- Non puideron as albivermellas cun Tordoia líder da Segunda Futgal
- No resto de partidos da xornada, pleno de vitorias lucenses
O Antas segue de doce
Nova xornada e nova vitoria dun Antas que continúa intratable. Esta fin de semana, tocoulle ao Orzán B, que coma ven sendo habitual nos rivais do Antas, saiu escaldado da súa visita ao Castro Seoane.

Malia comezaro partido un tanto desconectadas, o Antas atopouse cun gol de Dana que serviu para afianzar ideas, gañar confianza e morder un partido que xa non lles escaparía. Antes de enfilar cara os vestiarios, as celestes xa dominaban o luminoso cun 3-0 a favor grazas aos tantos de Rebeca e Nuria.
Na segunda parte, con todo encamiñado, a intensidade do partido baixou. O Antas tiña xa o resultado no seu peto e o Orzán B víase incapaz de poder cambiar as tornas do encontro. Así, só un gol de Nuria xa no 85′ rematou por pór a guinda a un partido que afianza ao Antas na segunda praza da Primeira Futgal.
Unha Milagrosa incómoda cae ante o líder
Malia o gran estado de forma co que chegaban a este encontro as lucenses, non foron quen de imporse na casa ante o líder, o Tordoia.

Dende o inicio do partido, as albivermellas estaban incómodas sobre o verde. Nin cando un gol en propia portería as puxo por diante, foron quen de gañar a confianza necesaria para que o Tordoia non sacase a relucir toda a súa calidade.

Así, as dúbidas da Milagrosa e a enorme calidade do Tordoia acabaron por xuntarse para facer o caldo perfecto para a vitoria visitante. Axiña o líder empatou o partido e comezou a remontada, enviando o encontro cun 1-3 no luminoso no descanso.
Na segunda metade, a Milagrosa mellorou a súa imaxe, pero non puido mudar o resultado, que remataría cun 2-5 final.
O San Lázaro cumpre as expectativas e imponse ao Nicrariense
O San Lázaro recibía na casa a un Nicrariense sobre o papel inferior. E malia que as visitantes chegaron a empatar o partido, a tónica do mesmo amosou a superioridade clara dun San Lázaro que dominou de inicio a fin o encontro.

O hat-trick de Mire deu a vitoria, 3-1, ao San Lázaro.
O filial friolés imponse a un bo Bandeira
Vitoria do PM Friol B a domicilio, ante o Bandeira, nun partido aprazado que se xogou aproveitando esta fin de semana de descanso da Terceira Futgal.
Malia o bo xogo do Bandeira, as amarelas non deron opcións. Patri adiantou ás súas no 22′ e xusto antes de marchar aos vestiarios, Alba Menán aumentou a renda ao 2-0.

Aínda que o Bandeira tivo tres ocasións claras de gol, a boa actuación da porteira friolesa, Isa, impediulles buscar a remontada. Nerea redondeou o partido cun gol de gran calidade individual no 77′.
Suspendido o partido aprazado entre Chantada e San Roque
Esta fin de semana tamén se agardaba no Sangoñedo o encontro adiado entre Chantada e San Roque. Finalmente, o San Roque non se presentou e, polo momento, na Futgal dano como ‘suspendido’.


