A Fonte e Os Medos son dous dos campos da provincia que centrarán as miradas este domingo. En cadanseu escenario xógase un ascenso á Primeira Galicia. Na Fonte de Cospeito actuará como local o Racing Villalbés B que recibirá ao Sanci. Os Medos volverá ser un dos estadios con máis ambiente da provincia e no que se medirán o Brollón e o San Lázaro.
Foto de portada: David Rodríguez
Final polo ascenso á 1ª (volta)
- Racing Villalbés B – San Ciprián (dom. 9 ás 17:00 h na Fonte)
- Brollón – San Lázaro (dom. 9 ás 18:00 h nos Medos)
Semifinais Copa Deputación 2ª + 3ª (partido único)


- Iberia – Candelaria (dom. 9 ás 18:00 h nas Valgas)
- O Becerreá xa está clasificado para unha final que se xogará no Anxo Carro o 15 de xuño.

A Fonte volverá exercer de casa para o Racing B ante o Sanci (0-0)
O 29 de outubro foi a última vez que o filial racinguista xogou no Roca. Precisamente perdera por 0-1 ante o San Ciprián. Fora a súa única derrota na primeira volta. Dende aquela o conxunto B mudouse ao veciño campo da Fonte, en Cospeito. Só o Cabreiros e o Roupar foron capaces de vencelos sobre o céspede artificial cospeités.
Para a final polo ascenso á Primeira, o Racing Villalbés volve apostar pola Fonte. Todo se decidirá alí porque no encontro de ida non houbo goles. O vento condicionou algo o xogo. O Sanci intentou transitar con velocidade sen moito éxito. O Racing B faltoulle maior claridade no último pase.

As oportunidades máis claras producíronse no segundo tempo. Unha para cada equipo. Por parte dos locais, Bruno rematou un centro e o balón foi despexado cunha boa parada de Pedro Roca. Migui foi quen levou máis perigo para os visitantes cun remate que petou no pau.
Os Medos desequilibrarán o Brollón – San Lázaro (1-1)
Na final por ascender á Primeira Galicia todo se decidirá no campo. De persistir a igualada haberá prórroga e penaltis, non inflúe a posición na que se rematou na liga regular. Por iso, o que aconteza sobre o céspede dos Medos será definitivo para comprobar quen logra o ascenso: Brollón ou San Lázaro.
Todo parte en igualdade porque tampouco hai diferenza entre os goles marcados na casa ou fóra. No partido de ida cada equipo marcou un gol nas Gándaras. Comezaron mellor os locais, aínda que ningún conxunto excedeu nos riscos e o encontro foise igualando. Davicín adiantou aos visitantes. Á saída dun córner, aproveitou un rexeite e marcou un gran gol dende fóra da área.
Tamén cun tiro dende a frontal da área, empatou o San Lázaro xusto antes do descanso. Anotou Carlos ‘Maci’ (non Carlos Macía, veciño popular da Pobra do Brollón). No segundo tempo o marcador non cambiou e as ocasións foron escasas.


📢 Datas e horarios das finais masculinas da Copa 2024!
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) June 6, 2024
1️⃣ Final Copa Segunda e Terceira Galicia
⚽ Sábado 15 de xuño. Anxo Carro (Lugo)
2️⃣ Final Copa Preferente e Primeira
⚽ Domingo 16 de xuño. A Medela (Taboada)
O Becerreá agarda rival na final da Copa que se xogará no Anxo Carro
Paralelamente á final polo ascenso á Primeira, xógase o tramo decisivo da Copa Deputación da 2ª e da 3ª. Non obstante, ás semifinais despútana integramente equipos da primeira. O Becerreá superou ao Friol (1-0). O Iberia e a Candelaria enfróntanse este domingo na outra semifinal. Se gaña o equipo de San Miguel de Reinante repetiranse os finalistas de hai dúas tempadas. Segundo puido saber Futbolinlugo, a final desputarase no Anxo Carro o sábado 15 de xuño.
O encontro no Municipal de Becerreá estivo igualado entre dous equipos que viñan de xogar o play off de ascenso á 1ª. O balón parado foi o método máis empregado para xerar perigo por parte de ambos. Desa maneira chegou o único tanto do encontro. Kevin aproveitou unha serie de rexeites para enviar o balón ao fondo da portería no primeiro tempo. No segundo acto, os visitantes puideron empatar, pero non o lograron.
Tal e como adiantamos no Diario dun Mercado, este foi o último partido de Javi Serén ‘Pájaro’ dirixindo ao Friol. O técnico friolés pon fin a unha etapa de algo máis de dous anos no club da súa vila.
