A Milagrosa vence no derbi lucense ante o San Lázaro

  • O gol de Irene no m. 85 foi decisivo para a Milagrosa, que desfixo as táboas e a gran igualdade que reinara durante o partido
  • O PM Friol volve á senda da vitoria cun gran partido ante o Bergantiños

Un PM Friol moi intenso faise co triunfo a domicilio ante o Bergantiños

Non chegaban sen dificultades a este encontro as friolesas, con moitos problemas físicos para xogadoras chave, como Yoleidis. Porén, se o físico semellaba pasar por un mal momento, o que fixeron as amarelas foi tirar de algo case tan importante: a cabeza.

Once inicial do PM Friol ante o Bergantiños. Foto cedida

O PM Friol tirou de orgullo e sobre todo de traballo, intensidade e moral para sellar ante o Bergantiños un dos seus mellores partidos da tempada grazas ao esforzo incansable de todo o equipo, que se viu recompensado co tanto de Yoleidis para darlles a vitoria.

A mala noticia da xornada para as friolesas é a lesión de Keisy que, a falta de máis probas que o confirmen, apunta a unha baixa longa por lesión de gravidade no xeonllo.

O derbi da capital entre Milagrosa e San Lázaro resólveo Irene

Como se agardaba do derbi, o partido foi moi intenso e igualdado dende o inicio. Malia que se adiantou o San Lázaro por medio de Dou, durante a primeira metade quen amosaba estar máis cómodo e ter máis dominio sobre o xogo era a Milagrosa. Así, antes de marchar ao tempo de lecer, Seguín poría o empate no luminoso, amosando a gran igualdade entre ambos conxuntos que, aínda que na metade alta da táboa, acaban de ascender esta tempada á Segunda Futgal.

Tras o paso polos vestiarios, o San Lázaro mellorou o seu xogo e a igualdade sobre o verde foi máxima. Pero nestas ocasións, unha xogadora «coa frechiña cara arriba» – como se soe dicir no argot do xornalismo deportivo – é totalmente desequilibrante.

Xogadoras da Milagrosa antes do partido ante o San Lázaro. Foto cedida

O fútbol sorrille a Irene e ela devólvelle o sorriso ao fútbol e ao seu equipo, anotando outro gol máis para o seu casilleiro persoal e dándolle, tamén, a vitoria no derbi ao seu equipo. Unha Milagrosa que suma 3 puntos máis para seguir en postos de play-off de ascenso outra xornada.

Vitoria contundente do PM Friol B ante unha Comercial que non levanta cabeza

Xogadoras da Comercial antes do partido ante o PM Friol B. Foto cedida

A Comercial recibía, con ansias de estrear o casilleiro dos puntos; a un P Fruiol B con numerosas baixas por gripe que tivo que acudir a xogadoras habituais do primeiro equipo para poder presentarse á cita.

Xogadoras do PM Friol B para o partido ante a Comercial. Foto cedida

Así, as friolesas reforzadas con xogadoras de destacada calidade e unha Comercial en horas baixas, firmaron un partido que non tivo máis historia que o dominio das visitantes, que remataron gañando o encontro por un contundente 0-5. Isa, que comezara de gardameta da portería amarela, pasou ao ataque na segunda parte firmando un hat-trick e amosando a súa calidade cos pés.