Dende a Milagrosa aseguran que se ven obrigados a renunciar a competir na Primeira Futgal. Este mércores a Real Federación Galega de Fútbol emitiu unha circular na que lle asignaba ao club de Frigsa o dereito a manter a categoría logo da renuncia do Ribadavia Atlético. Non obstante, e trala reorganización dos grupos para esta temporada na categoría, ese dereito concédello no grupo de Pontevedra sur (zona de Vigo e do Baixo Miño).
A entidade lucense afirma que tomará medidas antes de que remate o prazo concedido pola Federación para tomar unha decisión (este venres ás 14h). O seu director deportivo, José Manuel Fernández ‘Madriles’, considera que este é «o punto e seguido dunha das situacións máis vergonzosas do fútbol galego nos últimos anos».
Sábese dende hai días que o Ribadavia Atlético, tal e como aparece recollido en FutbolinGalicia, renunciaba a competición. Non obstante, a circular da RFGF reflicte que tal comunicado foi oficial aínda este martes, xa cos calendarios de Primeira conformados.
O club do Ribeiro abandonou por non quedar encadrado cos equipos de Ourense e ter desprazamentos que sobrepasarían a 01:30 h de camiño de ida. Deste xeito, a Milagrosa tampouco tería a opción de quedar no grupo de Lugo e a maioría dos seus desprazamentos superarían ás 02:00 h de ida; chegando a aproximarse ás 03:00 h nalgún caso.


O descontento da Milagrosa
O enfado da Milagrosa vén dende hai tres meses. O conxunto de Frigsa descendeu por arrastres. Baixou por ter o peor coeficiente dos 15º clasificados dos cinco grupos de Primeira. Esta circunstancia nunca a contemplou ao entender que o protocolo de descenso non se modificaba con respecto a tempadas anteriores.
Contaba con que baixase o 15ª da Primeira de Ourense, xa que o arrastre de Preferente era dun equipo ourensán. Esta situación pensábaa a Mila, outros equipos da provincia e tamén A Peroxa, club ourensán que se deu por descendido.
- Na respectiva circular viña recollido o seguinte:
Los descendidos por “efecto arrastre” se determinarán entre los equipos de los Grupos de Primera Galicia donde sean ubicados los descendidos de Preferente Galicia -art. 195 del Reglamento General- y en aplicación del artículo 201.6 de este mismo cuerpo reglamentario.
En la temporada 2024/2025 los distintos grupos de Primera Galicia continuarán constituidos con 18 equipos cada grupo.
Para la temporada 2024/2025, y conforme al acuerdo asambleario adoptado en reunión del día 10 de agosto de 2023, se modificará el criterio de la división provincial para la conformación de los grupos de la competición de Primera Galicia. La distribución de grupos se realizará atendiendo, dentro de lo posible, al criterio de proximidad geográfica.
«Faltaba unha xornada e xa contabamos ca salvación. O xoves antes de xogar o último partido, un membro do noso club recibiu unha chamada do presidente do Sporting Cambre (o 15º clasificado no grupo de Coruña). Dinos que o secretario da Federación o informou de que o descenso vai por coeficientes. Eu preguntei e non me responderon», relata Madriles.
Dende a Milagrosa cren que a RFGF non actuou en condicións de igualdade entre os equipos: «Se ao Sporting Cambre lle dis o dos coeficientes, igual te tes que dar conta de que o resto de clubs non están informados. A nós faltábanos un punto e perdimos co Escairón».
O club capitalino demanda máis claridade no regulamento: «As circulares teñen que estar suficientemente claras para que os clubs as entendan. Conseguín falar con Diego Batalla (secretario da RFEGF) despois do acontecido, deume unha explicación que non entendía. Díxenlle: Daste conta que isto non o sabiamos ninguén? Haberá que explicalo«.

A Milagrosa denunciou o seu descenso ante a xustiza deportiva. Foron pasando as semanas e a Federación someteu a votación a nova conformación dos grupos da 1ª. O criterio escollido implicou non cambiar nada no grupo de Lugo. No de Ourense, o Arrabaldo e o Ribadavia quedaron descolgados dos seus e renunciaron. A praza do Arrabaldo era por lograr o ascenso, polo que pasou ao seu rival, o Arenteiro B.
Tras facerse oficial a do Ribadavia, á Milagrosa é a quen lle pertence esa praza pero non lle dán a opción de seguir no seu grupo. «Imos seguir outros pasos a nivel legal. É un abuso de poder. Obrígannos a xogar en Pontevedra. Agora é legal porque despois do plan competicional non podes mover os grupos. Pero antes de todo iso puideron facer outras cousas«, reivindica Madriles.

A reestruturación da base que a Milagrosa coliderou
A pasada semana desenvolveuse en Lugo unha xuntanza entre os clubs da provincia e a Federación. Foi unha reunión tensa onde un dos puntos quentes foi a distribución dos grupos da Primeira Futgal de fútbol base, unha división de recente creación.
Os clubs de Lugo e de Ourense estaban encadrados no mesmo grupo con desprazamentos que superaban en máis de 20.000 km por temporada aos de outros. A Milagrosa foi un dos clubs que encabezou as protestas nesa reunión. Os conxuntos de Lugo elaboraron uns escrito e conseguiron que a Federación rectificase e reorganizase tanto os grupos como o formato de competición, tal e como recolle aquí El Progreso.
«As circulares da base arranxáronas en cinco días. A Comisión Delegada cambia as circulares cando lle dá a gana», afirma novamente Madriles. Cre que o seu problema agora se trata «dunha represalia por ser un dos clubs que liderou a protesta contra a primeira composición dos grupos no fútbol base. Non vexo a ningún equipo de Vigo ou da Coruña xogando en Lugo. Fano coa Milagrosa despois da que liaron co descenso».
Outros 14 lucenses aparecen na lista para cubrir o oco do Ribadavia
Tal e como recolle FutbolinGalicia, en caso de que finalmente a Milagrosa non se faga cargo da praza, a Federación seguirá ofrecendo ese oco en Primeira Futgal a outros clubs. A listaxe contempla uns 60. Foi confeccionada atendendo á «orde de clasificación das fases ou promocións de ascensos dependentes da categoría, división e grupo onde se produce dita vacante«. Neste caso, tiveron en conta equipos que competiron na Segunda Galicia.
Observadas as fases de ascenso e clasificacións da pasada tempada, sería outro conxunto lucense, o San Ciprián, o segundo na listaxe para aceptar a praza do Ribadavia Atlético. Isto débese a que, tras rematar a liga quintos (grupo norte de Lugo), no play-off gañaron dous de catro partidos e empataron outro (7 puntos). O coeficiente é de 1,75, superior ao Mazaricos (Costa), o Brollón (Lugo) e o Atlético Vilariño (Ourense).
Na listaxe de ata sesenta equipos que poderían aceptar esa praza aparecen en total quince lucenses. A maiores da Mila, do Sanci e do Brollón, descendendo na lista terían que tomar unha decisión o Becerreá, o Friol, o Iberia, o Folgueiro, o Xermade, o Palas, o Sporting Pontenova, o Antas, a Comercial, o San Roque, o Incio ou o Cospeito.
«Xa nolo fan para que renunciemos e deixemos a praza libre. Pero o seguinte sería o San Ciprián. É un atropelo a provincia de Lugo continuo. O Grupo seis creado en Primeira xa foi aposta para os de Vigo», reitera Madriles no seu enfado. «O secretario xeral, Diego Batalla, é un señor que sobra na Federación. Non é un problema da Milagrosa. Pasou na base e quedou demostrado». O director deportivo da Mila pide a dimisión de Diego Batalla e por consecuencia do presidente Rafael Louzán.
Madriles advirte de que van loitar ata o final: «Non podemos afrontar o de levar os rapaces xogar alí, pero antes vamos tomar medidas. Imos pedir o amparo da xustiza e dos clubs de Lugo. Agora é máis difícil porque non son nenos, pero cando pasou o dos grupos da base foi dos que defendín a todos. Non vou forzar a ninguén a nada, pero eu estaría disposto a facelo por outro club».

O San Ciprián e o Brollón non pensan en aceptar
«Nós estamos ben onde estamos», asegura Eduardo Rubal, presidente do San Ciprián. O club mariñán que se ve involuntariamente nesta situación cre que «xa estando na Primeira de Lugo, para nós supón moito ter que ir a lugares como Bóveda. Os rapaces que temos están para xogar e pasalo ben. Ter que ir a Pontevedra é inviable para nós e para todos os equipos».
A inclusión nesta listaxe aparece para o Sanci despois de pelexar un ascenso á Primeira co filial do Racing Villabés. O encontro de volta foi suspendido nos últimos minutos por culpa das agresións que se viviron dentro e fora do terreo de xogo.
Dende o equipo mariñán afirman que non teñen resposta por parte da Federación a un recurso presentado tras as sancións. «Recurrimos que a nivel de club nos metan a mesma sanción a nós que ao Racing Villalbés. Entendemos que é diferente ser club local ou visitante, como nós eramos».
«Nin o planteamos aínda, pero creo que non lle vai interesar a ninguén», Moncho Quiroga presidente do Brollón. .
O Brollón tampouco tería intención de aceptar o ofrecemento de xogar no grupo de Pontevedra sur na 1ª. «Nós no play off si tiñamos a intención de ascender. Sabiamos o dos novos grupos e non viamos con malos ollos xogar con equipos de Ourense como o Córgomo ou irnos a concellos de Pontevedra como Rodeiro. Pero agora xa sería un sin sentido estando a vinte e pico de agosto. Non fas un equipo igual para a Primeira que para a Segunda. Coñezo as nosas limitacións e máis ou menos serán as mesmas en todos os equipos», conclúe o mandatario do equipo dos Medos.
Tras o ultimatum que ten a Milagrosa, veremos que prazo se lle dá o resto de clubs para aceptar ou non a proposta. A liga na Primeira Futgal comeza en pouco máis de dúas semanas.
No hipotético caso de que algún club de Lugo aceptase a proposta de xogar en Primeira, o filial da SD Chantada permanecería na Segunda Futgal. O club chantades descendeu por ese arrastre da Mila.