A tempada da Milagrosa na Primeira Futgal estará nos libros de historia debido á gran travesía que fixeron en cada partido fóra da casa. Os lucenses tiveron que xogar no Grupo 6, coa maioría dos equipos xogando na provincia de Pontevedra. Pese as dificultades, a vitoria ante o Tomiño por 4-2 na última xornada do campionato fixo que certificaran a súa permanencia na categoría. Agora falta saber como vai ser a confección de grupos do ano que vén, pero todo apunta a que os desprazamentos serán moito máis próximos.
6.000 quilómetros para unha permanencia
A tempada comezou cun xiro moi complicado dos acontecementos coa asignación do conxunto lucense a un grupo no que ían facer moitos quilómetros. Madriles, técnico da Milagrosa, sinalou que «non soubemos o grupo ata o final. Coas previsións chamei ao equipo e comenteilles todas as opcións que tiñamos. Pensabamos que era imposible que coa renuncia do Ribadavia nos deixaran xogar nese grupo e os rapaces tiñan ganas disputar a Primeira Futgal. Ao ir a Vigo tivemos problemas co número de xogadores, que estaba pensado para Lugo, pero tiramos da canteira, un símbolo do noso clube».
De feito, o trascurso do ano foi para Madriles o «máis valioso coma adestrador». A Milagrosa certificou a permanencia cunha segunda volta na que o crecemento foi grande. «Os últimos meses foron increíbles e conseguimos ser un equipo moi difícil de batir. Tivemos moi malos momentos polos resultados, 3 meses sen gañar, e polas numerosas lesións, mais nunca tiramos a toalla». Madriles ten claro que «o mérito e todo dos xogadores que é algo de moitos anos no clube e convencelos en que insistir é a maneira de competir para conseguir os obxectivos. Os momentos malos fixéronnos máis fortes e manter a confianza en nós mesmos».
Un proxecto «inalterable» na Milagrosa
Se algo caracteriza á Milagrosa é ter un «proxecto inalterable» composto dos xogadores da casa coa axuda dos que van subindo dende a canteira. «Quen queira fichar ten que adaptarse a como facemos as cousas. Toda a plantilla leva 10 anos ou máis no clube. Ese é o proxecto, crecer cos nosos todos xuntos. Agora toca ir sufrindo menos cada ano cun grupo moi novo que ten unha proxección tremenda. O compromiso e amor ao clube foi o que nos levou a permanencia na Primeira Futgal», asegura Madriles.


A Milagrosa non mira á distancia dos seus proximos rivais e céntranse máis en agradecer aos que foron os seus oponentes este ano. «Agradecemos a tódolos clubes do Grupo 6 pola súa colaboración, comportamento e comprensión ante a nosa situación. Sobre todo a Marc do Arenteiro e Iago do Gondomar que me aportaron moita axuda que lles agradezo moito, sen esquecer tamén a Jorge e a Anxo. Esto é o significado do fútbol, o que quedan son as persoas e os clubes. Nós tamén intentamos axudalos ao máximo, tanto con horarios coma dando as mellores facilidades«, destacou Madriles.
