A Segunda Futgal lucense está vivindo unha competencia encarnizada no grupo sur. O empate do San Roque ante O Paramo por 2-2 permitiu que Becerreá, Santa Comba e o propio San Roque compartan o liderado da competición con 41 puntos. Unha situación única, xa que en ningunha das ligas nas que hai equipos lucenses envoltos chegaron con este nivel de igualdade a estas alturas de competición esta tempada.
Dous duelos directos para gañar a Segunda Futgal por disputar
O máis fermoso desta rivalidade polo campionato e que os afeccionados inda poden desfrutar de dous encontros nos que se decidirá boa parte da liga. O gran perxudicado é o San Roque, xa que é o equipo que afronta os dous encontros, xa que Becerreá e Santa Comba enfrontáronse na primeira xornada da segunda volta, cos pupilos de Yeray gañando por 1-2, ao contrario do que pasou na primeira volta. O San Roque terá que visitar primeiro ao Santa Comba en dúas xornadas e, a falta de catro partidos para acabar a tempada, recibirá ao Becerreá.
Nesta batalla non só está o campionato da Segunda Futgal, co seu respectivo ascenso á Primeira Futgal, senón que tamén está o único posto de promoción que hai nesta divsión. Destes tres equipos que agora están empatados a puntos, un deles non terá ningún tipo de premio, o que fai da situación algo de vida ou morte, xa que o traballo de toda a tempada pode non ser recompensado. Tampouco poden despistarse, xa que Ferreira, Paradela, Friol e Brollón están a moi pouca distancia dos tres, entre cinco e sete puntos de diferencia.
Os aspectos diferenciais para lograr o ascenso
Cada equipo sabe cales son os seus puntos fortes e débiles de cara a obter oo campionato da Segunda Futgal. O adestrador do Becerreá, Javi, cre que «ata o final non se vai decidir nada, todos sabemos que imos fallar. Nos queremos ser fortes na casa e fóra da casa xogar cinco finais«. Javi ve que pode ser clave para os seus «o grupo tan unido que temos e que nos momentos decisivos aparece. Ademais, temos a espiña de estar varios anos moi preto e penso que iso nos pode motivar para acadar o b».


O adestrador do San Roque, Piru, aclara que el non ve que «haxa moitas diferenzas entre os tres» e sinala que o campión da Segunda Futgal será «o equipo que máis aguante o tirón nestas dúas xornadas. Estamos fallando todos e ningún é capaz de estar máis de dúas semanas, a regularidade no primeiro posto será vital». Destaca coma o principal problema dos seus un «calendario moi difícil fóra da casa onde teremos que ir a Quiroga, Santa Comba ou Ferreira».
Por último, o adestrador do Santa Comba, Yeray, pon énfase no que é a súa «seña de identidade«, a súa capacidade de competición. «En todos os encontros temos unha actitude e intensidade que nos fai ser superiores sen ter un punto máis de calidade que o resto». Ademais, sinala que «unha gran fortaleza que aproveitamos son as dinámicas, xa que fomos quen de gañar moitos partidos nos últimos minutos a base de crer no que somos capaces de facer.
