#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

A forza da «Faba Brava»

Ás veces escoitamos á xente dicir que as cousas non son como comezan, senón como acaban. A proba disto atópase nas ED Lourenzá, conxunto que vén de acadar o ascenso á Primeira Galicia tras un comezo de campaña para olvidar. Tan só un punto nas catro primeiras xornadas situaban aos de Santa Cruz na derradeira posición da táboa, e a temporada non pintaba nada ben para os albivermellos.

Porén, coincidindo cunha entrevista realizada por Futbolinlugo a Diego Rego, adestrador do clube, os resultados melloraron. E de que xeito. 15 xornadas invictos –exactamente unha volta completa- nas que só concederon tres empates, situaron ao Lourenzá a dous puntos do ascenso e a tan só tres do Guitiriz, líder naquel momento. Tras caer en Abadín na xornada 20, o “Atleti” (como se fan chamar entre eles e como son coñecidos en Vilanova) non se volveu a deixar puntos no seu camiño, acadando o salto de categoría na penúltima xornada en Cabreiros.

O adestrador Diego Rego foi manteado polos seus xogadores en Cabreiros.

O Comando “Faba Brava”, un grupo de xóvenes que encheu Santa Cruz durante toda a campaña -sendo especialmente espectacular o ambiente nos derbis ante o Mondoñedo-, liderou aos xogadores desde fóra, mentres que dentro do campo eran dirixidos por Diego Rego e o seu ariete Iván Recalde, un “dez” con moita chegada que se converteu no segundo máximo artilleiro da categoría, sumando a frieira de 29 goles en 29 partidos.

Desde Futbolinlugo, quixemos falar con estes dous protagonistas, para saber como se viviu dentro de vestiario unha temporada que, tras catro xornadas disputadas, semellaba que non sería como as anteriores nas que se pelexaba polo ascenso, pero que finalmente tivo o “happy end” que lle faltou ás outras.



Asemade, o “Atleti” aínda podería poñer o broche de ouro a esta 2018/2019, acabando campións de vencer ao Cospeito na Fonte e perder o Folgueiro ante o Xermade na vindeira e derradeira xornada de competición.

FUTBOLINLUGO: Antes de nada, noraboa. Imaxinamos que aínda seguiredes celebrando en Vilanova. Como está o ambiente tanto no vestiario como na vila?
DIEGO REGO: 
O ambiente é de felicidade en toda a vila, temos a tranquilidade de ter o traballo ben feito. A pesares de non ser o ascenso o obxectivo a principio de temporada, fomos pouco a pouco vendo que se podía conseguir. É un éxito do que botaría a culpa a toda a unión da afección, directiva, corpo técnico e xogadores.

FUTBOLINLUGO: Falabas en outubro de que, se o plantel acadase unha victoria, o equipo podería comezar a escalar postos na clasificación, e así foi. Cales son as chaves para acadar tan meritorio feito?
DIEGO REGO:
Como digo, esa unión de todos. Empezamos moi mal porque houbo que pagar unha peaxe pola gran cantidade de xente nova, que non estaba afeita a xogar nestas categorías, moitos xuvenís… pero a partir da primeira victoria sabiamos que iso ía cambiar, e o equipo empezou a subir como a espuma.



FUTBOLINLUGO: Confiades en proclamarvos campións de liga ou queda nun segundo plano?
DIEGO REGO: I
so queremos. Trataremos de gañar en Cospeito e a ver que pasa no Xermade-Folgueiro. Sabemos que o Xermade non se xoga nada, pero son un bo equipo e seica o Folgueiro lles ganou 5-0 na primeira volta, así que agardamos que lles teñan gañas. Sempre que subimos a Primeira quedamos de segundos, así que ser primeiros este ano sería un colofón perfecto.

FUTBOLINLUGO: E a Copa? Partides como un dos equipos a bater…
DIEGO REGO: 
Si, como sempre xogaremos a copa, e tentaremos ir partido a partido a por ela, dando minutos a quen menos xogou durante a liga, e baixo as directrices de competir, pasalo ben e chegar o máis lonxe posible.

FUTBOLINLUGO: O ano que vén, veremos a Diego Rego nos banquiños de Primeira Autonómica? 

DIEGO REGO: Pola miña parte, estou encantado aquí, pero esperaremos a que acabe a temporada, e xa haberá tempo de falar as cousas, ver se facemos fichaxes… pero de momento desfrutar desta fazaña.

FUTBOLINLUGO: O obxectivo, a permanencia…
DIEGO REGO: 
Si, trataremos de afianzar ao equipo na categoría, porque o merece. Esperemos acadala, porque ás veces pode ser máis fácil conseguir a permanencia en Primeira que o ascenso desde Segunda.



FUTBOLINLUGO: Por último, se tiveses que escoller un momento deste ano deportivo, cal sería?
DIEGO REGO: 
Sen dúbida, co recibimento da afección o pasado domingo no Cantón, a Praza do Concello, cando baixamos do camión. Bengalas, os cocos… foi a «hostia».

De seguido, as verbas do gran líder dentro do campo, Iván Recalde.

FUTBOLINLUGO: Noraboa polo ascenso. Para comezar, como se viu desde dentro do campo a incrible mellora do equipo desde a cuarta xornada?
IVÁN RECALDE: 
O inicio non foi malo, foi malísimo. Aínda que na pretemporada non tivemos malas sensacións, fíxonos moito dano o primeiro partido de liga. Ganabamos 3-1 ao Roupar, e nos últimos cinco minutos empatáronnos. Tendo en conta que era principio de temporada, e que estiveron presentes todo o ano moitos xuvenís, ese partido fíxonos moito dano en canto a confianza. Iso fixo que nos seguintes tres partidos o equipo case non competise, pero tiñamos claro que gañando un partido conseguiriamos todos dita confianza, pero en especial os chavales, que empezarían a soltarse, porque contamos con tres ou catro xuvenís e outros tantos que acababan de rematar a etapa de base. A mellora foi debida a que traballamos moito todo o ano, con 16 ou 17 entrenando todos os días, e iso nótase moito ao final.

FUTBOLINLUGO: Cando comezou o vestiario a crer no ascenso?
IVÁN RECALDE: 
Sendo sincero, até o final non o vimos preto. Hai que decatarse de que perdimos catro partidos en toda a temporada, e os tres primeiros foron nas catro primeiras xornadas, co cal vas enganchado cunha corda todo o ano. Recordo partidos que eran finais para nós. Fomos a Roupar sen poder perder, en Guitiriz igual… quizais cando gañamos en Guitiriz foi cando de verdade comezamos a pensar en subir.

Se non vestise a camiseta do «Atleti», non vestiría ninguna outra.

FUTBOLINLUGO: Todo equipo ganador ten algo que o fai destacar e, finalmente, vencer. Que tivo este Lourenzá que lle faltou outros anos?
IVÁN RECALDE: 
Eu creo que ao non marcarse o obxectivo de ascender desde o primeiro día e non ter esa presión desde agosto o equipo gañou. Ademais, perdemos xogadores que nos aportaban moitas cousas no campo (e fóra del). Pero destacou sobre todo o grupo. De todos os anos que levo xogando ao fútbol, quédome co grupo deste ano. Din que a unión dá puntos, pero somos a proba de que é totalmente real. Se o equipo funciona ben fóra, funciona ben dentro. Por último o tema da afección, nós temos algo único, o valor do clube é a afección.

FUTBOLINLUGO: Para o ano, a continuar defendendo os colores do “Atleti” por toda a provincia, non si?
IVÁN RECALDE: 
Si, se non visto os do Atleti non vestiría ningún outro. Si que pensei en deixalo este ano con bo sabor de boca aos 35 anos, pero creo que un ano máis podo aguantalo a bo nivel.

FUTBOLINLUGO: Como pichichi, non podemos concluír a entrevista sen preguntarche polo teu gol favorito do ano…
IVÁN RECALDE:
Probablemente o que marquei en Guitiriz, o 1-2. Non polo gol en si, que foi un bon gol, de cabeza, bonito, senón por todo o que supuxo.

Dáse a casualidade de que o irmán de Iván, Noé, tamén xoga no equipo, no seu caso como defensa. Pero outra parella de irmáns que foron protagonistas do ascenso son os mellizos Manuel e Luis Santamarina, quen, aínda en idade xuvenil, contribuíron cos seus goles a ascender ao equipo da súa vila tras un longo estadio na Segunda Norte.

FUTBOLINLUGO: Primeiro de todo, que supón para vós xogar co voso irmán?

MANU SANTAMARINA: Nada especial porque levo xogando con él toda a vida e é un máis.

LUIS SANTAMARINA: É xenial, para min xa é un ritual, sempre foi un compañeiro de equipo máis. Levamos 15 anos xogando xuntos e espero que sexan moitos máis.

FUTBOLINLUGO: Que significa o Lourenzá para vós?

MANU SANTAMARINA:  Todo en canto ao fútbol se refire.

LUIS SANTAMARINA: Significa moito, defender ao equipo da túa vila non ten prezo. Ademáis non é só un equipo de fútbol, senón que é unha vila enteira. Ademais practicamente todos somos de aí, e iso é fantástico.

FUTBOLINLUGO: Por qué fútbol e non outros deportes nos que destacan as Escolas, como o baloncesto ou o atletismo?

MANU SANTAMARINA: Supoño que porque os meus pais me meteron a fútbol, gustoume e xa non cambiei.

LUIS SANTAMARINA: Dende cativos sempre estivemos rodeados de balóns, creo que iso influiu moito, pero sen dúbida sempre foi o meu deporte favorito.

A nosa primeira opción sempre será o Lourenza.

 FUTBOLINLUGO: Aínda estades en idade xuvenil, onde os vedes nas vindeiras campañas?

MANU SANTAMARINA: Seguir no Lourenzá en categorías superiores.

LUIS SANTAMARINA: Para o ano rematamos a etapa de xuvenís e a verdade e que nunca me planteei deixar o meu equipo, se conto cos minutos que creo que merezo a miña primeira opción sempre será seguir no Atleti.

Así conclúe esta gran historia dun conxunto que, tras moitos anos intentando lograr o ascenso á Primeira Galicia, conseguiuno da man de xente da casa, conseguindo facer unha gran piña entre varias xeracións de xogadores para os que Santa Cruz xa é considerado un fogar.

 

 

 

A forza da «Faba Brava»

A Terceira chega ao seu fin con

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *