A Polvoreira tinguirase de gala o domingo

Logo dunha xeira de anos sen alegrías, a Polvoreira voltará encherse este domingo coa promoción de ascenso á Primeira Futgal, na que o Sada visitará ao San Roque nunha semifinal polo ascenso que ten todo por decidir. Logo do resultado da ida, 1-1, os lucenses procurarán facer valer o factor campo para seguir adiante na loita polo salto de categoría.

Á fronte da nave branquiverde atópase Rubén Sanjurjo ‘Piru’. Dentro do campo, catro dos seus líderes son Emilio López, Yelko Núñez, Bruno Pintos e Luis Rojas. Se cadra, a veteranía non é o único que teñen en común os nosos protagonistas de hoxe. Todos eles foron parte fundamental do ascenso á Primeira Galicia que acadou o San Roque na campaña 2016/2017, logo de quedar no primeiro posto da liga regular.

A Polvoreira será un fortín unha vez máis.
A Polvoreira será un fortín unha vez máis.

Agora, os cinco buscan repetir o fito acompañados por unha camada de futbolistas chea de talento e recén cociñada no forno de Montirón: o convenio asinado entre as EF Polvorín e o San Roque comeza a dar os seus froitos logo de varios anos de traballo moi ben feito.

4 xogadores e o adestrador Piru xa saben o que é ascender na Polvoreira

Porén, os protagonistas de dentro do verde son conscientes da dificultade da empresa neste curso 2024/2025.



Yelko foi determinante oito anos atrás, cando anotou 12 goles en 29 partidos que serviron para asegurar o ascenso do San Roque, pero esta temporada está a ser aínda máis decisivo. 14 goles en 17 choques desde que deixou o San Lázaro valéronlle aos de Montirón para colarse no playoff. O dianteiro recoñeceu que «a veteranía axúdache a decidir mellor nos momentos chave e eu estou pasando por un bo momento, tanto físico como mental. Todo isto, axudado por un grupo de xente que nos recibiu moi ben mediada a temporada, está facendo que todo vaia sobre rodas».

Bruno Pinto, un dos xogadores máis veteranos da categoría, admitiu que ten un papel diferente este curso, pero no que tamén se atopa cómodo: «tan só podo adestrar os venres por motivos laborais, pero agardamos poder celebrar o ascenso todos xuntos».

Emilio capitanea con bo fútbol e asistencias a un grupo moi novo, pero moi competitivo. O atacante dos da Polvoreira admitiu que, a diferenza do ano do ascenso, «este curso temos unha profundidade de xogadores maior. Tivemos lesións de longa duración que conseguimos paliar cunha mestura de xente nova e experimentada. Ademais, todos os xuvenís que viñeron con nós deron o nivel de xeito sobrado e a preparación física que dirixiu Édgar fíxonos chegar moi ben ao último tramo».



Yelko comezou o curso no San Lázaro

Por último, Luis Alberto conta cun rol moito máis protagonista con respecto ao ano do ascenso, pero é sabedor da fazaña que se conseguiu no pasado e que están preto de repetir. O defensor sinalou que «a promoción de ascenso é un formato que me gusta menos que o ascenso directo. Ao final tes que estar alongando a temporada para ver se podes ascender ou non».

Veremos o que acontece mañá na Polvoreira, pero a emoción e os ingredientes están servidos para garantir unha tarde histórica no feudo capitalino.

máxicos primeira copa

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *