#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

A Preferente vivirá un derbi decisivo

O Lemos e o Ribadeo, protagonistas do duelo da Preferente

A Preferente vivirá nesta xornada un dos encontros chave para o final de tempada dos equipos lucenses. O Ribadeo recibirá ao Lemos este domingo ás 18.00 horas no que o que se leve a vitoria terá moi preto a permanencia na vindeira tempada da Preferente Norte. Ambos equipos coñecen a situación límite na que chegan ao encontro, pero tamén queren afastarse dos sentimentos propios dos enfrontamentos entre equipos dunha mesma zona para centrarse na súa permanencia.

Luchi: «Este encontro é unha batalla máis»

O adestrador do conxunto local, Luchi, afirma que a falta que fan os puntos pode máis que o que propiamente significa un derbi. «Máis alá de que sexa un derbi onde ambos temos moita falta de puntos, dá igual quen sexa o rival. Non podemos vivir o encontro como un derbi polo sentimento que estes teñen de rivalidade. Afrontaremos o partido coma se fose unha batalla máis pola permanencia». Engadiu que «os partidos directos son unha arma de doble filo. É un aliciente, pero os de arriba tamén pensan na distancia que poden conseguir».

Durante as últimas xornadas, o técnico mariñán afirma que «o equipo leva unha moi boa dinámica a pesar das baixas que temos. Coas ferramentas cas que podemos contar logramos preparar de forma axeitada os encontros. O importante é competir ata o final da Preferente». Luchi dálle especial importancia a contar cos rapaces do xuvenil xa que «a canteira está asumindo responsabilidades, o que fai que sexamos optimistas cunha boa xeración que está a vir».

Edu Rodríguez: «Gañar fai que seguir na Preferente estea moi preto»

Pola súa parte, o técnico do Lemos, Edu Rodríguez, admite o coñecemento que teñen dentro do seu cadro de xogadores do gran valor que teñen os tres puntos. «Sabemos da importancia clasificatoria do encontro. Eles están obrigados a gañar para manter as súas opcións de xogar unha tempada máis na Preferente e nós temos que ser conscientes da situación para tratar de xogar con ela ao noso favor«.



Inda que neste tramo teñan unha gran cantidade de encontros directos, xa que tras o seu encontro no Pepe Barrera xogarán ante Atlético Escairón e Galicia Mugardos para pechar o ano. O técnico admite que «só pensamos no Ribadeo. Inda que non traemos connosco unha boa dinámica de resultados, sabemos que no caso de gañar neste derbi provincial sabemos que estamos a só un paso de manternos unha tempada máis na Preferente».

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *