentos, pelexaremos por estar arriba, xa que este ano está todo bastante apretado. Pero todo pasa por ir semana a semana«.

A AXENDA DESTA FINDE NA XEOGRAFÍA LUCENSE
Primeira Galega Feminina
Antas – Atlético San Pedro (Domingo ás 17 horas no Castro Seoane): as da Ulloa reciben ao líder invicto que suma quince puntos en cinco encontros. As locais buscarán un triunfo que as achegue á cabeza.
Segunda Galega Feminina
Milagrosa – Bergantiños (Domingo ás 18 horas no Luis Gorgoso): logo de tres derrotas consecutivas, as de Héctor Expósito precisan dun triunfo. Enfronte un Bergantiños que chega terceiro.
Terceira RFEF
Racing Vilalbés – Somozas (Domingo ás 12 horas na Madalena): dous conxuntos con traxectorias moi semellantes. Logo dun comezo dubitativo, os dous enlazaron unha gran racha de resultados. Os de Juan Rodríguez buscarán darlle continuidade e achegarse á primeira praza.
Preferente Futgal
Lemos – Cultural Areas (Sábado ás 18 horas na Pinguela): os de Edu Rodríguez, quintos clasificados e aínda invictos, reciben a un Cultural Areas que conta con tres puntos máis na clasificación. Importante choque para as aspiracións dos monfortinos.
Primeira Futgal
Castro – Escairón (Domingo ás 16:30 horas no Arturo Pereiro): dous claros aspirantes ao ascenso que comezan a carburar logo dun complexo comezo de curso. Tres puntos para achegarse á zona de privilexio.
Segunda Futgal
Alfoz – Celta Barreiros (Domingo ás 12 horas no Municipal): os de Javi Chinchón queren manter a súa condición de invictos e escalar postos na táboa diante dun Celta Barreiros que chega en estado de gracia.
San Roque – Ferreira (Sábado ás 16 horas no Polvorín): os locais, que só cederon un empate no que vai de liga, buscarán un triunfo que os manteña no liderado. Enfronte, os de Manu Rodríguez queren sumar para escapar da zona de perigo.
Terceira Futgal
Pol B – Catro Roldas (Sábado ás 18 horas no Manuel Luna): o filial, capaz do mellor e do peor, neste comezo da súa historia futbolística, recibe ao colíder da categoría. Os de Coto buscarán seguir co pleno de puntos.
Quiroga – Rubián (Domingo ás 19 horas Municipal): dous dos conxuntos de cabeza do grupo sur fronte a fronte. Os locais, que non encaixaron un só tanto, reciben aos de Senén López, tamén invictos.
Foto de portada: Facebook Veteranos Futgal Grupo Lugo Provincial.

